O mellor de 2021

Seguindo o espírito aberto no 2020, e fuxindo dun mero resumo do realizado no 2021, A Cuarta Parede volve preguntar ás súas colaboradoras polo repaso do ano. Un repaso libre, onde cinema e vida forman parte do mesmo: porque non entendemos a vida sen cinema, e porque hai máis vida alén do cinema. Onde unha viaxe, un libro, un filme ou unha canción ocupan o mesmo lugar. Porque as cousas están suficientemente mal como para poñernos exquisitos. En A Cuarta Parede apostamos pola liberdade, por escribir as nosas propias liñas sen render contas a ninguén. Así, sen máis vontade que deixar recompilado o ano do equipo que forma esta revista, damos paso ás propias colaboradoras. Con vós, O mellor de 2021.

Colaboran neste repaso: Pablo Aguilar Martín, Sergio de Benito, Miguel Gómez Abad, Alberto Hernando, Óscar Iglesias, Víctor Navarro Remesal, Nacho Ozores, Aldara Pagán, Víctor Paz, Jorge Pérez Iglesias, Marta Pérez Pereiro, Daniel Ribas, Brais Romero, Jesús Silva Vilas, Cibrán Tenreiro, Antón Varela, María Villamarín e Iván Villarmea.

Petite Maman (Céline Sciamma, 2021)

Petite Maman (Céline Sciamma, 2021)

Pablo Aguilar Martín

Sen orde de preferencia

Eartheater

Irma Vep, Olivier Assayas

Isabella Lovestory

El Observatorio y BRAVA    

Sun Dog, Dorian Jespers

Tan jóvenes y la pena, Millanes Rivas

Titane, Julia Ducournau

Tú, el mundo y yo, Jon Rafman

Cando sento a pensar, e escribir, o que considero que foi máis destacable do ano, véxome forzando a miña memoria para identificar as películas que máis gocei, ou que considero máis relevantes. Creo, en realidade, que non foi o meu mellor ano co cinema. E, a falta de visionar varias estreas coas que me atopo expectante, cústame moito seleccionar películas estreadas en 2021 que de verdade queira mencionar. Por iso, no meu top só hai tres obras fílmicas e só una delas é deste ano: Titane, de Julia Ducournau, por continuar asomándose, como xa fixo en Crudo, ás profundidades do body-horror en relación coa feminidade e o espertar sexual. Tamén descubrín Irma Vep, de Olivier Assayas (1996), nunha reposición programada pola Cineteca do Matadero de Madrid, que destaco pola frescura que conserva e a interesante reflexión sobre o meta e o vampirismo de imaxes obrigado ao que se somete o audiovisual contemporáneo. Pero o meu maior shock cinematográfico ocorreu con Sun Dog, do belga Dorian Jespers, pola sensibilidade coa que rompe barreiras entre xéneros e realiza un retrato atmosférico dunha Rusia profunda e boreal, a través dunha sorte de cerralleiro-guía que abre portas e ensina mundos, e que se sorprende co propio mundo exterior cando este se presenta estraño e inexplicable.

Aínda que non foi un ano especialmente memorable polo cinema que vin, si o foi a nivel musical. A hibridación entre diferentes estilos musicais está a concluír nunha desaparición do xénero como tal, e isto estase trasladando mesmo ao mainstream. É o caso de Isabella Lovestory, revolucionaria e pensadora do reggaetón industrial, a quen tiven a sorte de poder ver na Boiler Room de Barcelona, e que se presenta como unha transgresora do perreo escuro con temas como Mariposa ou Kitten Heel. Tamén comecei a escoitar hai uns meses á artista holandesa Eartheater, que transita entre a electrónica experimental e o art pop, e cuxos videoclips, en ocasións dirixidos por ela mesma, supoñen apostas moi interesantes con referencias frescas e ultra-contemporáneas como é a do GTA en Joyride. Seguindo coa liña musical, quero citar tamén o festival de El Observatorio, situado no pobo leonés de Balboa, cunha programación variada e emerxente, destacando sobre todo o set de BRAVA, unha dj vasca de actitude única trala mesa de mesturas. O festival, ademais das súas apostas musicais, é valioso tamén pola diversidade de actividades que ofrece e a súa visión sobre a habitabilidade do territorio rural.

Por último, dúas mencións non agrupadas, unha literaria e outra fotográfica. Tan jóvenes y la pena, de Millanes Rivas (editorial EDiecieséis), é un relato sorprendente na súa forma e contido. Alternando prosa, lírica e dramaturxia, Rivas realiza un estudo de personaxes complexos e contrastados, queers, poliamorosos, que viaxan entre o costumismo da Moraleja estremeña e a escena nocturna barcelonesa, incorporando elementos propios do realismo máxico e experimentando mesmo co formato das páxinas. A miña outra mención refírese a Tú, el mundo y yo, de Jon Rafman, proxecto fotográfico exposto actualmente en La Casa Encendida en Madrid e que propón un achegamento á post-fotografía a través de capturas de pantalla de imaxes bizarras e agresivas atopadas en Google Earth. Nun mundo inmediato e sobre-saturado de imaxes, é unha salvación de proxecto fotográfico que crea e resignifica a través da reciclaxe.

Titane (Julia Ducournau, 2021)

Titane (Julia Ducournau, 2021)

Sergio de Benito

Un ano máis volvemos a ter a posibilidade de confeccionar este listado co máis destacado de 2021 a nivel persoal, sen que forzosamente inclúa películas. Nesta ocasión, seguindo con algo máis de optimismo as miñas pesarosas palabras do texto do ano anterior, o que máis representou a miña relación co mundo no período que remata volveu a ser o cinema. Agora non só por ser a actividade que máis encheu cada un dos meus días con moita diferencia, senón porque o momento de regreso ás pantallas e espazos que levaban un tempo sen ser frecuentados, ese reencontro con caras coñecidas e lembradas, foi moi ben acompañado por unha notabilísima calidade e variedade nas novidades cinematográficas.

Polo tanto, a lista que vén a representar o meu ano inclúe once filmes datados entre 2020 e 2021, vistos nunha pantalla de cinema con público durante este período de doce meses e que significaron algo poderoso a nivel persoal nalgún momento do mesmo, cando non veñen a ser case un fiel debuxo dos trazos inestables polos que sospeito lembraremos este ano no futuro. Non é necesariamente un listado das que creo mellores, pois neste sentido habería varias ausencias inconcibibles (Sciamma, Hamaguchi,…) e sempre cabería engadir moitos máis títulos, aínda que tamén perfectamente podería selo.

Por orde alfabética:

Borrar el historial (Benoît Delépine & Gustave Kervern, 2020)

Diarios de Otsoga (Maureen Fazendeiro & Miguel Gomes, 2021)

El gran movimiento (Kiro Russo, 2021)

First Cow (Kelly Reichardt, 2020)

Il buco (Michelangelo Frammartino, 2021)

La crónica francesa (Wes Anderson, 2021)

La isla de Bergman (Mia Hansen-Løve, 2021)

Malmkrog (Cristi Puiu, 2020)

Outside Noise (Ted Fendt, 2021)

¿Qué vemos cuando miramos al cielo? (Alexandre Koberidze, 2021)

Un cielo tan turbio (Álvaro F. Pulpeiro, 2021)

Diarios de Otsoga (Miguel Gomes & Maureen Fazendeiro, 2021)

Diarios de Otsoga (Miguel Gomes & Maureen Fazendeiro, 2021)

Miguel Gómez Abad

As listas do mellor do ano, ou de cousas que nos marcaron durante o mesmo, son complexas de facer. Sempre vai quedar algo fóra ou algo que deberías ter visto e que segue pendente nun caixón, polo que o feito de pénsalas alégrame e entristéceme a partes iguais, pero penso que son moi interesantes, así como unha maneira de poñer en común todo iso que nos atrae e marabilla.

