RESEÑA DE ‘IMÁGENES RESISTENTES. TEMÁTICAS, NARRATIVAS Y ESTÉTICAS DEL OTRO CINE ESPAÑOL’

32-resistencias

O Festival de Cinema Europeo de Sevilla é, posiblemente, o mellor lugar hoxe en día para estrear un filme independente dalgunha das cinematografías nacionais dentro do territorio español. Con Málaga e Donostia ollando cara un cinema de autor máis industrial, ou cando menos de orzamentos folgados, todos aqueles títulos que se sitúan na periferia do mercado contan na cidade andaluza cun excelente escaparate que achega prestixio ás súas propostas. Para afirmar con tanta rotundidade algo semellante, cómpre analizar primeiro as causas polas que cremos que isto é posible. Neste sentido, o xefe de programación do festival, Alejandro Díaz Castaño, enumera no prólogo do libro Imágenes resistentes. Temáticas, narrativas y estéticas del Otro Cine Español catro momentos que amosan a vontade do festival de programar esta caste de filmes.

1. “Durante a primeira experiencia en 2012” co actual equipo do festival, “organizado en pouco máis de cinco meses”, sumáronse á sección oficial outras como Las Nuevas Olas e o seu apartado de non-ficción. Isto posibilitou a entrada de varias películas españolas desta caste, mais ficaron fóra, “non sen dor, algúns destacados títulos españois daquel 2012, como foi o caso, por poñer un exemplo paradigmático, de El jurado (Virginia García del Pino, 2012)”.

2. Resistencias créase en 2013 para acoller “ese cinema español realizado dende a máis absoluta independencia”, onde entran títulos como Árboles (Los Hijos, 2013) ou Un ramo de cactus (Pablo Llorca, 2013).

3. O Seminario ‘Otras narrativas de resistencia. Acercamiento al nuevo cine español’ celébrase por primeira vez en 2015 –en colaboración coa Universidade de Sevilla– para fomentar “o encontro entre estudantes universitarios e os cineastas da sección”.

4. A segunda edición do seminario coincide coa publicación do libro que estamos a comentar, que recolle tres artigos asinados por Sergio Cobo-Durán, Samuel Neftalí Fernández Pichel e Alberto Hermida, e mais nove entrevistas con realizadores que pasaron pola anterior edición do festival.

Por que é daquela necesario e pertinente publicar agora un volume sobre o Outro Cinema Español? Os autores tentan analizalo polo miúdo, mais nós daremos unha versión máis sintética: atopámonos ante unha das xeracións máis talentosas da historia do cinema español, que conseguiu facer filmes comprometidos e low cost en paralelo cos debates sobre a linguaxe cinematográfica que marcan as tendencias actuais a nivel mundial, e que non acaba de obter o recoñecemento debido. Esta etiqueta foi aparecendo en medios xeralistas polo empeño dalgúns, mais cómpre preguntarse se isto é suficiente. Unha publicación coma esta, presentada no contexto dun festival como o SEFF, ofrece unha primeira achega académica a este fenómeno que, sen dúbida, axuda á promoción destes filmes e cineastas. Todo suma, e por iso iniciativas como esta deben ser aplaudidas.

Alén da superficie e da auto-laudatio, cómpre tamén preguntarse que é o Outro Cinema Español. Os tres autores do volume tentan delimitar as súas características en senllos artigos, dos que se deducen as seguintes constantes: autoprodución e dispositivos de filmación de baixo custo, posibilitados polas ferramentas dixitais; compromiso político nun contexto de crise económica e institucional; e diversidade de estilos vangardistas como resultado da globalización cultural. Estes conceptos xorden da análise dunha serie de títulos proxectados no SEFF 2015 que os autores empregan como casos de estudio, unha circunstancia que, como eles mesmos recoñecen, limita o alcance do seu discurso. Isto explica que, en troques de propor un conxunto máis amplo, relevante ou significativo, a escolma de cineastas abordados fique restrinxida a Luís Aller, Ramón Lluís Bande, Miguel Ángel Blanca, Eloy Domínguez Serén, Mauro Herce, Pablo Hernando, Sergio Oksman, Guillermo G. Peydró e Víctor Hugo Seoane. Esta selección, na que tódolos cineastas teñen algo que ver co Outro Cinema Español, fica con todo moi lonxe de resultar todo o representativa que debería.

Ingen ko på isen (No Cow on the Ice, Eloy Domínguez Serén, 2015)

Ingen ko på isen (No Cow on the Ice, Eloy Domínguez Serén, 2015)

Pensemos no caso do Novo Cinema Galego, un fenómeno similar, relacionado ou mesmo incluido dentro do Outro Cinema Español, que está presente neste volume a través de Ingen ko på isen (No Cow on the Ice, Eloy Domínguez Serén, 2015) e Verengo (Víctor Hugo Seoane, 2015). Ademais destas dúas longametraxes, cómpre mencionar tamén o caso do cineasta catalán Mauro Herce, director de Dead Slow Ahead (2015), vencellado ao Novo Cinema Galego polo seu traballo como director de fotografía en títulos como Arraianos (Eloy Enciso, 2012), O Quinto Evanxeo de Gaspar Hauser (Alberto Gracia, 2013) ou Mimosas (Óliver Laxe, 2016). A obra dos directores destes tres últimos filmes, no entanto, apenas é mencionada en Imágenes Resistentes, como tamén acontece coa doutros cineastas fundamentais para o Outro Cinema Español como Isaki Lacuesta, Albert Serra, Andrés Duque, Carlos Vermut, Fernando Franco, Elías León Siminiani, Natalia Marín, Elena López Riera ou Luis López Carrasco, entroutros nomes.

