RÓTERDAM DÍA 1: DO “NUNCA DIGAS NUNCA” A “SEMPRE HAI UNHA PRIMEIRA VOLTA”

Gustaríame comezar esta crónica falando da miña viaxe, de aeroportos, de malos voos e outros sacrificios persoais polos que o crítico de cinema normalmente ten que pasar para chegar a puntos de encontro onde gozar (ou renegar) de novas e tentadoras propostas audiovisuais, pero non podo. Teño o luxo de vivir aquí. Esta é en efecto esa cidade cosmopolita e moderna da que todo o mundo fala, onde se fusionan unha gran variedade de culturas, de estilos e tendencias. Un modus vivendi que impregna ao seu festival e que se fai patente nunha programación con forma de mapamundi: Islandia, Canadá, Arxentina, Rusia, Corea do Sur, Estados Unidos, China, Brasil, entre outros, están representados en Róterdam.

Con máis de 550 cintas para exhibir en 12 días, o IFFR auspicia 114 estreas mundiais, 89 premières internacionais, unha arriscada selección de operas primas na Tiger Competition, o resumo do mellor do ano na súa sección Spectrum (Le Havre, A Dangerous Method, Play, Iceberg… si, Iceberg) e a súa xa tradicional aposta polo extremo nos ciclos de Signals (unha retrospectiva do finlandés Peter von Bagh, un compendio de cinema erótico brasileiro tipo hardcore en ‘The Mouth of Garbage’, exemplos do audiovisual exipcio e sirio en ‘Power Cut Middle East’). A sección Bright Future, cun 20 por cento menos de títulos é, en palabras do director do certame, Rutger Wolfson, a que máis sufriu os recortes pola redución orzamentaria en Cultura que aplicou o goberno holandés. Iso non impediu que Andrés Duque volva á cidade coma un deses realizadores cun “futuro brillante” para presentar Ensayo final para Utopía, despois de que o seu anterior filme Color perro que huye aparecese nun gran número de listas que recollían o mellor de 2011.

O resto de presenza española repártese por distintos carteis, por desgraza non na competición central pero si (por exemplo) en CineMart, ese espazo para a industria que cumpre 28 anos e ao que acoden proxectos con miras a incrementar o seu orzamento vía co-produción. Neste exclusivo mercado do audiovisual superou o primeiro filtro Manuel Martín Cuenca para defender aquí a súa próxima película, Caníbal. O director de La flaqueza del bolchevique e Malas temporadas compartirá mesa con Ruben Östlund e a súa seguinte produción Tourist, Kelly Reichardt co seu proxecto Night Moves ou o ruso Alexei Popogrebsky, ao que coñecemos vía How I Ended This Summer. Como apuntaba máis arriba, de España a Holanda tamén viaxa o realizador salmantino Gabriel Velázquez coa estrea internacional de Iceberg. E, como non, Isaki Lacuesta trae os seus Pasos dobles aínda refulxindo co ouro da Cuncha que levou en San Sebastián.

Unha das grandes propostas de Róterdam é o CineMart, onde acoden filmes na procura de financiamento mediante un réxime de co-produción. FOTOS: TITO RODRÍGUEZ

Pola noite proxectáronse dúas películas, o Kick-Off para o público, King Curling, do noruegués Ole Endresen, e a inauguración para a os invitados 38 témoins, de Lucas Belvaux, que eu terei que esperar a ver probablemente o luns porque non me deron entradas (vese que non somos “prensa especial”, como a chaman na organización). Tal e como comentaba con Laura, a delegada do Press Desk para os que falamos español (cando lle dixen que viña d’A Cuarta Parede pensou que me refería a unha película), hoxe é máis ben un día para preparar a axenda de visionados, solicitar entrevistas, decatarse de rumores e rebouxar por De Doelen, onde se concentra a maior parte da actividade da prensa internacional. Logo de perderme no edificio nada máis entrar, conseguín chegar ao terceiro piso e recoller a miña acreditación e un bonito catálogo cuxa portada se remite ao cartel desta 41 edición do festival neerlandés e que recolle unha longa lista de cualificativos que pretenden describir o certame: “estraño”, “raro”, “enfermo”, “hilarante”, “poético” e “arriscado”.

Todo isto fai que me entren ganas de sentar xa nunha butaca do Jurriaanse Zaal ou o Willem Burgerzaal e darlle ao botón do Play. Mañá comezamos. Na sesión matinal teño a intención de ver Clip, da serbia Maja Milos, que logo de once curtametraxes presenta a competición unha primeiro longa que promete sensualidade e violencia, nun ir e vir de situacións complexas propias da adolescencia. Acto seguido atrevereime a visionar A Fish (Corea do Sur), a primeira proposta en 3D que pasa polas pantallas rotterdammers, produto do director novel Park-Hong Min, e que os programadores locais cualifican de “misterio metafísico multidimensional”. E como sobremesa, xa pola tarde, Ensayo final para Utopía, diario de Andrés Duque na súa viaxe a Mozambique.

Remítome ás liñas anteriores como declaración de intencións persoal, á que debo engadir que non me quedarán horas por matar, nin augas que probar. Veño aberto a todo (cinematograficamente falando) e a darlle a cada unha das películas unha primeira, segunda ou terceira oportunidade. Espero non defraudar, nin que me defrauden.

Por certo, este primeiro día amenceu gris, descanse en paz Theo Angelopoulos.

Comments are closed.