Esta lista é un pequeno achegamento ao que supuxo para min este 2021, un ano que me deu algunha alegría moi grande, pero que en xeral foi tan ou máis gris que o anterior… Fago esta lista coa esperanza de que o próximo ano todo vaia mellor, que a resistencia pagase a pena e comece a dar os seus froitos. A orde de abaixo non responde a ningún sistema de puntuación ou análise, só ten que ver co xeito no que me viñeron á mente as pezas que quería incluír. Son 7, porque o número 7 é especial para min.

1. Espíritu Sagrado, de Chema García Ibarra. Unha das últimas pelis que vin do ano e unha das miñas poucas achegas á sala compostelá NUMAX. Aquí teño que confesar que fixen moi pouco acto de presencia nas salas de cine nestes estraños e convulsos dous anos. Inclasificable filme, que debuxa un universo moi particular, costumista ata o extremo, intelixente, cheo de detalles moi persoais que fan gala dunha forma moi concreta de entender o cine, e que vai moito máis alá de ser un retrato social dunha idiosincrasia tan próxima para converterse en algo a reivindicar. O final é unha boa patada no estómago, pero a viaxe, e ver como todas as pezas encaixan, son motivos suficientes para pagar calquera peaxe.

2. El cuento de la criada. Serie que por fin comecei a ver e foi un descubrimento de identidade, forza visual, fotografía calculadísima e fidelidade a si mesma nunha narrativa que prefire tomarse as cousas con calma e non ten medo a ver isto como unha traba. Dentro do comercial, antóllaseme algo anti-comercial, e creo que iso é moi importante nas altas esferas das producións, esas ás que máis persoas poden acceder, por estar en plataformas que son auténticas aglutinadoras de subscricións.

3. HBO. Este ano é sen dúbida o ano no que saldei contas con esta produtora e distribuidora americana que, aínda que non ten a enorme e inabarcable cantidade de contido que teñen outras plataformas como Netflix ou Amazon, o que ten, adoita ser moi bo. Entre as series que vin este ano nesta plataforma quero destacar The Night Of, The Jinx, Mare of Eastwood, Big Little Lies e Chernobyl.

4. A noticia das primeiras imaxes da rodaxe, por parte tamén de HBO, de The Last of Us. Unha serie á que lle teño a mirada enriba e penso que pode ser unha das grandes obras televisivas do 2022 por varias razóns, pero penso que a máis importante é que estarán á fronte da adaptación Craig Mazin (Chernobyl) e Neil Druckmann (director dos dous videoxogos que hai ata agora). Marabilloume o primeiro videoxogo de Nauhgty Dog no que está baseada, un clásico que rexoguei múltiples veces e que me influíu moito (sen ir máis lonxe, a miña última curta ten trazos do mesmo, e o seu título, O que queda de nós, é unha homenaxe a esta historia, que xunto con Kojima ou David Cage leváronme a ver os videoxogos dende outra perspectiva no que se refire á narrativa e creación de personaxes).

5. Libertad. A ópera prima como directora de Clara Roquet desborda tanta honestidade e naturalidade que acariña o milagre en cada escena. Fermosísima película que nos presenta a unha cineasta perfectamente en sintonía cunhas actrices das que se vai falar moito nun futuro próximo.

6. Darme de conta de que o thriller español cada vez ten menos que envexar ao americano. Por moito que colla fórmulas deste último, lévaas a outro terreo. Só fai falta ver películas como Tarde para la ira, Que Dios nos perdone ou Quién a hierro mata, para reivindicar o talento e calidade do noso cinema.

7. Que os festivais de cine este ano acadaran algo de normalidade e ver que o público en xeral respondeu e apoiou moitas iniciativas fíxome sentir felicidade e estar moi orgulloso, non só da xente que os organiza, senón de todo o mundo que cre neles e dos cineastas que tamén os fan posibles.

Espíritu sagrado (Chema García Ibarra, 2021)

Espíritu sagrado (Chema García Ibarra, 2021)

Alberto Hernando

Years and Years (Russell T. Davies, 2019) [Miniserie] – Porque o colapso é iso.

Descubrir a Iván Illich (Últimas conversaciones con Iván Illich, David Cayley) [Libro] – Porque ninguén pensou nin practicou as redes de amizade como resistencia coma el. Nas súas ideas resoan algunhas das mellores películas que vin este ano, como Quién lo impide, de Jonás Trueba.

Vacaciones en Roma [Viaxe] – Porque nas diferencias entre Bernini (teatral, dramático) e Borromini (abstracto, desde a luz e o espazo) hai ecos dalgúns debates cinematográficos. E outras imaxes moi cinematográficas: as ruínas de Vila Adriana, a Fontana di Trevi sen turistas e o Vaticano sen colas, a cidade do turismo baleira… E os praceres privados de toda viaxe, que gardo para min.

Wong Kar Wai, David Cronenberg, David Lynch… Oxalá máis reestreas coas que revisar as filmografías así. Volver ver todos os filmes de Cronenberg foi unha das mellores experiencias de 2021.

Cristina Morales, Sara Mesa, Andrea Abreu, Elena Medel [Literatura] – Comprobar nun ano como o mellor da literatura actual escríbese en feminino. E combinalo con Los Episodios Nacionales de Galdós.

Manter un cinefórum semanal con seis amigos, en privado e sen necesidade de rendibilizalo. Unha das poucas cousas boas que xurdiron da pandemia e aínda permanecen. Alí descubrín canto me gusta Bertrand Tavernier, a Bella durmiente (de Ado Arrieta), The Pleasure of Being Robbed, Viaje a Sils Maria

Nin Destello Bravío, nin Espíritu sagrado, a maior e mellor produción de risco española que vin este ano chámase Comedia sin título, e é teatro.

Reencontros e descubrimentos: Céline Sciamma (Petite Maman é un milagre), Whit Stillman, Éric Rohmer, Pasolini e Os anxos de Charlie, ver Girls, Libertad de Urbizu (non a outra), Emmanuel Mouret, Malmkrog, Paul Verhoeven, Titane, La mujer que escapó, James Bond (a nova non), a serie de Steve McQueen, Spring Blossom de Suzanne Lindon, Uno de nosotros de Thomas Bezucha, Ryûsuke Hamaguchi… 

Malmkrog (Cristi Puiu, 2020)

Malmkrog (Cristi Puiu, 2020)

Óscar Iglesias

Os excesos manieristas dos grandes cineastas.

