CINEASTA EMERXENTE? BERLINALE TALENTS

Os festivais de cinema son unha plataforma, en moitos casos, para atopar co-produtores ou fondos para financiar un filme. A maioría de certames de clase A contan con eventos paralelos ou bolsas que facilitan a realización de películas ou, cando menos, achegan unha axuda para rematalas. A Berlinale non podía ser menos. De feito, o volume destes cursos, encontros, bolsas e demais para novos realizadores – ou profesionais en xeral, hai 12 categorías ás que presentarse – medrou tanto que cumpría crear unha coordinación xeral para estas actividades. Baixo o nome de Berlinale Talents, aglutínanse dende hai un par de edicións diversas iniciativas, ao ritmo da batuta de Florian Weghorn, programme manager. Resume así o evento: “Cada ano en febreiro, Berlinale Talents convida a 300 participantes a vir a Berlín para gozar de variadas e inesquecibles experiencias no vasto mundo do negocio do cinema. Como iniciativa do Festival Internacional de Cinema de Berlín, é unha das plataformas para a creación de redes de contactos máis grandes e populares para creativos emerxentes no cinema. Aquí poden atoparse cos da súa xeración, e habitualmente facer filmes xuntos no futuro”.

Emanuel Licha ('Mirages') discutindo de xeito apaixonado nunha Doc Station.

Emanuel Licha (‘Mirages’) discutindo de xeito apaixonado nunha Doc Station. FOTO: DAVID AUSSERHOFER

Cales son especificamente estas experiencias? “O cumio (summit) é o núcleo de Berlinale Talents, pois ofrece algo para todo o mundo”. Weghorn refírese a un conxunto de clases maxistrais e debates divididos en distintas escalas. As sesións de grande formato, nas que se convida a profesionais de grande sona e probada experiencia no sector a debater sobre temas de carácter xeral, habitualmente baixo a moderación dun crítico de prestixio; e os obradoiros, con contidos máis específicos para as diversas categorías profesionais, onde se procura máis a interacción e que se conciben como posibilidades de formación. “Hai aproximadamente 35 sesións cada ano”, recorda o responsable do cumio, que especifica ademais que “en cada edición están centradas nun tema en concreto, que muda en cada ocasión”. Ao longo da súa historia, “máis de 600 profesionais teñen participado no cumio”, di Weghorn, entre os que se contan nomes moi relevantes. El destaca só algúns recentes: Ken Adam (mítico director artístico de varios filmes de Kubrick e da saga James Bond), Matthew Libatique (director de fotografía habitual de Darren Aronofsky), a actriz Tilda Swinton, ou os reputados directores Carlos Reygadas, Wong Kar-Wai e Stephen Frears.

A isto engadiríanse os diferentes programas Studio, “dedicados a áreas específicas de traballo, onde se ofrecen titorías, encontros man a man en obradoiros para actores, directores de fotografía, montadores, directores artísticos, axentes de vendas, distribuidores, deseñadores de son e compositores de bandas sonoras”. Un amplo espectro, ao que debemos sumar Talent Press, espazo específico para os escritores de cinema – críticos, académicos e xornalistas – con prácticas neste eido.

E chegamos así á última pata que sustenta Berlinale Talents, a que máis ten que ver con produción. “Os Project Labs están especializados para diversos propósitos, principalmente para afondar no desenvolvemento dun proxecto fílmico ou presentalo”, prosegue Weghorn. O que se adoita procurar son “creativos do cinema emerxentes que estean habitualmente entre o seu quinto e décimo ano de carreira”. Amais, “deberan ter feito un par de curtas, unha longametraxe ou unha serie de televisión de calidade que se tivese mostrado con anterioridade a nivel internacional”. Dependendo da área profesional á que un se presente, os criterios mudan, “pero o criterio máis importante é a forte motivación do solicitante para vir a Berlín a experimentar e compartir de xeito aberto”, incide Weghorn.

