MÁIS ALÓ DA ÚLTIMA FRONTEIRA

Dicíao Merovingio en Matrix Reloaded (The Wachowski Brothers, 2003), só hai unha verdade no universo: a causalidade, por cada acción hai unha reacción. Por iso non é de estrañar o fenómeno que, a modo de liña argumental, seguiu o festival de Sitges deste ano. Aínda que oficialmente a presente edición estaba dedicada ao mundo da intelixencia artificial algo se moveu de forma soterrada pero evidente: a profusión de filmes cuxa lectura trasládanos á inquietude pola crise mundial que seguimos a sufrir. Se ao principio falabamos de acción-reacción é porque as películas deste ano responden dalgún xeito ao visto na edición pasada. Se entón a crise manifestábase estrelándose con toda a súa crueza contra o último bastión defensivo (por exemplo en Secuestrados de Miguel Ángel Vivas), a institución familiar, os filmes deste ano xa non presentan batalla, senón que manifestan un escenario de derrota absoluta. Xa non se trata de como loitar en contra da crise, o seu triunfo dáse por descontado, senón de analizar que será do noso mundo unha vez todas as barreiras caian.

Un futuro que bascula entre o apocalipse enerxético e a distopía orwelliana pero que ten en común que o panorama trazado non é nada halagüeño, e máis se o comparamos co que os filmes de catástrofes (ou directamente catastróficos como os de Roland Emmerich) adoitan ofrecer, isto é, unha desastre máis ou menos destrutora pero que ao cabo sempre acaba cunha mensaxe positiva, ou se se prefire moralista, onde o ‘happy end’ actúa como motor de redención do ser humano. Unha visión egocéntrica que pon ao ser humano como capaz de superar calquera adversidade incluída a súa propia natureza. Por contra aos mundos post-crises que vimos pon paradoxalmente tamén o seu acento no ser humano, pero desde un prisma absolutamente oposto. O home é un animal cativo de si mesmo, dos seus instintos, un ser incapaz de se asociar por un ben común ou de rebelarse contra o mundo de inxustizas no que vive.

Ainda que a descrición destes mundos futuros posibles foi variada, tres son os grupos de filmes nos que se poderían dividir: as distopías sociais, os mundos post-apocalípticos e, quizais como novidade nesta clase de temas, aparecen un grupo de películas cuxa preocupación principal é analizar, desde un punto de vista intimista, o último día na terra tal e como o coñecemos.

Orwell renace, aínda que quizais nunca chegou a morrer do todo, en filmes como EVA (Kike Maíllo) ou Carré Blanc (Jean-Baptiste Léonetti). Filmes aparentemente opostos pero que nas súas visións extremas coinciden nun punto: a total deshumanización dos seres humanos. O contraste prodúcese entre a luminosidade do filme catalán e a escuridade do francés. Trátase de enfocar de xeito diferente como se pode perder dun xeito sinxelo aquelas cousas que conforman o que chamamos humanidade. Así en EVA asistimos a un mundo aparentemente harmonioso e perfecto, pero que, habéndoo fiado todo ao imperio da razón transfórmase nun páramo sen alma. Un mundo tan xeado como o pobo no que se desenvolve a acción e que acaba por mostrar que non hai diferenza entre os robots e as persoas, aprendendo aqueles o peor da nosa especie e fundíndonos nun magma onde a distinción xa non é posible. Moi diferente a este mundo atopamos unha sociedade en Carré Blanc onde a presenza dun ente dominante (sexa o estado, sexa unha corporación) encárgase de educar ás persoas desde pequenas nun ambiente de ultra competitividade, onde as emocións como a piedade ou a solidariedade son eliminadas en favor da humillación e a violencia. Unha distopía escura que serve para reflectir algúns dos aspectos da nosa sociedade actual (especialmente no ámbito laboral) e lanzar unha mensaxe de advertencia sobre onde poderiamos chegar, non só a curto prazo xa que, de forma soterrada indícanos que unha sociedade como a mostrada só ten un final: a autodestrución e con iso a extinción do ser humano.

Todos temos imaxinado nalgún momento o que fariamos no caso de que fose o derradeiro día antes do fin do mundo. Á semellante interrogación sempre respondemos con opcións que van desde o hedonismo máis festivo ata as mostras de depresión máis negras. Pero se algo teñen en común estas reaccións é que parten do suposto da autoconsciencia do fin, coma se tal evento puidese ser anunciado con antelación cal prognóstico do tempo. Esta tesitura é explorada desde puntos de vista que achegan ao espectador a este acontecemento. Todas elas comparten a exploración das reaccións humanas a pequena escala, ás reaccións íntimas que o suceso provoca. Afastámonos pois do modelo ‘michaelbayero’ (por exemplo en Armaggedon, 1998) onde as reaccións eran a escala mundial, imbuídas de heroísmo e dunha esperanza un tanto ‘naïf’. Así en 4:44 Last Day On Earth de Abel Ferrara todo redúcese á mínima expresión, a captar a esencia do drama nun espazo reducido, case claustrofóbico, onde as dúas reaccións opostas dos protagonistas metaforizan o que podería ser unha reacción a escala global. Un filme irregular, que bota en falta ao Ferrara máis virulento dos anos 90 e que parece mimetizarse coas actitudes zen da protagonista do seu filme.