Moitos dos filmes que máis me gustaron deste ano supoñen penetrar cara a unha dimensión máis autorreferencial na posta en escena de cineastas que xa viñan sendo idiosincrásicos de seu: películas en plan “aquí tes dúas cuncas de caldo”. The French Dispatch, de Wes Anderson ou Annette, de Leos Carax foron deliberadamente polarizantes, para min xeniais. En troques, non comunguei coa Benedetta de Verhoeven (foi a favorita da miña parella), aínda que lle recoñezo a súa entrega kamikaze ao “máis é máis”. Supoño que a opción de consenso desta colleita de cinema hiperbolizado sería o Dune de Denis Villeneuve; non coñezo ninguén que non saíse encantado destas dúas hora e pico de prolegómenos.

As columnas de Pablo Batalla.

Coñecía desde hai tempo a Pablo Batalla polo seu bo facer como director do xornal da Semana Negra de Xixón, pero seica 2021 será o ano da súa consagración masiva tras ser fichado como columnista en medios como CTXT ou La Marea. Nos seus artigos, así como no seu recente libro Los nuevos odres del nacionalismo español, sabe explicar con claridade e brillantez (conceptos non excluíntes) os males que nos afectan nesta nova, nova normalidade.

O videoclip de Montero (Call me by your name).

Os pouco máis de 3 minutos que dura o viral da súa canción Montero (Call me by your name), lap dance satánico incluído, servíronlle ao rapeiro Lil Nas X para catapultarse ao estrelato ao mesmo tempo que se chanceaba da educación patriarcal recibida e facía un importante manifesto de visibilidade nunha comunidade aínda moi hermética. Como non ter fe nas novas xeracións, vendo o preparadas que veñen!

O fenómeno Drag Race en España.

Un tiña medo de ver como ían adaptar este formato de talent show de transformistas que leva tempadas arrasando no mundo anglosaxón ás peculiaridades do panorama catódico hispano, máis dado ao realities histriónicos de salseo sentimental que aos de artes e oficios. Contra todo prognóstico, o transvase foi un éxito: Drag Race España conquistou o mainstream (tournée teatral incluída) sen sacrificar o seu enfoque de nicho queer, sendo as súas principais bazas a dinámica montaxe e un elenco ateigado de divas carismáticas. Longa vida ás drag queens nacionais.

WandaVision.

Hai voces que aventuran unha certa fatiga superheroica e que o xénero amosa signos de extenuación e hiperexplotación. Porén, os feitos non lles dan a razón: a mellor serie do ano foi a protagonizada pola Bruxa Escarlata e Visión. A clave está en seguir aplicando I + D ao molde orixinal do MCU: homenaxes e pastiches das sitcoms televisivas do século XX, unha mystery box ao estilo Abrams ou Shyamalan onde todas as pezas encaixan, entremeses camp da man de Kathryn Hahn, equilibrio entre o desenvolvemento do universo transmedia e o arco argumental dos personaxes… Oxalá o audiovisual convencional adoitase ser tan imaxinativo e transgresor.

Primavera para Madrid e os cómics de non ficción.

Como testemuña a afouta Primavera para Madrid de Magius (unha documentadísima sátira sobre as tramas de corrupción do PP da capital estatal, recente Premio Nacional del Cómic), a banda deseñada destapouse como o medio ideal para ensaios, memorias e historias de non ficción. Antes da crise do papel, estes meses chegaban aos andeis das librarías varios exemplos meritorios desta tendencia, como o álbum Vinyetari (cos gañadores e finalistas do concurso do diario Ara), No siento nada de Liv Strömquist, El secreto de la fuerza sobrehumana de Alison Bechdel, La soledad del dibujante de Adrian Tomine, Oleg de Frederick Peeters, Todo bajo el sol de Ana Penyas ou Warburg & Beach de Jorge Carrión e Javier Olivares, por citar só algúns.

El jardín de las delicias en Matadero Madrid.

“Unha invitación a repensar e conectar dende o contemporáneo coa obra mestra de Hieronymus Bosch.” As experiencias expositivas do século XXI deberían ser como a desta mostra colectiva: interactividade, pluridisciplinariedade, recontextualización, museística inmersiva, e por riba gratis (mellor que non o saiba o alcalde de Ourense ou lle dá un síncope). Unha vintena de xardíns que dan para perderse tardes enteiras neles.

Campo de plumas.

Moi necesaria esta escolma de poemas LGTB+, editados e traducidos ao galego por Jesús Castro Yáñez; publicados ademais na colección xuvenil de Rinoceronte, co gallo de achegalos a lectores mozos. Como devecería ter lido unha recompilación como esta na miña adolescencia de clube dos poetas mortos.

Annette (Leos Carax, 2021)

Annette (Leos Carax, 2021)

Víctor Navarro Remesal

Acaso será pola desorde pandémica, cústame atopar os límites e o relato unificador deste ano: o que se estreou en decembro de 2020 ou xa en febreiro? É esta serie nova ou só quedou pendente? De que foi este 2021? No meu caso, só vexo clara a confirmación dunha agradecida desconexión coas presións da actualidade: este foi un ano de feliz dispersión e contrastes, de ir a macrosalas e acto seguido aplaudir un clásico rescatado. Se tivese que atopar fitos, quedaría algo así:

1. Netflix coida a comedia máis de nicho, coa segunda tempada de I Think You Should Leave, de Tim Robinson, e a primeira de Aunty Donna’s Big Ol’ House of Fun, dous programas de sketches cunha enerxía demente que me mantivo cordo.

2. A animación abraiou. Chegou finalmente Evangelion 3.0+1.0, a miña estrea favorita do ano, e pilloume por sorpresa La cumbre de los dioses e Los Mitchell contra las máquinas. Ademais, a stop-motion tivo un ano dourado, con Pui Pui Molcar, Junk Head, Mad God e os dous especiais de Nadal de Aardman.

3. O ciclo Universo David Lynch amosa que os cinemas independentes seguen tendo sentido e que os clásicos poden encher salas (eu tiven a sorte de presentar varias sesións en CineCiutat, en Palma).

4. Dinamarca e Mads Mikkelsen golpean dúas veces, con Druk e Riders of Justice, de Anders Thomas Jensen, candidata á miña película favorita do ano.

5. Tux and Fanny. Expansión da serie animada de Instagram/película underground, este xogo namoroume coa súa caixa de sorpresas inesgotable.

6. Os xogos de Gagex. Esta compañía xaponesa especializouse en producións de móbil que combinan o xogo idle coa xestión de negocios e narrativas emotivos en forma de visual novel, liña que continuaron con Showa Candy Shop 3 e Hungry Hearts Diner 2, pero en 2021 ademais lanzáronse cunha aventura narrativa para consola, The Kids We Were.

7. O cinema de acción demostrou este ano todo o que dá de si, co corpo a corpo de Nobody, as coreografías hipnóticas e dramáticas de Rurouni Kenshin: The Final e The Beginning, a loita de kaijus de Godzilla vs. Kong (a película que máis claro tiña o que facía) e as persecucións cartoon de Fast & Furious 9.

8. Dous novos clásicos do Nadal improbables: Silent Night (que guion!) e The Green Knight (que enunciación!).

9. Hong Sang-soo e Naomi Kawase, que coincidiron no verán en billeteira con La mujer que escapó e Madres verdaderas.

10. Más allá de los dos minutos infinitos, quizais a maior sorpresa do ano. Entre esta, Riders of Justice, Silent Night e Evangelion 3.0+1.0 estaría a miña favorita de 2021, pero ante un ano tan disperso e completo, acaso hai que escoller?

