AVANTI POPOLO, de Michael Wahrmann

25 Avanti Popolo 2

Na escuridade da noite, un vehículo viaxa sen rumbo polas rúas de São Paulo. Acompañando o desconcertante percorrido, imos escoitando un programa radiofónico no que o condutor fai un repaso por un gran número de cancións reivindicativas, das que acompañaron os diversos procesos revolucionarios xurdidos no continente latinoamericano no século pasado. Nun momento dado, un home se cruza no percorrido do vehículo, desafiando coa ollada ao condutor do mesmo, e, polo tanto, ao espectador. Con este inquietante prólogo comeza Avanti Popolo (Michael Wahrmann, 2012), que tivo a súa estrea no noso país, por fin, o pasado mes de febreiro grazas á Sala Zumzeig de Barcelona.

Aparentemente Avanti Popolo é un filme sinxelo. Un fillo (André Gatti) volve á casa do seu pai ancián (Carlos Reichembach), que xa só se preocupa pola cadeliña coa que convive. O seu día a día rutineiro, cheo de desencanto, vainos facer darnos conta de seguida que na vida familiar aínda existen historias por superar. Aquí reside unha das principais grandezas do filme de Wahrmann: sen facer apenas ruído, o cineasta pon no centro do seu filme a época da ditadura brasileira, semente de tódolos traumas dentro do seo familiar. E unha vez tomada conciencia do problema, a nosa percepción sobre o que está a acontecer na pantalla muda por completo.

Dende o comezo, dous son os elementos nos que se apoia o cineasta para determinar esa percepción. O primeiro é unha posta en escena pulcra, traballada e totalmente acorde co que se quere transmitir. Aquí seria obrigatorio salientar o traballo decorativo e de iluminación do cuarto principal da casa, onde transcorre gran parte da acción do filme: tomando como punto de partida as famosas polaroid de Andrei Tarkovski, o cineasta crea unha atmosfera de desesperación, paso do tempo e nostalxia familiar que se identifica totalmente cos sentimentos amosados polos personaxes. O outro elemento condutor, e se cadra o máis importante dende un primeiro momento, son as imaxes en Súper 8. Unhas estrañas imaxes que van xurdindo de forma progresiva na metraxe e das que descubriremos, con posterioridade, que foron filmadas por alguén que xa non está. Chegados a este punto, o filme de Wahrmann pon dunha vez por todas as cartas sobre a mesa.

25 Avanti Popolo 1

Unha viaxe a Rusia de ida, mais non de volta: a desaparición dun fillo na época da ditadura. Ese é o tabú ao que o personaxe do fillo tenta facer fronte, mais que o pai se nega a enfrontar. Na que probabelmente sexa unha das escenas capitais de Avanti Popolo, o fillo proxecta nas paredes do cuarto os filmes do seu irmán desaparecido, mais o pai non quere saber ren desas imaxes: para el forman parte dun pasado que non quere lembrar. Con esta negación entra en xogo o discurso da memoria, desa memoria histórica non afrontada sobre os conflitos do pasado que tanto dano fixo (e segue facendo aínda) en tantas sociedades. Wahrmann chega até aquí e non xulga, simplemente deixa que o faga o espectador, que este decida se paga a pena seguir loitando para pór esa memoria no lugar que lle corresponde, ou se en troques prefire vivir unha caste de morte en vida tal e como decidiu o pai.

Avanti Popolo, en resumo, é un exercicio de cinema con tódalas súas consecuencias: un filme humilde mais honesto (cousa á que ultimamente non estamos moi afeitos), un canto de amor ao cinema, á cultura e á política dun país, Brasil, que semella padecer os males de moitos outros, mais no que hai que comezar a crer tal e como defende Wahrmann. Polo tanto, sirva esta modesta crítica para reivindicar este filme e todos aqueles que entenden o cinema como un espazo cultural, de compromiso político e de amor ao propio cinema.

Comments are closed.