Máis violenta en cambio resulta Melancolía de Lars Von Trier, película ampulosa máis na forma que no fondo. O espectáculo é dunha aparencia xigantesca; intentando reformular as teses cinematográficas tarkovskianas levándoas ao extremo, Von trier escenifica o drama que supón saber que o fin achégase inexorablemente, pero aínda que aparentemente estamos falando da destrución planetaria estamos ante o que é unha escenificación da destrución persoal como forma de redención. Unha colisión entre dous mundos que é o reflexo dun choque máis profundo, o das sensibilidades opostas familiares ou ata a que todo ser humano sofre entre o seu ser interno e o seu eu aparente. Un filme que, lonxe de distraer pola súa aparatosa posta en escena, consegue fundir o macro e o micro, o eterno e o efémero. Sen dúbida un dos filmes máis grandes que se proxectaron en Sitges 2011.

Máis lúdica preséntase Invasion of Alien Bikini segundo filme do director de The Neighbor Zombi, Oh Young-doo, onde segue con particular cinema de guerrilla, pouco orzamento, imaxinación desbordante e unha estética que bordea o delirio pop cando non o esperpento máis kitsch. Máis aló destas consideracións non deixa de ser apreciable o intento de reducir unha invasión alieníxena á mínima expresión: un só alien, enfundado no corpo dunha moza en busca de sexo, busca procrear para destruír o marco espazo-temporal. Argumento certamente delirante pero que conecta coa idea da invasión pola porta de atrás moi afastado da destrución masiva ao Independence Day (Roland Emmerich, 1996), como tamén afastada desta clase de cinema é a representación do heroe que ten que impedir a masacre. Achámonos ante o retrato dun perdedor, un anti-heroe lastrado polos seus traumas que oscila entre a inocencia máis naïf e a perversidad máis violenta. Un personaxe que se personifica como exemplo paradigmático do mellor e peor da sociedade surcoreana. Así pois lonxe da brincadeira prometida (que tamén o hai) Invasion of Alien Bikini acaba resultando un documento amargo sobre unha realidade que non é todo o bonita que aparenta e cuxo desenlace acaba por configurar un panorama negrísimo de destrución asegurada.

Argumentalmente máis clásicas, en canto ao seu tratamento do apocalipse, Hell do debutante Tim Fehlbaum e Juan de los muertos de Alejandro Brugués, penétranse en territorios post- apocalípticos xa transitados anteriormente. Así o filme presentado polo director alemán introdúcenos nun mundo moi conectado esteticamente coa saga Mad Max (George Miller) e argumentalmente con The Road (John Hillcoat, 2009). Co formato dunha road movie esta é unha película que deixa claras as causas -o cambio climático, e as consecuencias, a loita violenta pola supervivencia- do apocalipse. Unha formulación directa cuxa maior virtude é situarnos de plano no contexto pero que precisamente pola súa concreción argumental impide ir máis aló do que sería un survival movie clásico. Bótase en falta algo de máis de reflexión e de profundidade nas personaxes. Mais hai que resaltar a pericia do director tanto nas escenas de acción como na posta de escena, dándolle especial importancia á luz (segundo o director, Hell refírese á palabra alemana cuxa tradución sería “brillante”, non “inferno” en tradución inglesa) e á irónica banda sonora. Un filme intranscendente, que achega pouco ao xénero, pero que resulta cando menos entretido.

Pero o que non podía fallar, se de destrución e escenarios post-apocalípticos falamos, é o mundo dos zombies. Nesta ocasión veñen conquistar e destruír Cuba, co que a lectura política do tema queda máis que asegurada. É precisamente esta parte do filme a máis interesante, ao ofrecer un fresco da cotidianidade cubana e como afrontarían un escenario semellante. Un retrato que é debedor de Romero (como non!) pero que bebe máis de Shaun of the Death (Edgar Wright, 2004), imitando tanto a crítica á súa sociedade como o sentido do humor do que facía gala a película inglesa. Un intento que queda a medias ao ser as súas fontes demasiado claras, demasiado obvias e convertendo a metraxe nun desfile continuo de homenaxes e referencias cinéfilas que desvirtúan a mensaxe política completamente. Non por iso deixa este de ser francamente divertido, reflectindo a situación de deformación da realidade dos medios (os zombies son chamados disidentes no que posiblemente sexa o xiro máis divertido do filme) e a picaresca innata a certa cultura latina como xeito de supervivencia. Unha película, doutra banda, que non consegue metaforizar aos zombies máis aló do seu ámbito local e que logo perde a oportunidade de erixirse nun fresco global sobre os medos dos seres humanos ao enfrontarse a “os outros”.

Evidentemente sería imposible glosar todas e cada unha das películas con conexións argumentais cara outros mundos posibles. Con todo estes son bos exemplos dunha corrente que lonxe de amainar semella aumentar ano a ano en canto á preocupación por saberes cara onde se dirixe a sociedade. Unha preocupación que se afasta máis e máis das fábulas de salvación e que se encamiña cara a unha deriva cada vez máis e máis pesimista. Un cinema que empeza a fusionar xéneros, deixando a ciencia fición pura e dura para penetrarse no drama, a comedia ou ata no cine de denuncia política. O ano pasado caeu a familia, este ano o ser humano como individuo e, mentres esta crise (que non ten visos de rematares) continúe haberá que ver cal será a nova barreira, cinematográfica polo seu posto, que derrubará. En todo caso se parece que algo positivo podemos sacar de toda esta profusión de cinema catastrofista e da crise en si; por unha banda a toma de conciencia que estes filmes axudan a ter e por outro a desbordante imaxinación e profusión de ideas que se están a producires. O ano que vén veremos o que nos depara o destino, en todo caso agardemos que ante tanta destrución polo menos Sitges continúe en pé.

Comments are closed.