Evangelion 3.0+1.0 ( Hideaki Anno, Kazuya Tsurumaki, Mahiro Maeda, 2021)

Evangelion 3.0+1.0 ( Hideaki Anno, Kazuya Tsurumaki, Mahiro Maeda, 2021)

Nacho Ozores

A medida que se achega o final do ano, decátome de que aínda me faltaron moitas cousas por ver, ler e escoitar, e estou seguro de que moitas delas entrarían nesta listaxe, mais como non se pode querer estar ao día de todo (e menos mal), aquí vos deixo as miñas recomendacións do que máis me chamou a atención este ano.

Comezando pola película Quo Vadis, Aida?, de Jasmila Žbanić, que narra un cruel acontecemento histórico no que 8.372 persoas de etnia bosníaca musulmá foron asasinadas a mans do exército serbio. Cóntao a través dos desesperados intentos dunha muller que traballa como tradutora para a ONU, pero que por encima de todo é unha nai que trata de protexer á súa familia da morte. Esta dureza e esta temática tamén está plasmada na segunda recomendación: Masacre: Ven y mira, de Elem Klimov, que aínda que sexa un filme de 1985 da URSS, este ano fíxose máis coñecida e accesible pola estrea da súa copia restaurada. Relata os horrores da guerra a través dos ollos dun neno que quere ir a ela, mais progresivamente vaise estremecendo e endurecendo ao ser testemuña directa do sufrimento alleo. A terceira recomendación ven dunha bonita experiencia que tiven o ano pasado rodando a película Tres, de Juanjo Giménez, que tivo a súa estrea en salas fai unhas semanas. Non só quero destacala por ser unha rodaxe que me reconectou coa profesión, senón porque paga a pena resaltar a orixinalidade da súa proposta, o tratamento sonoro e a brillante interpretación de Marta Nieto, encarnando a unha deseñadora de son que perde a sincronía na súa vida e comeza a escoitalo todo con retardo. Cine de autor feito na casa. A seguinte é unha película colombiana dirixida por Fernando Trueba, El Olvido que Seremos, un deses filmes que che fan saír do cine co corazón quentiño, en boa parte pola historia, pero tamén grazas á interpretación de Javier Cámara, que dá vida a un médico activista polos dereitos humanos no complexo Medellín dos anos 70. Tampouco podo deixar de recomendar a película británica Surge, de Aneil Karia, onde Ben Whishaw interpreta de xeito abraiante a un home torturado con trastorno bipolar que está a punto de sufrir un ataque maníaco polas rúas londinienses, desencadeado polo seu contexto vital. Una mirada limpa, que comprende sen xulgar este tipo de enfermidades mentais, e sobre todo, fainos lembrar a importancia da saúde mental e emocional nestes tempos. Por último, quero recomendar o libro Greenlights, de Matthew McConaughey, onde o actor conta a súa experiencia de vida despois de cumprir 50 anos, pero máis que un libro de memorias ou de consellos, sorprendeume por ser un libro de reflexión sobre a vida e sobre os pequenos descubrimentos de aprendizaxe que un vai descubrindo polo camiño, as luces verdes.

Quo Vadis, Aida? (Jasmila Žbanić, 2020)

Quo Vadis, Aida? (Jasmila Žbanić, 2020)

Aldara Pagán

Estirando el chicle, Carolina Iglesias, Victoria Martín

O podcast de Carolina Iglesias e Victoria Martín foi para min unha das mellores cousas deste 2021. Esta imprescindible sesión radiofónica nacida a partir da necesidade de “rajar” sobre todas as cousas indignantes, chega a alcanzar o posto de podcast máis escoitado de España, recibe un premio Ondas 2021 a mellor podcast e fai un par de días converteuse no primeiro espectáculo (coa súa sesión en directo) non musical en esgotar todas as entradas para o WiZink Center en menos de 24 horas. Carolina Iglesias e Victoria Martín gustan, fan rir e emocionan porque son reais e falan de problemas reais coa maior naturalidade do mundo. Tratan temas como a amizade, a violencia machista, o sexo, as RRSS, o mundo laboral, a vida en parella, a maternidade, as drogas, a saúde mental, a cuestión do xénero, a festa, a ansiedade, a rabia contida, ou ata a simple necesidade de cantar, rir ou berrar. Todo isto acompañado de grandes convidadas como Chelo García Cortés, Rigoberta Bandini, Manuela Carmena, Inés Hernand, Amarna Miller, Abril Zamora ou Mónica Carrillo. 

Caliente, Luna Miguel

A principios deste ano publicouse Caliente, de Luna Miguel. Un libro que me rebentou enteira. A autora, que xa me conquistou fai anos con obras como Los estómagos, El funeral de Lolita ou El coloquio de las perras, parte esta vez dun corazón roto e, arredor disto, constrúe un relato e toda unha teoría crítica sobre temas como o desexo, o amor plural ou o autopracer, partindo da súa experiencia persoal. Durante todo Caliente, atopamos ademais un diálogo constante entre a autora e outras grandes escritoras, vivas e mortas, ás que admira e cuxas teorías revisita e debate en busca de respostas. Grazas, Luna. Chorei, reflexionei, enorgullecinme, cuestioneime e aprendín a quererme mellor a min e aos outros léndote. 

Vida perfecta, Leticia Dolera

A segunda tempada de Vida perfecta, a serie de Leticia Dolera, fíxose de rogar, pero por fin chegou, a piques de rematar este ano 2021. A primeira parte desta obra foi aclamada polo público e pola crítica: estreada no Festival Internacional de San Sebastián, Palma na segunda edición de Cannes Series á mellor serie, Premio Feroz á mellor serie de comedia, Premio Fotogramas de Plata á mellor serie de televisión… E a segunda ten todas as papeletas para non quedar atrás. Vida perfecta tócache as entrañas dun xeito case invisible pero realmente inesquecible. O tratamento da crise, do medo, da felicidade, o cuestionamento da moral e a firmeza dos seus personaxes fai que se converta nunha das mellores series españolas dos últimos tempos. 

Shego, Maite, Raquel, Irene, Aroa

Vienes a invitarnos a copas / Dices: “Sois tan diferentes a las otras, joder” / “Os iría mejor si vinierais a mi casa y me comierais un poquito la polla” / Llámame por mi nombre y cierra la boca / Prefiero respeto / No me ofrezcas coca, no / Cállate, cierra la boca / Ten cuidado conmigo / Que me vuelvo loca

Shego chegou á miña vida este ano para roubarme totalmente o corazón, para dicir todas esas cousas que necesitas gritar tantas veces pero non acabas de facelo. Shego son Maite, Raquel, Irene e Aroa. A banda nace en Madrid, e pasa desde o punk, o lo-fi e o pop ata sons máis electrónicos e raveros. Teñen furia, diversión, estilo e os pés na terra. Estou desexando coñecer todo o seu novo traballo para este 2022. 

Espíritu Sagrado, Chema García Ibarra

Un dos filmes que máis me marabillou nos últimos tempos foi Espíritu Sagrado. Unha película para extraterrestres, para mortos, para non humanos. Chema García Ibarra é capaz de facerte rir a lágrima viva, e sen que te decates, apuñalarte no estómago con esta peza. Un humor que lembra ao estilo de Cuerda, pero moito mellor, con máis gusto. 