A contribución deste volume é, polo tanto, importante, mais se cadra algo escasa. Seguimos á espera dun libro que analice de xeito máis exhaustivo o traballo destes cineastas, e de que futuras edicións de Resistencias sigan apoiando e difundindo esta caste de cinema. Esta opinión, con todo, ten máis de desexo que de demanda, porque os cineastas asociados ao Outro Cinema Español están a desenvolver as súas carreiras en rigoroso presente. Nese sentido, o futuro –como ben saben os autores de Imágenes resistentes– está aínda por escribir.

Cineastas Resistentes en 2016

Cales son as principais semellanzas e diferenzas entre os filmes programados en Resistencias en 2015 e en 2016? Houbo algunha evolución? O primeiro que nos chama a atención é a ausencia total de mulleres entre as persoas entrevistadas neste volume, porque se publicasen un novo libro dentro duns poucos meses seguro que poderían incluír algunha: a selección deste ano, sen ir máis lonxe, contou con pezas de Elena López Riera, Natalia Marín, María Cañas, Leire Apellaniz ou Irati Gorostidi. Cómpre salientar que os traballos destas dúas últimas cineastas, El Último Verano (Leire Apellaniz, 2016) e Pasaia Bitartean (Irati Gorostidi, 2016), están construidos arredor da memoria, un dos eixos temáticos do Outro Cinema Español que identificaba Samuel Neftalí Fernández Pichel no seu artigo. Estas memorias son, ante todo, memorias emocionais: dunha banda, a memoria dun traballo que se extingue –as proxeccións itinerantes nos cinemas de verán, un negocio que esmorece en paralelo á desaparición das copias en celuloide– e doutra banda, a memoria dunha paisaxe en permanente mutación – a paisaxe postindustrial do porto de Pasaia. Memorias, nos dous casos, que implican un movemento do pasado ao presente, da xeración dos suxeitos filmados á xeración das cineastas. Nesta mesma liña, La película de nuestra vida (Enrique Baró, 2016), programada dentro da sección Las Nuevas Olas, leva aínda máis lonxe este traballo sobre a memoria ao explorar o intersticio que conecta a ‘memoria encontrada’ coa ‘memoria inventada’, dous conceptos que tamén aparecen no libro –en concreto, no artigo asinado por Sergio Cobo-Durán– para falar nese caso sobre Verengo.

Pasaia Bitartean (Irati Gorostidi, 2016)

Pasaia Bitartean (Irati Gorostidi, 2016)

Outro dos eixos identificados por Fernández Pichel, o desprazamento, é o tema central da longametraxe La Substància (Lluís Galter, 2016) e da curtametraxe New Madrid (Natalia Marín, 2016). Estes dous filmes abordan dende diferentes perspectivas o fenómeno da duplicación de lugares e topónimos en latitudes insospeitadas, como a réplica chinesa de Cadaqués en La Substància ou as nove vilas norteamericanas chamadas igual que a capital española en New Madrid. Galter, no primeiro caso, fantasea coa posibilidade de trasvasar a esencia da vila catalana a Kadakaisi, a súa perturbadora reprodución en Extremo Oriente, fusionando ambos lugares na montaxe e mesmo facendo que algúns personaxes aparezan alternativamente nun ou noutro, coma se viaxasen no espazo-tempo a través dun buraco de miñoca. Marín, pola súa banda, representa esas nove vilas norteamericanas como un único non-lugar, onde a repetición de tramas urbanas e tipoloxías arquitectónicas anula calquera posibilidade de individualización. O desprazamento, polo tanto, non só é espacial nestes filmes –de Cataluña a China e de Madrid a Norteamérica– senon que é, sobre todo, un desprazamento de sentido: do sentido destes topónimos na Península Ibérica, onde dan nome a dous lugares singulares, cara o sentido que desenvolven no alén-mar, unha vez convertidos en non-lugares intercambiábeis.

A xenealoxía, por último, terceiro eixo identificado por Fernández Pichel, revélase de forma explícita na secuencia central de Los Mutantes (Gabriel Azorín, 2016), na que varios profesores da ECAM comentan os traballos dos seus alumnos. Algúns deses profesores son cineastas adscritos ao Outro Cinema Español, como Eloy Enciso ou Sergio Oksman, de xeito que o filme de Azorín revela unha lóxica de retroalimentación interxeracional: cada novo cineasta ten á súa disposición os modelos que representan os seus profesores, así como os referentes que guiaron á súa vez a obra cinematográfica dos seus propios profesores.

Algunhas das características expostas en Imágenes Resistentes reapareceron nos filmes programados este ano en Resistencias, abofé, mentres que os novos traballos dalgún dos autores analizados no libro, como Vida Vaquera (Ramón Lluís Bande, 2016), programado en Las Nuevas Olas – No Ficción, ratificaron a vitalidade da escolma establecida o ano pasado. O SEFF 2016 serviu para constatar, polo tanto, que o Outro Cinema Español existe, resiste e insiste, reafirmándose nalgunhas das súas constantes e ofrecendo novas achegas. Imágenes Resistentes funciona así como unha primeira aproximación a estes filmes e cineastas, á que esperamos que lle sigan novos textos que nos axuden a identificar e comprender mellor as formas, discursos e relatos desta caste de cinema.

32-imagenes-resistentesImágenes resistentes.

Temáticas, narrativas y estéticas del Otro Cine Español

Sergio Cobo-Durán, Samuel Neftalí Fernández Pichel e Alberto Hermida (coords.)

Editorial: Instituto de la Cultura y las Artes de Sevilla

Páxinas: 198

Comments are closed.