Procesos #28 – Xisela Franco

Xisela Franco (Vigo, 1978) é un dos referentes do cinema galego máis experimental. As súas obras, que combinan técnicas do cinema observacional máis puro ata a proxección sobre espazos ou corpos reais, teñen xirado por todo o mundo. Porén, Xisela é unha artista interdisciplinar que combina o cinema coas actividades docentes, entre as que destaca o proxecto de Mestrado 35.ESAV que, desafortunadamente, está actualmente nun impasse.

Aproveitando a súa videoexposición Interior / Exterior / Durante que ten lugar no Museo Luís Seoane dentro da programación da edición 2017 do (S8) Mostra de Cinema Periférico, filmo o que debería ser o Procesos de Xisela pero que, por mor da propia gravación e a imposibilidade da directora de separarse do cinema, termina por ser un procesos de entrevistada e entrevistador.

Sitúaste sempre entre o documental e o cinema experimental. Non atopas interese na ficción ou simplemente cres que a túa voz non pertence a ese xénero?

O termo xénero (documental ou ficción) non axuda a describir parte deste cinema actual que transita na fronteira. Traballo coa poética do real pero o cine que defendo é pura construción, subxectividade; dalgunha maneira é ficción xa que ‘ficcionalizo o real’.

Construímos na rodaxe, no traballo de cámara que constitúe unha grafía, no movemento da miña man-cámara, e tamén constrúo na montaxe. Sobre todo constrúese na edición desas imaxes e sons. Na montaxe escóllese, encadéase o significado, atópase o ritmo propio de cada obra. Crear unha película é pintala, tallar con cicel as imaxes e sons. Para min é un salto ao baleiro con rede: entrégome á rodaxe e confío na montaxe. Hai un espazo, unha paisaxe, hai personaxes, hai unha historia ou viaxe emocional. Ao mesmo tempo, existe outra forza, porque comprobo que a obra paralelamente constrúese soa, porque crear é entregarse a atopar, é atopar, descubrir. Facer cinema para min é estar aberto a coñecer, a perder o medo a materializar algo que se manifesta no propio proceso de montaxe. Traballo co real pero sitúoume lonxe dunha aproximación obxectivista á realidade que é máis doado encaixar baixo a etiqueta cinema experimental. Hai tanta materia prima no real que non me atrevo a lanzarme á ficción. Teño máis tendencia ao ensaio literario que á novela.

Filmas moito desde o autorretrato. Que che aporta ese enfoque?

Dá a impresión de que traballo moito co autorretrato, pero polo de agora estritamente como autorretratos fixen dous: Vía Láctea (2013), que é unha estampa de maternidade e Autorretrato de un minuto (2016) que é unha peza case de humor. É verdade que traballo a miúdo en primeira persoa, dentro dos xéneros do ‘eu’. O ensaio, o diario, o arquivo, a autobiografía… Este enfoque subxectivo permíteme expresarme desde un discurso máis íntimo. Na soidade da creación atópome a experimentar cunha cámara e co meu propio pensamento e corpo. Este enfoque lonxe de ser narcisista permite tanto a experiencia estética como o punto de vista exterior, a crítica política, a reflexión sociolóxica. Cando falo do que sinto, de como sinto o que me rodea, non quero narrar en terceira persoa simulando que se fala desde a obxectividade. Paralelamente a esta ollada participativa, penso que traballo tamén desde o etnográfico, observando as persoas e o mundo que teño fóra. Son dúas características que semellan polarizadas pero sabemos que non, que hai moito traballo feito cunha mirada persoal ou confesiva cara ao “outro”, cara ao mundo. Fálase de auto-etnografía cando aplicamos esa mirada de etnógrafo a un mesmo. Aparecen así mesturados diferentes modos de representación (que describira de maneira máis ou menos atinada Bill Nichols): observacional, poético, participativo, performativo. O meu traballo é máis próximo ao do proceso do artista, non considero necesario escapar de min mesma.