Deborah Phillips, (S8) Mostra de Cinema Periférico

Neste 2021, tiven a gran sorte de coñecer a Deborah Phillips, grazas ao espazo que o (S8) Mostra de Cinema Periférico de A Coruña lle adicou nesta edición á cineasta alemá. Phillips, que leva creando dende os anos 80, é un claro exemplo da relación entre as belas artes e o cine. Viaxa polo fílmico a través dos collages, a pintura, os obxectos atopados, o contraste de cores e obxectos e sons, usando transparencias, laca de uñas, apostando polo cine sen cámara. Puxo ao público do festival en pé, aplaudindo, sorrindo e celebrando o traballo e a vida da artista. Deborah Phillips é unha muller, unha artista, inolvidable.

Samantha Hudson

A presenza mediática de Samantha Hudson nos últimos tempos ten medrado como a espuma. A súa carreira despunta e abraia en todos lados. Co seu novo single, “Por España”, Hudson desmonta ese rancio concepto de españolidade que volve agromar na actualidade, atrevéndose a flirtear coa figura de Francisco Franco e ata a dispararlle na cabeza. Os shows desta diva enchen teatros e os seus looks arrasan nas alfombras vermellas de todo os eventos. Combinado con todo iso, a súa personalidade irresistible, performática e a súa forte conciencia de clase están conseguindo que se converta nun claro ídolo xeracional. Se houbera eleccións en España a día de hoxe, gañaríaas Samantha Hudson.

Solaina Galería, Antía Carreira, Sergio Marey

Solaina Galería nace en Lugo no 2020, da man de Antía Carreira e Sergio Marey. Empezou facendo ruído e chamando a atención do mundo artístico galego. Un espazo alternativo, punk, ceibe e coas portas abertas. Neste 2021, afianzou totalmente o seu propósito. Solaina Galería convértese xa nun símbolo da creación artística emerxente galega, un punto de encontro, de axuda e de partillar. Carreira e Marey téñeno claro e queren apostar polas novas xeracións, esas ás que eles pertencen e ás que grandes espazos museísticos, festivais ou institucións lles dan as costas. E sinceramente, eu, agardo que lles dean todos os euros de Galicia e parte do estranxeiro para que sigan facendo grande a súa marabillosa galería. 

Billy’s Violence, Needcompany

Billy’s Violence, da Needcompany, puido verse neste 2021 na Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia. Para min, un dos mellores espectáculos desta edición da MIT. A compañía foi creada por Jan Lawers e Grace Ellen Barkey no 1986, e dende entón estableceron un proxecto multicultural e multinacional, sempre co cuestionamento da linguaxe artística e coa beleza como lugares de referencia para a creación. Seguindo o seu camiño de deconstrución dos clásicos, a Needcompany fai en Billy’s Violence un percorrido por dez das traxedias de William Shakespeare. Un cúmulo de violentas escenas, coas mulleres como protagonistas, que tratan tanto da violencia no teatro, na época de Shakespeare, como na nosa vida actual.

La performatividad de las imágenes, Andrea Soto Calderón

Finalizo esta listaxe co libro La performatividad de las imágenes, de Andrea Soto Calderón, que para min xa se converteu nunha desas lecturas imprescindibles para entender o mundo, ou intentalo. A obra plantéxase como unha liña digresiva respecto “ás reflexións críticas en relación ás imaxes que se lamentan sobre o estado do noso presente”. Un presente que “se caracteriza por unha mestura de refinamento tecnolóxico e extrema estupidez, unha perda de interese na realidade da vida e un desexo radical de fuxir do corpo para entregarse á sedución das imaxes”. Isto, segundo a autora, conduce á desrealización da vida, o desprezo pola realidade concreta.

Estirando el chicle (Carolina Iglesias, Victoria Martín)

Estirando el chicle (Carolina Iglesias, Victoria Martín)

Víctor Paz 

8 CINEASTAS QUE QUEDARÁN NO RECORDO

1. Apichatpong Weerasethakul – Memoria 

Un Apitcha en forma, cómodo en terreo colombiano desenvolvendo os seus temas e estética habitual. A novidade é o tratamento sonoro, literalmente doutro mundo.

2. Leos Carax – Annette

Liberdade creativa total sen medo ningún ao ridículo, sen barreiras. É un filme gozoso, complexo e incómodo no temático e no formal. Adam Driver é unha besta da interpretación.

3. Ryûsuke Hamaguchi – 偶然と想像 (Ruleta da fortuna e a fantasía) + ドライブ・マイ・カ (Drive My Car)

Poucas veces na historia do cinema terá alguén feito dúas obras mestras nun ano. Gústame das dúas a súa traballada estrutura argumental, o seu pulso narrativo e a sobresaínte dirección de actores apoiados en excelentes diálogos. Ao cabo, penso que conecto coa sensibilidade do xaponés, e iso é o que me fai adoralo.

4. Yuri Ancarani – Atlantide

Como se pillas unha de A todo gas pero con lanchas polas canles de Venecia e lle dás un aire de youtuber documentalista con música urbana petándote os tímpanos. A edición é dunha radicalidade a aplaudir.

5. Pedro Almodóvar – Madres paralelas

Un filme valente no que o manchego se mostra a corazón aberto en torno aos conceptos da maternidade e a memoria histórica. Esa última escena quita o alento, do mellor que rodou Almodóvar. Penélope Cruz nunca brillara tanto.

6. Abel Ferrara – Zeros and Ones

O mellor filme que existe sobre o confinamento, por moito que se disfrace de thriller psicótico. Ferrara deixa fluír as súas paranoias apocalípticas nun novo exercicio de cinema como terapia. Igual de críptica que as súas fitas recentes, pero menos alegórica, máis directa. Moi xoguetona coa imaxe dixital. Un berro de artista libre engaiolado.

7. Alexandre Koberidze – Ras vkhedavt, rodesac cas vukurebt? (Que vemos cando miramos ao ceo?)

Bonita e orixinal sinfonía urbana con forma de elegante comedia romántica.

8. Ridley Scott – The Last Duel

Cru filme de época ao Rashomon sobre o esquiva que pode resultar a verdade. Gústame del que non xulgue os personaxes e presente as súas versións dos feitos sen trucos maniqueos. Arma un intelixente discurso feminista sen a necesidade de se presentar como militante. Vaia pedazo de actriz Jodie Comer.

UNHA SESIÓN DE CURTAS IDEAL

In Flow of Words (Eliane Esther Bots, 2021) + Surviving You, Always (Morgan Quaintance, 2020) + Imperdonable (Marlén Viñayo, 2020) + Le quattro strade (Alice Rohrwacher, 2021).

Son filmes que, con distintas aproximacións ao cinema de non ficción, falan da nosa realidade actual con rigor e cada un deles dende a súa propia singularidade.

OS CLÁSICOS (RE)DESCUBERTOS

A obra completa de Márta Mészáros, que está a recuperar MUBI facendo uso de novas restauracións da Filmoteca Húngara; e dúas fitas de Bette Gordon, a quen o Play-Doc dedicou este ano un completo ciclo: The United States of America (1975, xunto a James Benning) e Variety (1983).