Procurando unha maior especialización, amais da subscrición xeral aos Project Labs, un pode presentarse a calquera das tres Station que Berlinale Talents oferta: para documentais, curtas ou guións. Como se fai? “Pídeselle aos participantes que penduren no noso sistema un tratamento, unha escena dialogada ou, no caso das curtas, o guión completo; xunto con outros materiais que nos dean un coñecemento suficiente do status quo e da calidade do traballo”. Con posterioridade, “a selección para cada unha destas Station faina un xurado específico de recoñecidos expertos no ámbito do escritura de guións e desenvolvemento de proxectos”, explica o coordinador. Amais da formación nestas áreas, e do consello, hai recompensas máis obxectivas e palpables para aqueles que sexan seleccionados adicionalmente no Talent Project Market. E aquí é onde, dentro dese contexto de descubertas e encontros, un produtor ou director pode atopar o apoio económico en Berlinale Talents: “É unha colaboración co Berlinale Co-Production Market que ofrece aos alumnos que xa participan no programa a posibilidade de obter contactos e un coñecemento interno das producións, necesarios para poñelos máis preto do seu obxectivo, facer filmes”. A competición é dura, e nun notable inglés (aviso a navegantes para aqueles que precisen poñerse as pilas neste eido). Weghorn resúmeo: “De todos os participantes presentados, 10 son elixidos polas súas propostas de filmes, completamente desenvolvidas, para presentarllas a experimentados co-produtores e mecenas”. E, de xeito máis específico, ofrécense dous galardóns para aqueles proxectos mellor considerados por un xurado de expertos. O VFF Talent Highlight Pitch Award ofrece 10.000 euros ao proxecto mellor valorado, e 1.000 máis adicionais para os que quedaran no segundo e terceiro posto da valoración. Pola súa banda, existe un premio de ARTE valorado en 6.000 euros, e decidido por un xurado designado pola propia canle de televisión. En total, 18.000 euros de axuda á produción para os participantes neste Talent Project Market.

Os cineastas Akosua Adoma Owusu e Etienne Kallos intercambian ideas na Script Station. FOTO: DAVID AUUSERHOFER

Os cineastas Akosua Adoma Owusu e Etienne Kallos intercambian ideas na Script Station. FOTO: DAVID AUUSERHOFER

Pero se un non é emerxente, ou si o é, na longametraxe de ficción; pode que lle interese acudir ao socio de Berlinale Talents nesta categoría, o Berlinale Co-Production Market. Con criterios similares, elíxense 25 proxectos a presentar, ofrecendo unha rede de contactos de ao redor de 500 produtores, que poderían estar interesados no proxecto. Pero Weghorn recorda tamén que non nos esquezamos do World Cinema Fund, pois pode ser unha vía de financiamento viable para moitos filmes que estean a medio facer. Cun orzamento de 350.000 euros anuais para investir na produción e distribución de filmes, teñen contribuído a rematar filmes de prestixio nos últimos anos como Harmony Lessons (Emir Baigazin, 2013) ou La teta asustada (Claudia Llosa, 2009). Lamentablemente para os produtores españois, esta partida está destinada a “desenvolver e apoiar o cinema de rexións cunha infraestrutura cinematográfica débil”. Polo tanto, só financia filmes destas áreas: Latinoamérica, América Central, o Caribe, África, Oriente Próximo, Asia Central, o Sudeste Asiático e o Cáucaso. Alá onde vaiamos neste especial sobre financiamento de cinema, semella que a co-produción é unha das vías máis claras para poder levantar un filme. Quen queira, ten nestas dúas iniciativas da Berlinale unha oportunidade. E se es emerxente, Berlinale Talents preséntase como un excelente foro de formación, de aumento da rede de contactos e, no mellor dos casos, financiamento.

__________

O prazo para presentarse a Berlinale Talents remata o 1 de setembro. Pódense consultar as bases na súa web www.berlinale-talents.de ou neste folleto.

FOTO DE PORTADA: PETER HIMSEL. TODAS ELAS FACILITADAS POR BERLINALE TALENTS

Comments are closed.