Autorretrato de 1 minuto (2016)

Autorretrato de 1 minuto (2016)

Nesta forma de filmar, moitas veces empregas o teu propio corpo ou imaxes persoais como elementos cos que traballas. Non tes medo a exhibir en exceso a túa intimidade? Aínda que, en realidade, facer cinema é espirse para a cámara…

Non son unha persoa pudorosa pero é certo que durante a montaxe decido finalmente o que amoso. Hai unha negociación entre o meu impulso expresivo, desbocado, e certa prudencia reflexiva necesaria para protexerme. Para non caer no exhibicionismo ou no egocentrismo a peza ten que sosterse con harmonía entre forma e contido, e debe tamén posuír certo carácter auténtico que a valide. Facer cinema tamén é xogar porque a creación convida a seguir sendo nena. O proxector como lanzador de imaxes dáme posibilidades, pódome mergullar no mundo das sombras e explorar alén da pantalla. É unha ferramenta invocadora. Ao mesmo tempo se o analizo desde fóra, tamén ten que ver con expandir o cinema, cuestionar o seu espazo tradicional. Proxectar sobre un corpo é proxectar sobre un obxecto que ten vida, unha pantalla en 3D que respira, usar o corpo como pantalla paréceme unha vía de traballo con resultados moi suxerentes.

Outro dos teus trazos que identifican as túas obras é a proxección sobre espazos ou corpos. Que interese lle ves a esta forma de (re)crear imaxes xa filmadas?

Proxectar sobre un váter, sobre unha billa, sobre unha neveira cun aguacate, dentro do lavavaixelas, proxectar sobre a parte máis baixa da parede, sobre o teito. Gústame romper a proxección bidimensional e xogar con superficies que de por si non son pantallas. Por exemplo, a miña peza Sculpture fíxena en Canadá, en soidade, e nela proxecto nas paredes os traballos dun amigo artista que estaba a 6.000 quilómetros. O seu proceso de construción dunha escultura acompáñame nos espazos da miña casa. É como bautizar o meu espazo actual coa imaxe dun amigo de sempre, xogar coa ilusión de enganar aos ollos. Un xesto simbólico e terapéutico que achega o cinema a parapsicoloxía.

En Interior, Exterior, Durante e en Vía Láctea a maternidade é un tema recorrente. Cres que ser nai influíu na túa forma de facer cinema?

Sen dúbida. Ser nai influíume como experiencia enriquecedora e transformadora, non se pode amar máis forte que a unha filla. Eu pensaba que facer películas era dalgunha forma facer fillos, pero xa aprendín que non. Vivimos tempos precarios, para nós que crecemos na ilusión de abundancia, e o cinema e a arte son sectores vulnerables. Hai que loitar para resistir. A miúdo retrato o cotiá, aquilo que condiciona a miña existencia presente, por iso falo do que vivo, do que quero vivir ou entender. Facer cinema é querer entender o mundo, preguntarse a un mesmo e compartir a túa visión. Combinar maternidade e traballo require dunha forza formidable que permite pouco tempo para o necesario recollemento da creación. Alén da ledicia de ser nai, as mulleres de hoxe afortunadamente buscamos realizarnos profesionalmente, ter traballo e independencia. E non é fácil, por iso temos fillos tarde. En Interior, exterior, durante quixen convidar ao espectador á miña casa. Son oito horas de película que narran o desenvolvemento dun día completo. Mentres no son asístese á crianza ao longo de tres anos, á aprendizaxe da linguaxe da miña filla, a imaxe serve de balón de osíxeno. Quería falar desa experiencia. Sobre maternidade e creación hai pouco escrito desde os estudos feministas, tamén pouco feito desde o cinema, e eu aproveitei este tempo de rodaxe, montaxe, de estudo do meu arquivo sonoro, para reflexionar sobre o que estaba a vivir.