Memoria (Apichatpong Weerasethakul, 2021)

Memoria (Apichatpong Weerasethakul, 2021)

Jorge Pérez Iglesias

The Suicide Squad (James Gunn, 2021)

O filme de autor máis caro da historia fai gala dun desenfreo visual, unha irreverencia narrativa e un sentido do exceso que fan desta cinta un dos relatos mainstream máis libres xamais realizados. Unha oda ao escapismo que pon en valor a capacidade de creador de diversión máis absoluta dun xenio chamado James Gunn.

Small Axe (1×02, Lovers Rock)

A serie de capítulos autoconclusivos do formidable Steve McQueen ten no seu capítulo Lovers Rock o discurso en imaxe máis puro que lembro. A música e os corpos como reivindicadores dunha identidade aplastada é simplemente perfecto. E só en 68 minutos.

Espíritu Sagrado (Chema García Ibarra, 2021)

Unha historia de secuestros infantís, con conspiracións extraterrestres tinguida dun costumismo levantino entrañable, con actores non profesionais e rodada nun feísta 16mm. Unha marabilla única.

The Wrath of Man (Guy Ritchie , 2021)

O Guy Ritchie máis áspero e menos manierista é o que nos trouxo a súa mellor cinta desde Snatch. Cine negro sobrio, seco, que ataca como un puñazo no estómago. 

Succession (3×05, Retired Janitors of Idaho)

É a serie de moda, e con razón. No 5º episodio da súa nova tempada explota como o que sempre foi: unha comedia. Posiblemente os momentos máis WTF e os máis divertidos da serie están en 60 minutos que deberían ser xa historia da televisión. Os Roy son os Bluth do século XXI.

Candyman (Nia DaCosta, 2021)

Un remake-reboot que resignifica todos os Candyman anteriores e que pon o seu foco. Unha cinta escura, pesimista, dolorosa e cun subtexto socioracial tremendamente ben realizado.

Ted Lasso (2×09, Beard after hours)

Un Jo, que noche! para o século XXI maxistral.

Los Felices Veinte (Orange TV)

Se o ano pasado o late night de Vigalondo destacou como o mellor da televisión española, nesta segunda tempada métese en laberintos narrativos moi difíciles de explicar con palabras. O tríptico que forman os programas de Carlos Areces, Miguel Maldonado e Raúl Cimas constrúe un discurso sobre a incomodidade, a ultraviolencia e a entropia directamente suicida. 

The Suicide Squad (James Gunn, 2021)

The Suicide Squad (James Gunn, 2021)

Marta Pérez Pereiro

O ano pasado fixen para a revista unha listaxe de urxencia, obrigada pola responsabilidade, sen ganas. E decatándome de que apenas me preocupara polo que vía nun dos peores anos que recordo na miña vida (ou o peor). Este pode ser que non mellorara substancialmente (algo si), pero decidín deixar de ter vergoña por estar triste. Así que a miña listaxe deste ano ten a emoción como único motor de busca, o algoritmo das lágrimas, as máis delas de pura alegría por asistir á beleza de como unha historia allea pode salvarte por unhas horas, ás veces días.

Así que non podo deixar de comezar por Petite maman, de Celine Sciamma, o filme máis intelixente que vin en moito tempo, cunha simplicidade que consegue chegar tan lonxe, apertarche o corazón, como di @zarapalleira, sen que che pareza mal que o faga. 

Outro filme, cun dispositivo moi diferente, pero que fixo que deixara mollado o repousabrazos de Numax, é A metamorfose dos pássaros, de Catalina Vasconcelos, un relato feito de pedazos de cartas, o meu medio de comunicación favorito, cunhas imaxes de enorme beleza, un xeito de amosar a auga, que dan ganas de mergullarse nun lago frío, como ela mesma fai, para emerxer noutro lugar, aquel ao que leva este filme perfecto.

A terceira favorita sería Spencer, de Pablo Larraín, unha escolla inesperada porque Lady Di é unha personaxe histórica que, como adolescente nos 90, sempre me pareceu unha repunante. Tampouco Kristen Stewart era santa da miña devoción, pero neste filme consegue borrar da miña cabeza o seu careto abúlico da saga Crepúsculo por crear non a Lady Di, senón a unha nova Lady Di, e non importa que sexa outra, porque isto non é un biopic e ela enche a pantalla. 

Eles transportan a morte, de Helena Girón e Samuel Delgado, non é unha peli de chorar, pero ten emocións contidas que a espectadora ten que ir fiando nun relato en paralelo entre uns mariñeiros fuxidos, co volcán da Palma ao lonxe, e as mulleres que agardan por eles na terra. É tamén emocionante que o cinema galego siga dándonos obras coidadas e sutís coma este filme no que me encanta o traballo que se fai co arquivo. E unha emoción máis: grazas sempre, Beli.

Fóra da actualidade chegou a min un filme do que non souben no seu momento, pero que tiña que chegar. Vin Santiago (2007), de João Moreira Salles, conmocionada coa xeito no que o autor retrata ao que fora o mordomo da súa familia e como fala del mesmo, da súa falta de atención, do seu egoísmo como director, a través do seu personaxe. Unha honestidade que coido que debera ser unha das marcas do cinema que fagamos e vexamos.

A metamorfose dos pássaros (Catalina Vasconcelos, 2021)

A metamorfose dos pássaros (Catalina Vasconcelos, 2021)

Daniel Ribas 

Este ano foi particularmente estraño. A apertura dos cinemas trouxo un torrente de filmes, pero fiquei coa sensación de que me faltaba emocionarme máis con eles. Este interregno pandémico tirounos sensibilidade, ou foi aos filmes aos que se lles esixiu máis. Presento aquí os dez filmes que máis me marcaron en 2021. Filmes estreados en Portugal ou vistos por primeira vez en festivais.

Si yo fuera el invierno mismo, Jazmín López (2020)

La Flor, Mariano Llinás (2018)

Bad Luck Banging or Loony Porn, Radu Jude (2021)

What Do We See When We Look at the Sky?, Alexandre Koberidze (2021)

The Card Counter, Paul Schrader (2021)

Azor, Andreas Fontana (2021)

Petite Maman, Céline Sciamma (2021)

Succession, Season 3, Episode 7 (Too Much Birthday) (2021)

A Night of Knowing Nothing, Payal Kapadia (2021)

O Movimento das Coisas, Manuela Serra (1985)

Succession (Jesse Armstrong)

Succession (Jesse Armstrong)

Brais Romero Suárez

Chega o momento de realizar o repaso ao 2021 e, persoalmente, non sei se o quero facer. De lonxe, este foi o peor ano dos 31 que levo. Todo o malo que podería pasar, pasou. Foi un ano convulso onde a vida, profesional e persoal, quixo ver que pasaba se introduciamos todo na cocteleira. O resultado: a súbita realización de que a etapa adulta era un engano. En medio deste furacán, descubrín que é o que realmente quero: a honestidade, a verdade, o auténtico (que non o perfecto). Este ano foi o ano no que, con diferencia, máis cinema consumín (en parte por traballo, en parte por gusto); e tamén o ano no que menos, e mellor, escribín. 2021 é, desde logo, un punto de inflexión.

