PLAY, de Ruben Östlund

A QUE XOGA PLAY?

Play (2011), o último filme do controvertido director sueco Ruben Östlund, recrea o roubo sufrido por tres mozos brancos a mans de cinco rapaces negros. Esta película, que inflama cuestións relativas á constelación do poder e á construción da identidade nacional, intensifica tamén o debate sobre a responsabilidade na representación do racismo.

Ata o de agora, tódolos traballos de Östlund foran acollidos tanto con duras críticas como con entusiastas eloxios, xa que tanto The Guitar Mongoloid (Gitarrmongot, 2004) como Involuntary (De ofrivilliga, 2008) demostraran un profundo desexo de espir aos suecos da súa idiosincrásica rectitude. O núcleo destas súas narracións obrigan ao espectador a enfrontarse aos seus propios prexuízos e debilidades como membros dunha sociedade hipócrita e covarde.

Play non é unha excepción, e a súa aproximación conceptual e intelectual está en sintonía co paradigma de certo arte contemporáneo, que ten como obxectivo estimular novas ideas no espectador no canto de limitarse a satisfacer determinadas tendencias estéticas. Establecer un achegamento ao modo no que se constrúe a sociedade humana. Unha forma flexible que opera en múltiples niveis.

Lamentablemente, malia que a vontade de Östlund é espertar ao seu espectador, Play precisa dun espectador que xa estea esperto, ou, do contrario, o filme corre o risco de compracer argumentos racistas e alimentar o antagonismo entre a xente fóra da pantalla. En consecuencia, para comprender a astuta cerna de Play e a mensaxe crítica que quere formular, o filme precisa dun espectador que sexa tamén crítico.

Malia que o cineasta sitúa ao espectador nunha posición privilexiada, esta non é en absoluto cómoda. A súa cámara queda e observacional, que permite á acción entrar e saír de cadro, equipara a lente cos ollos dun observador humano que pacientemente ve á xente pasar por diante do seu campo de visión. Esta decisión determina a responsabilidade do que se ve e de quen ve, mais non de quen o mostra. Polo tanto, que é o que se quere que vexamos? Cales son as “ideas” que se queren espertar en nós?

Comezamos nun centro comercial, nun espazo público. Sen ningún tipo de introdución ou comentario previo, topámonos con cinco raparigos de entre once e trece anos, que comezan a perseguir a outros tres cativos. A cámara precipítase sobre ámbolos dous grupos como se fose a ollada dun asistente, nun centro comercial, nun autobús, na rúa… Un observador pasivo, que simplemente mira por curiosidade e aborrecemento.

Porén, o espectador non tarda en advertir algo sospeitoso: os dous grupos de rapaces diferéncianse pola cor da súa pel, aparecen dun xeito “racializado”. Incluso antes de que comece a acción, xa brota unha sensación inquietante. “Que estou a ver?”. Ou, mellor dito, “quen son eu que estou a ver?”. Ou, “quen é o espectador imaxinario co que está a xogar Play?”.

O filme continúa co seu rexistro e ritmo observacional. É un xogo do gato e o ratón enganoso, que proxecta prácticas significantes e retóricas reveladoras. O grupo de cinco persegue aos outros tres ao longo de todo un día, pero os primeiros non exercen o seu poder mediante a violencia, senón mediante a palabra e a un xogo elaborado. É un xogo con expectativas e prexuízos. E nementres os cativos xogan, Östlund fai o propio con seu espectador.

A cámara queda e observacional de 'Play', que permite á acción entrar e saír de cadro, equipara a lente cos ollos dun observador humano que ve á xente pasar por diante do seu campo de visión.

Poñamos as cartas sobre a táboa. Ruben Östlund é un home sueco, branco e de clase media, que creceu nunha tranquila illa ás aforas de Goteburgo. É un branco de clase media dirixíndose a xente de clase media, que usa aos Outros como esquema para este intercambio… e isto é problemático. Como resultado vincúlase a nosa participación na obxectivación e subxugación dos outros como unha forma de mal. Obxectivizando a alguén negámoslle a súa humanidade. Expoñendo á sociedade sueca como unha sociedade obxectivizante, unha sociedade malvada, o cineasta obríganos a reconsiderar a construción da nosa identidade nacional.

Cando falo de mal, refírome á banalidade do mal, como a acuñou Hannah Arendt. Esta banalidade do mal non xorde de accións malvadas, senón dun comportamento pasivo. Un mal que clama: “iso non é problema meu”. Ese é o consentimento silencioso da masa que sostén a banalidade do mal. Así, o filme exponse dende a pasividade do mundo adulto, a pasividade do asistente, a pasividade de calquera que pense que a cousa non vai con el. A pasividade do espectador que se acomoda na súa butaca e pensa: “ese non é problema meu”.

Tanto a forza como a febleza de Östlund é a distancia coa que narra os seus filmes, como se observando dende a illa da súa infancia puidese mostrar a imaxe completa de Suecia. Malia e todo, para un sueco o nivel de recoñecemento no seu cinema é alto, e é un recoñecemento ao que segue a vergoña. En tódalas súas longametraxes realiza unha observación e un reflexo de nós, dunha Suecia que cecais nós non queremos recoñecer: o febles que somos baixo a presión do grupo, o covardes que somos para enfrontarnos ás inxustizas, os nosos esforzos por satisfacer o status quo colectivo, o insensatos e ignorantes que somos cos outros e con nós mesmos…

Ser sueco” é un concepto complexo, que se pode demostrar máis claramente nun ton particular, no xeito de relacionarmos cos outros. Mais está tamén conectado coa idea dunha clase media tolerante. En Play a clase non está situada explicitamente, malia a estendida xeneralización de que, en Suecia, vivir en determinados bloques de apartamentos ou simplemente ser inmigrante equivale a pertencer á clase baixa ou traballadora.

Este filme vincula o poder con ideas sobre a nacionalidade dentro do marco sueco, e implícanos, como dicindo: “E ti? Quen es ti neste drama? De que xeito participas no feito de meter á xente nun saco ou noutro? Cal é o teu lugar nas estruturas do poder na nosa sociedade sueca?”. No en balde, o conseguinte debate suscitado polo filme na prensa convértese en si mesmo nun epílogo performativo na narración de Play. Un factor enormemente interesante.

Penso que o malestar de moitos espectadores respecto a Play derívase da énfase que pon o filme na responsabilidade do espectador. A súa intención pode ser boa, pero ao non achegar unha aproximación reflexiva propia, Östlund parece esquecer que o espectador non é o único responsable. Mirar a través da lente da cámara pode facer que o director esqueza que unha posición espectadora é tamén unha posición anárquica. En troques de dicir “quen son eu?”, poderiamos dicir simplemente “e quen es ti?”.

Read this review in english by clicking here – Le esta crítica en inglés facendo click aquí

Comments
One Response to “PLAY, de Ruben Östlund”
  1. Alan di:

    ¡ Excelente critica.!