Cruz Piñón (2015)

Cruz Piñón (2015)

En ocasións, as túas obras modifican a imaxe coa proxección de dúas ou tres pantallas, horizontais ou verticais. Esta decisión vén despois de ter filmado as imaxes ou parte xa da idea orixinal previa á gravación?

Agora que o preguntas recapitulo: Fixen Cruz Piñón, Hyohakusha, Día 13 de Julio y día 12 de Agosto, Santiago olladas de perfil, que efectivamente son películas a dúas pantallas, verticais ou horizontais. Algunhas delas víronse expostas con dúas pantallas, outras teñen unha das pantallas que funcionou como película independente en festivais. Gústame explorar esa ambivalencia, entre o festival de cinema e a galería de arte. O proceso vaime ditando como proceder. Interior, exterior, durante é un tríptico pensado en principio para museo, polas súas características de duración, necesidades de inclinación das pantallas laterais, software de mapping… En case calquera destas películas hai unha exploración da pantalla, da proxección, existe unha necesidade de xogar coas novas posibilidades que trae o cinema hoxe. É cinema expandido, cinema exposto. Quero explorar ata onde chega a preguiceira atención do espectador paseante, ata onde a fragmentación da narrativa, ata onde podemos estirar as posibilidades do museo ou galería. Teño visto as miñas obras en condicións indesexables, de luz, de calidade, nos espazos da arte contemporánea. Ás veces non hai outra que aceptalo, pero tamén noutras ocasións existe un dobre esforzo por adaptarse ás condicións da obra, como no caso de Interior, exterior, durante, no Marco de Vigo. Construíron as pantallas á medida das paredes, puxéronse dous tipos de asentos cómodos (sofás e pufs), pintouse de negro a sala. Ou como no caso de Hyohakusha (codirixda con Anxela Caramés) que se expuxo no Espazo Normal de Coruña, e púidose ver de dúas maneiras grazas a unha pantalla de retroproxección: por unha banda como película de cinema nunha sala interior, con boa acústica e asentos cómodos para o espectador, e ao tempo desde fóra podía mirarse como película exposta (como díptico ademais) para o paseante espectador.

Cales son os filmes e os autores que máis importantes foron na túa formación?

Depende do momento en que me preguntes. As dimensións do meu cinema son pequenas, as miñas películas en xeral son como notas de diario, impresións persoais, non pretendo achegarme a ningún dos cineastas que admiro. Pero como referentes do cinema véñenme á cabeza figuras como Maya Deren, Jean Rouch, Agnès Varda, Chris Marker, Chantal Akerman, Sokurov, Godard, Louie Malle, Werner Herzog, Bill Viola, William Wellman, Robert Frank… En España Val del Omar, ou grandes nomes como Buñuel, Erice, Saura, Guerín.

En Canadá entrei en contacto con amigos ou profesores que están a facer cousas inspiradoras, como Phil Hoffman, Andrea Bussman, Nicolás Pereda, Tracy German, Luo Lee, Marcos Arriaga, Igor Drljaca, Stephen Broomer, Noé Rodríguez. En Galicia moitas das miñas compañeiras e compañeiros están a facer un cinema auténtico, como Oliver Laxe, Eloy Enciso, Diana Toucedo, ou cineastas artistas como Carla Andrade, Alberte Pagán, Lois Patiño, Lara Bacelo, Begoña Santiago. Longametraxes como Esquece Monelos (2016) de Ángeles Huerta ou Os Fillos da Vide (2017) de Ana Domínguez son unha ledicia, alí entre o ensaio, a primeira persoa e a etnografía. Vemos que no presente hai moito cinema que está a innovar nas formas e é fantástico poder dicir que Galicia está na vangarda deste cinema de autor, independente, moitas veces pequeno, e de carácter artístico.

Interior / Exterior / Durante (2016) no Museo Marco

Interior / Exterior / Durante (2016) en el Museo Marco

Hai uns meses pechou a 35.ESAV, un lugar de formación que contaba cun equipo de profesionais de moita calidade. Cal é o sabor que che queda despois de ver como un proxecto interesante como 35.ESAV non logra saír adiante?