Por iso este ano non vou facer unha lista numerada, senón un texto breve. Quero destacar ás persoas, elas saben quen son, e saben por que o primeiro recordo vai para elas. Cada vez valoro máis ser humano, e cada vez quero máis ser emocional: se estou triste choro, se quero rir, río. Ninguén pode mandar nas miñas emocións. Quero destacar tamén a solidariedade, capacidade humana que parece en risco de extinción pero que aínda se pode atopar nalgunhas persoas. A autenticidade dos proxectos e das artistas que se ispen na súa obra sen medo a ser xulgados e sen empregar ningunha carauta, a vós, o meu respecto e admiración, oxalá ter a valentía para facer o mesmo.

E falar de cinema. O cinema é unha experiencia tremendamente aburrida se non se ten con quen compartila. Falar de cinema é falar da vida. Deus bendiga os cineclubes que facemos nas nosas casas e os coloquios que se estenden ao almorzo do día seguinte, aínda co pelo sen domar trala batalla coa almofada, falando daquel detalle no que non deixas de pensar. Que nunca nos quiten isto.

Sen orde de preferencia, algunhas cousas honestas e bonitas feitas neste 2021: Welcome to ma maison (Andrés Goteira), Treinta grados de separación (Paula Pérez), Fóra (canción de Grande Amore), 918 Gau (Arantza Santesteban), Diarios de Otsoga (Maureen Fazendeiro, Miguel Gomes).

918 Gau (Arantza Santesteban)

918 Gau (Arantza Santesteban)

Jesús Silva Vilas

Facer balance do 2021 revélase como unha tarefa aínda máis complicada que o ano pasado. A nivel persoal, moitos dos males que deixou o 2020, como a apatía dos meses de confinamento e as limitadas oportunidades para xuntarnos comodamente (ben sexa nun bar ou fronte a unha pantalla de cinema), estendéronse inevitablemente ao longo deste ano que remata. Entender que a “nova normalidade” non era aquilo que moitos esperabamos, senón un proceso cíclico de aceptación e frustración, acabou filtrándose en moitos eidos da vida. A pesar de contar cunha oferta inabarcable ao alcance da man, e cunha lista de obras pendentes que non fai máis que medrar ano tras ano, a sensación de abulia xeral logrou impoñerse en demasiadas ocasións, facendo que 2021 volvese ser un dos anos nos que menos cinema consumín. Pasaron días, e incluso semanas, de auténtica travesía polo deserto, que se viu recompensada por pequenos oasis e vitorias inesperadas. Coa esperanza de reverter a tendencia o próximo ano, agora toca brindar polas cousas que fixeron 2021 moito máis tolerable. Por eses momentos de triunfo sobre a indiferenza e o pesimismo:

– Falando estritamente de cinema, este ano gocei (e sufrín) con xoias da tempada como Petite Maman (Céline Sciamma, 2021), Quo Vadis, Aida? (Jasmila Žbanić, 2020), Flee (Jonas Poher Rasmussen, 2021), Great Freedom (Sebastian Meise, 2021), Imaculat (Monica Stan, 2021), L’evenement (Audrey Diwan, 2021), Espíritu Sagrado (Chema García Ibarra, 2021) ou Rendir los machos (David Pantaleón, 2021), ademais de saldar contas pendentes con títulos como Lazzaro feliz (Alice Rohrwacher, 2018) e algún clásico.

– Teño que destacar especialmente a Bo Burnham, que con Inside logrou describir como ninguén ese funny feeling que impregnou estes últimos anos… 

– Se 2021 foi modesto en canto a cinema, aínda o foi máis no que se refire a series. Abocado ao puro escapismo, limiteime a avanzar con The Office e atopar happy places para gozar e desconectar en familia, como All Creatures Great and Small e Good Omens.

– Tamén foi un ano de probar cousas novas e abrir a porta a formatos como a newsletter (epístolas dixitais) ou os podcasts, que auguro seguirán formando parte da miña vida nun futuro próximo.

– A pesar das limitacións, asistir a festivais de cinema volveu ser unha das experiencias máis intensas e gratificantes do ano, ben sexa como público, convidado ou (especialmente) como parte da organización. 

– Finalmente, foi un auténtico orgullo celebrar o décimo aniversario de A Cuarta Parede e recibir o Premio Sellier da Academia Galega do Audiovisual. Grazas a todas as persoas que o fixeron posible.

Inside (Bo Burnham, 2021)

Inside (Bo Burnham, 2021)

Cibrán Tenreiro

Diarios de Otsoga (Miguel Gomes e Maureen Fazendeiro)

Cuñados (Toño López)

O Cineclube de Compostela na Casa

O ciclo de Aki Kaurismäki en NUMAX

As leis de Celavella (Cheché Carmona, Eligio R. Montero, Puri Seixido, Pepe Coira)

The Beatles: Get Back (Peter Jackson)

A comuñón da miña prima Andrea (Brandán Cerviño)

Formigón (Antía Carreira)

Dorothé na vila (Alejandro Gándara e Olaia Tubío)

Rocío: contar la verdad para seguir viva (Adrián Madrid, Óscar Cornejo, Ana Isabel Peces)

O outro día vin á miña amiga Paula no festival Novos Cinemas. Levabamos moitos meses sen vernos e quedamos xusto antes de que empezase a proxección de A virxe roxa de Marcos Nine. Cando ían comezar a falar as autoridades díxenlle “que pena que vaiamos ver unha película, agora mesmo teño máis gana de ir a un bar e estar de cháchara”. Pero a paciencia pagou a pena, porque a película estaba moi ben e así tivemos algo máis do que falar. Con isto quería dicir que a min o cine e a arte en xeral gústanme, pero o que realmente me gusta é falar. Este ano paseino moi ben vendo algunhas cousas eu só (ou non só de todo, pero sen comentalas moito con ninguén), como The Velvet Underground ou a serie Home Ground ou Drive My Car ou Red Line 7000 ou Diarios de Otsoga. Pero o que máis feliz me fixo foi compartir proxeccións con outra xente, e agora vénme á cabeza o bonito de ver Cuñados e rir con toda a sala, ou de comentar o agobio de Spencer á saída, ou de volver ver Leningrad Cowboys Go America e A rapaza da fábrica de mistos no cine cos amigos Esturao e Choche, que non a viran (rindo na primeira e sufrindo na segunda), ou de deixarnos convencer por fin por outra amiga, Camila, para mirar As leis de Celavella, e ir contando os nosos avances e quen pensamos que matou a Susana no remanso.

A cousa é que para falar non fai falla estar no mesmo sitio, e iso tamén é bonito. Nos primeiros meses do ano, estivemos facendo sesións virtuais do Cineclube de Compostela e houbo algunhas preciosas (como a do arquivo da TVG ou a de Limites de Alberte Pagán). No último mes estiven falando en persoa e por whatsapp sobre The Beatles: Get Back (Peter Jackson). Que experiencia máis rara poder pasar oito horas mirando aos Beatles traballar e saber que ás veces estaban inspirados e ás veces non, que ás veces estaban enfadados e ás veces non, que eran humanos e tamén sobrehumanos á vez. Polo medio, outras cousas das que falamos moito: as sesións de Planeta GZ de Curtocircuíto (sobre todo de A comuñón da miña prima Andrea de Brandán Cerviño e Formigón de Antía Carreira), Poto e Cabengo na MICE, Dorothé na vila… E bueno, isto sen contar con Rocío: Contar la verdad para seguir viva, que realmente se a intención é dar que falar, no meu caso gañoulle por goleada este ano a calquera cousa e serviume o mesmo para a facultade que para a casa da avoa.

