CINECLUBE DE COMPOSTELA: POLÍTICA DA RESISTENCIA

Cineclubecompostela1

Esta organización, activa desde o 2001, non é tan só unha sala de cine cunha programación semanal, senón que atopamos que a súa actividade esténdese alén da súa sede no Pichel compostelán. Por iso, transformamos a Política dos Autores dos Cahiers na Política da Resistencia, onde non é a individualización do creador o que conta senón a defensa do colectivo, para definir as características que fan ao Cineclube de Compostela un dos referentes da acción política ligada ao cinema.

Se ben as súas obras (tanto exhibidas como aquelas asinadas polo grupo) son de autores con olladas diferenciadas e que escapan a criterios comerciais, a programación destes filmes non se adoita facer pola exaltación dun director ou de outro senón en base a unha relación dos filmes coa realidade social, é dicir, para o colectivo. Así, neste pasado xaneiro, en paralelo ao aumento das reivindicacións feministas e ante a inacción do poder, o Cineclube programou unha serie de sesións arredor da muller. Non só coa intención de unirse a un movemento social cada vez maior, senon para ofrecer novos puntos de vista, para enriquecer a crítica política e social a través dos filmes seleccionados. A proxección de Fíos Fóra (Illa Bufarda-Amarante Setem, 2015), por citar o filme máis próximo da selección, non responde a criterios estéticos ou de calidade do filme, senón ao contido do mesmo. É a urxencia de dar a coñecer a realidade que o filme relata a que leva á decisión de programala, non o criterio persoal dun director ou dun grupo de programadores.

Outro exemplo desta Política dase en outubro de 2012 cando o Cineclube programa unha serie de filmes sobre o mundo laboral, anticipándose á convocatoria de folga xeral do 14 de novembro. O ciclo “Recursos Humanos” serve, pois, a modo de preludio ou preparación para un chamamento á manifestación e defensa dos dereitos do traballadores. Algo que tamén sucede co ensaio fílmico Folga Xeral, publicado o día posterior a outra folga xeral, a do 29 de marzo de 2012, e que funciona como epílogo e como reflexión posterior á folga.

O inimigo agóchase na opulencia do espectáculo. A arte ten que construír a disidencia. Nada fica fóra dos procesos de cambio: non parar tamén é unha posición. Así que pechemos Follas Novas, tomemos hoxe as sesións de Cineuropa. Porque o fondo do aire é vermello. [1]

A acción do Cineclube traspasa o filme e toma partido na vida cotiá. Na folga de novembro de 2012 son os propios membros os que toman as rúas e paralizan dous dos “estandartes culturais” da capital galega: a libraría Follas Novas e o festival de cine Cineuropa. É nestas accións a “pé de rúa” onde xorde a principal característica desta Política da Resistencia: a conexión total coa actualidade, coa época vivida e cos movementos sociais. Se Assayas afirmaba que o maior fracaso do cine de autor era non falar na linguaxe da época e do momento vivido, é claro que o Cineclube non peca deste erro senón que desenvolve unha linguaxe e unha política de funcionamento que se vai modificando a medida que a sociedade vai cambiando.

Ao igual que unha organización política, o Cineclube ten unha liña ideolóxica clara. A súa filosofía de actuación baséase nos principios do acceso libre e gratuíto á cultura, algo que lles conlevou problemas legais pola exhibición de filmes sen o consentimento dos autores.

Fotograma do filme Tierra Negra (Ricardo Íscar, 2005)

Fotograma do filme Tierra Negra (Ricardo Íscar, 2005)

No ano 2007, o Cineclube de Compostela programou unha sesión adicada ao filme Tierra Negra (Ricardo Íscar, 2005), peza que se centra na vida dos mineiros leoneses e no seu traballo a centos de metros baixo a terra. Os problemas chegaron cando o produtor Pablo Llorca demandou ao Cineclube por non ter pagado os dereitos de exhibición do filme, a pesar de que foi o propio director, consciente da forma de funcionar da organización, o que facilitou o corte do director da película para a súa proxección. A demanda prosperou e, a pesar de que a copia exhibida fora facilitada polo propio Íscar, o Xulgado do Mercantil nº1 de A Coruña condenou ao Cineclube de Compostela a abonar 250€ en concepto de dereitos de exhibición.

[…] non podemos senón declararnos culpábeis. Levamos tempo tentando traballar por achegar á nosa cidade os títulos roubados á cidadanía polos circuítos comerciais […] Se non contamos coa legalidade, non nos queda outra que sabérmonos coa razón. [2]

A sentencia, porén, axuda a reforzar a teoría da Política da Resistencia que emprega o Cineclube de Compostela, posto que un dos argumentos esgrimidos contra a asociación polo xuíz é o de ter permitido o acceso a todo o público. (O cine aberto ao público! A barbarie!) A resolución do xuízo demostrou tamén outra verdade incómoda: pouco importan os dereitos morais sobre un filme, pouco importa o feito de que a proxección de Tierra Negra fora a primeira en Galicia e que estivese autorizada polo propio director, pouco importa o arte cando hai cartos de por medio. Así que, quitémolo da ecuación: acceso libre e gratuíto á cultura.

Esta actividade “á marxe da lei” é un posicionamento político fronte ás salas comerciais e ás políticas defensoras da propiedade privada na cultura. Unha posición que cómpre defender e valorar porque nun mundo no que “gañar cartos é unha arte”, poucos son os que resisten contra eses estamentos do poder que insisten en facer sentir o seu alento na caluga.

[1] Cineclube de Compostela. (2012, Novembro 15). O amor máis común e corrente. En Blog do Cineclube de Compostela: http://cineclubedecompostela.blogaliza.org/2012/11/15/o-amor-mais-comun-e-corrente/

[2] Cineclube de Compostela. (2007, Xuño 9). Condena polo acceso libre e gratuíto. En Blog do Cineclube de Compostela: http://cineclubedecompostela.blogaliza.org/2007/06/09/condena-polo-acceso-libre-e-gratuito/

Comments are closed.