Tristura, polo de agora. Foi un proxecto ambicioso que intentamos asentar en Vigo, poñendo moitísimo traballo e esforzo, capital privado noso, e toda a ilusión dun grupo de cooperativistas que críamos no proxecto. Tiñamos vinculada unha altísima calidade docente, única en España. A oferta curricular foi meticulosamente elaborada. Tiñamos o apoio do sector e da academia (prescriptores nas escolas ou universidades), do AGADIC con dúas becas, aínda que a nivel local o Concello de Vigo no quixo saber nada de nós, e isto dáche unha idea da dificultade que calquera iniciativa cultural ou educativa, grande ou pequena, ten para saír adiante na miña cidade. Tamén nos ofreceran colaboración no Festival (S8), ademais de estar trazando sinerxias con outros festivais ou con empresas como Canon. No verán logramos encher a nosa escola de xente interesada nos ciclos de cinema, nos cursos e obradoiros case sempre gratuítos que ofreciamos. A pesar de todo iso, sendo catro mestrados (tres de fotografía) non se puido materializar esa euforia en suficientes matrículas. Quedamos ás portas. Lanzarse por debaixo do mínimo era moi arriscado. Teño a seguridade de que o mestrado en cinema hai que volver a lanzalo aprendendo dos erros. Foi un proxecto único que ten que dar froitos.

En 35.ESAV estabades centrados nunha forma de entender o cinema e a fotografía que escapa ao “tradicional”. Cres que non hai sitio hoxe en día para esa arte máis transgresora, máis rupturista?

Estamos vivindo o momento máis fermoso do cinema en Galicia e é preciso un mestrado deste tipo, onde canalizar boa parte dese talento. Falo de cinema independente, a miúdo transgresor desde o punto de vista da linguaxe. Por outra banda, temos grandes fotógrafos tamén aquí. Cinema e fotografía de autor son perfectos compañeiros de aprendizaxe. Proporía un proxecto de escola mixta cinema-fotografía con dous mestrados. Favorecer a canteira e motivar o intercambio de coñecemento en Galicia. Penso que se debe re-escalar o proxecto, ofertalo por módulos, e contar con investimento público e privado desde ese primeiro empurrón. Polo de agora estamos aínda asumindo a decisión de pospoñer o proxecto e pagando, literalmente, as consecuencias desta aventura. Pero o profesorado está expectante e disposto a volver a traballar nun proxecto así, hai moito traballo feito e algún alumnos agardando. Estou aberta a ofertas e propostas. Aprendín moitísimo e quero pensar que os fracasos poden ser futuras vitorias.

Ao fío do anterior, ti proxectaches Interior, exterior, durante no Museo Marco de Vigo. Vendo o que está a suceder no museo, pensas que poderás volver a ensinar o teu traballo alí?

A situación actual do Marco é insostible, non é o momento de expor alí. Temos tristemente á deriva un museo que, ao longo de 15 anos, se converteu nun referente e que agora agoniza desde a renuncia do director a continuar no cargo polas presións políticas e financeiras, así como a recente dimisión da xefa de exposicións Agar Ledo. O alcalde de Vigo Abel Caballero dita e manda nunha insólita inxerencia política, pensándose abalado por unha maioría de votos que non xustifica de ningún modo este proceder. O autoritarismo nunca se levou ben coa vangarda.

Pedimos respecto e debate entre os profesionais. Que o Marco siga sendo un espazo libre e independente arredor da arte contemporánea. Vigo está peor ca nunca desde o punto de vista das políticas culturais. A crise non xustifica o aniquilamento da cultura. Pouco a pouco fóronse cargando todo. Quédanos colaborar na resistencia ou marchar de aquí. O certo é que na adversidade os artistas estamos máis unidos ca nunca. Iso xa é un logro.

Comments are closed.