Cuñaos (Toño López, 2021)

Cuñaos (Toño López, 2021)

Antón Varela

Neste ano empeoraron para min os males que xurdiran no anterior. Se cadra incluso antes. Non vin apenas “películas de 2021”. Non vin apenas ciclos de autores ou de temas. Non se presentaron continuidades entre os títulos que tiven a ben visitar. Agora mesmo son un espectador flotando nun caos de indecisión onde o seguinte filme que atenda pode vir recomendado por un tuit illado dalgún descoñecido, pola programación da Filmoteca de Galicia, pola tiranía do algoritmo ou por unha faísca de lembranza dun título que nalgún momento arquivei na memoria. Pero xa queda moi pouco do espectador activo e curioso que tira dun fío a partir dunha imaxe ou que rastrexa territorios do cine que precisa coñecer.

Este ano só podo salientar o que penso que é unha constelación accidental. Un mapa de películas que me entusiasmaron e coas que conectei fondamente sen eu agardalo. Comezou con El año del descubrimiento (Luis López Carrasco, 2020). Seguiu con Nación (Margarita Ledo, 2020) e máis adiante prolongouse con En construcción (José Luis Guerin, 2001), Después de… (Cecilia Bartolomé, 1983) e Harlan County, USA (Barbara Kopple, 1976). Todas elas teñen algo de mosaico antropolóxico e pensándoas todas xuntas vexo que forman parte dunha historia oral e visual dos traballadores. Pequenos exemplos da forma na que a “clase universal” se pensa a si mesma.

Non acho moitas máis continuidades, agás quizais que as dúas ficcións contemporáneas que máis me entusiasmaron foron First Cow (Kelly Reichardt, 2019) e Portrait de la jeune fille en feu (Céline Sciamma, 2019). Dúas películas ben distintas pero que comparten unha sensibilidade tal que as súas imaxes se me fan moi próximas e ás que cheguei dous anos tarde. Do mesmo xeito, as dúas mellores experiencias en sala foron, sen dúbida, dúas reestreas: Masacre. Ven y Mira (Elem Klimov, 1985) e The Kid (Charles Chaplin, 1921).

Por último, non podo reprimirme en salientar a miniserie documental The Beatles: Get Back (Peter Jackson, 2021) da que aínda non sei ben que pensar porque xa viña preso dun fanatismo cultivado dende a infancia polos Beatles e que me arrancou do espazo-tempo durante as oito ou nove horas que dura.

The Beatles: Get Back (Peter Jackson, 2021)

The Beatles: Get Back (Peter Jackson, 2021)

María Villamarín

As películas que máis me gustaron este ano foron dúas pezas portuguesas. A primeira, dentro da miña predilección pola autobiografía, foi A metamorfose dos pássaros de Catarina Vasconcelos. Un filme persoal e gravado dunha maneira xenuína no que a directora expón as súas propias feridas familiares e intenta lidiar co que supón a morte dunha nai -en diferentes xeracións-, cos soños insistentes arredor dela e os obxectos e as casas que deixan as persoas amadas que xa non están. A segunda é O movimento das coisas, unha película de Manuela Serra estreada en 1985, que este ano chegou aos cines en copia restaurada. Unha xoia antropolóxica e un retrato de Lanheses (Viana do Castelo), a vila na que foi gravada, que me recorda moito á Limia e a zona na que teño a casa familiar. Na miña lista tamén están Petite maman da francesa Céline Sciamma, polo tacto e a delicadeza e o seu toque fantástico para tratar a temática da dó dende o punto de vista dunha nena. Obviamente, teño que incluír A comuñón da miña prima Andrea de Brandán Cerviño polo seu brilli-brilli, e tamén Espíritu sagrado de Chema García Ibarra polo uso da estética kitsch nos decorados e os recursos sonoros e visuais creados ad hoc (por exemplo, esa canle de Elche que vaia fantasía) para xerar tensión e acentuar o dramatismo da historia. E eu, que non son moito de westerns, tamén acabei moi sorprendida por como me envolveu The Power of the Dog e pola complexidade psicolóxica dos personaxes protagonistas.

Tamén aprendín e gocei moito vendo o documental Summer of Soul dirixido por Questlove, e viaxei por América coa hipnótica mediometraxe The United States of America (1975), de Bette Gordon e James Benning, e que se puido ver dentro da retrospectiva que lle fixeron este ano no Play-Doc de Tui. De entre os clásicos que aproveitei para ver gustarónme especialmente As grúas voan, de Mikhail Kalatozov (1957), un melodrama realizado cun estupendo traballo de cámara e de gran profundidade a nivel compositivo, e Il deserto rosso de Michelangelo Antonioni (1964), polas súas cores e as súas paisaxes urbanas e domésticas. En canto a series quédome con dous caramelos que son a sueca The Restaurant (Harald Hamrell, Anna Zackrisson, Andrea Östlund, Molly Hartleb) e Bridgerton. Tamén cunha serie que a miña amiga Camila insistiu moito para que vise: a primeira tempada de As leis de Celavella, emitida en 2004 pola Televisión de Galicia. En canto a videoxogos, este 2021 foi o ano de cociñar de mentira xogando ao Overcooked.

A comuñón da miña prima Andrea (Brandán Cerviño, 2021)

A comuñón da miña prima Andrea (Brandán Cerviño, 2021)

Iván Villarmea

Os textos e listaxes do mellor do ano ofrecen a oportunidade de pensar o que vimos e o que queremos ver, o que nos fascinou e o que nos horrorizou, ou peor, o que nos deixou indiferentes: o que vimos e xa esquecemos. A pandemia, ademais, seguiu a condicionar o acceso aos novos títulos, cos festivais e as salas a programar contra a adversidade e as plataformas a competir por engordar os seus respectivos catálogos: todo, o vello e o novo, parece estar definitivamente dispoñíbel ao mesmo tempo, agás o tempo de ver ese todo. Cada persoa, neste escenario, fai o que pode, entre o binge-watching e os visionados ocasionais, e eu tamén, claro: cheguei a tempo a Titane (Julia Ducournau, 2021), a Quién lo impide (Jonás Trueba, 2021) e aos Diários de Otsoga (Maureen Fazendeiro & Miguel Gomes, 2021); cheguei tarde –mais pagou a pena– a First Cow (Kelly Reichardt, 2019), a Small Axe 2 – Lovers Rock (Steve McQueen, 2020) e a Malmkrog (Cristi Puiu, 2020); e aínda quero chegar –algún día, se cadra mañá– a ドライブ・マイ・カ (Drive My Car, Ryusuke Hamaguchi, 2021), a The Power of the Dog (Jane Campion, 2021) e a Licorice Pizza (Paul Thomas Anderson, 2021), entre esa inmensa infinidade de filmes que sempre temos en espera.

Quién lo impide (Jonás Trueba, 2021)

Quién lo impide (Jonás Trueba, 2021)

Comments are closed.