LE PASSÉ, de Asghar Farhadi

A REDENCIÓN SILENCIOSA

Por non morrer de angustia e de vergoña, os homes están eternamente condenados a esquece-las cousas desagradables das súas vidas, e canto máis desagradables son, antes as esquecen”. Así sentenciaba un inspector sen nome encarnado por Roman Polanski en Una pura formalità, de Giuseppe Tornatore (1994). O argumento, porén, non estaría completo sen engadir que o esquecemento, por moi pretendido, nunca chega a ser real, sendo unicamente posible a súa camuflaxe baixo a alongada sombra da incomunicación. E só por mediación desa incomunicación se pode explicar a latencia das pantasmas do pasado nun presente que finxe telo esquecido, núcleo semántico de Le passé.

Asghar Farhadi ten moi claro o que quere contar mais non precisa ofrecer máis pistas cun título que, noutros casos, podería resultar moi ambiguo: aquí marca sen máis dilación a proveniencia do(s) conflito(s) presentes dende a primeirísima secuencia, así como a dirección que articularán ao longo da metraxe. Tampouco lle fai falta reforzar de modo máis explícito e superficial a idea da incomunicación, malia a ter material diexético para iso (diferencias culturais e idiomáticas), que emprega de xeito máis conxuntural que instrumental. O cineasta iraniano sostén a forza do seu guión, redondo, en dous piares principais: por unha banda, a implícita declaración de intencións desa primeira secuencia, minimalista, que presenta un marco relacional que, se ben non constituirá a liña de conflito principal de narración, si o espazo de confluencia e resolución dos mesmos; e por outro lado, o personaxe protagonista e a súa posición con respecto das verdadeiras dialécticas argumentais, que o afectan só de xeito colateral e por tanto permiten a súa intervención nas mesmas cun achegamento máis desmediatizado e íntegro.

A partir do ecuador do filme, cando xa as cartas sobre a mesa comezan a estar claras, a narración empeza a tecer unha dinámica na que queda patente que, as pantasmas do pasado, canto máis aterradas e ocultas, máis nocivas se tornan, e que así serán os seus efectos en canto emerxan inevitablemente a unha superficie na que poden facer moitos estragos, sendo precisamente ese personaxe protagonista, externo ás máis daniñas desas pantasmas, o reactivo limitante que axuda a paliar eses efectos e a conducilos dun modo o máis construtivo posible, dada a devandita “desafección” directa cos mesmos e a súa vontade de redención persoal, malia que non fose el en absoluto o causante ou catalizador de todos eses problemas. A discreta semente de culpa que empurra a acción estaría máis ben articulada no sentido de non ter feito o suficiente por eses personaxes (e velaquí novamente o tema da incomunicación) que agora sofren os efectos doutras relacións. Estamos, por tanto, ante unha instancia moi particular e minimalista do “mesías redentor”, desprovisto de calquera tipo de épica, vontade de medallas ou interese particular nas súas empresas.

A calidade do conxunto, en termos formais e narrativos, está lograda principalmente non tanto pola pericia duns diálogos nos que apenas sobran palabras, senón máis ben polo hábil dominio dos silencios, intercalados con eses mesmos diálogos e cargados dunha significación aínda maior; á par dunha dirección de actores moi parella ao fluxo dialéctico da narración, e que ten precisamente neses diálogos e silencios o seu principal vehículo de aproveitamento expresivo. Nun mundo asolado pola incomunicación, falan mellor os silencios que as palabras.

Non hai artigos relacionados.

Comments are closed.