CARLOS MARQUÉS-MARCET: “CREO QUE HAI QUE ATOPAR UN ESPAZO PARA TODO TIPO DE CINEMA”

© Oscar Fernandez Orengo

Carlos Marqués-Marcet © Oscar Fernandez Orengo

Carlos Marqués-Marcet (Barcelona, 1983) acaba de presentar a súa última longametraxe, Els dies que vindran, na Competición Oficial do Festival de Cine de Róterdam (podes ler a nosa crónica completa aquí). Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade Pompeu Fabra, Marqués-Marcet cursou un máster en dirección cinematográfica en Los Angeles e traballou durante anos como montador de cine e televisión. A súa ópera prima, 10.000 km (2014), acaparou todas as miradas no Festival de Cine de Málaga e fíxose co premio Goya á mellor dirección novel. Desde entón, o realizador catalán logrou establecerse na industria grazas a traballos como a TV movie 13 dies d’outubro (2015) ou a súa segunda película, Tierra firme (2017). Con Els dies que vindran Marqués-Marcet pecha a súa particular triloxía volvendo a un rexistro máis íntimo. O filme narra o embarazo inesperado dunha parella na trintena, baseándose na experiencia verídica dos seus protagonistas (David Verdaguer e María Rodríguez Soto, parella na vida real). Durante a súa estancia no IFFR puidemos falar con el sobre o seu proceso creativo, os seus intereses temáticos e a forma na que navega entre distintos xéneros e escalas de produción.

Pensaras en IFFR como o escaparate máis axeitado para a película?

A verdade é que non pensara nun festival en concreto, pero a Róterdam téñolle moito afecto. Estiven aquí como montador no ano 2012, cunha película americana, e o ano pasado viñemos con Tierra firme (2017). É un festival no que me sinto moi a gusto, e ademais é moi equilibrado: hai bastante público pero tamén moita conexión entre os cineastas. Facíame moita ilusión vir.

Os críticos sempre caemos no clixé de definir unha película como “a máis persoal” do seu director. Tal vez non é o teu caso con Els dies que vindran, pero imaxino que si o foi para os teus actores.

A última película é sempre á que máis agarimo lle tes. Neste caso, o proceso de creación foi moito máis libre e exploratorio que nas miñas películas anteriores. É precisamente esa liberdade, e os recursos dos que dispoñiamos, o que fai que sexa máis especial para min. E obviamente para os actores tamén supón algo único. Para eles é un recordo dun momento moi importante.

Teño entendido que fuches ti o que deu o primeiro paso á hora de propoñer a película. Como foi o proceso de ‘negociación’?

Si, estabamos rodando Tierra firme e soubemos que David e María estaban embarazados, así que propúxenlles facer unha película para explorar todo o proceso. No fondo foi todo moi sinxelo. O que fixen foi propoñerlles levar a cabo un acto creativo conxunto. O obxectivo non era gravar a súa intimidade, senón profundar nela a través da ficción. Grazas ao propio exercicio creativo, á interpretación, puidemos alcanzar outro nivel de veracidade. Nese sentido foi todo moi orgánico, en ningún momento houbo tensións. Fomos atopando a película a medida que a faciamos, incorporando novos temas e deixando outros de lado. Todo o que vemos ocorre a través dos ollos dos personaxes, e iso permítenos explorar o proceso libremente. Creo que esa foi a clave, a idea de utilizar os personaxes como un vehículo para transitar por certas vivencias.

Como se desenvolveu o proceso de rodaxe?

Rodamos principalmente durante as fins de semana. Decidimos marcar unha data para empezar a gravar, antes de que o embarazo estivese xa moi avanzado, e a partir de aí comezamos a facer improvisacións. Primeiro traballamos cos actores por separado, cada un desenvolvendo o seu personaxe, e logo xuntámolos. Normalmente non sabiamos o que iamos rodar ata unha semana antes. O proceso que seguimos consistía basicamente en comentar as experiencias que estaban tendo David e María, adaptándoas á forma na que as vivirían eses personaxes. A partir de aí improvisabamos e construiamos o guión que iamos a filmar cada semana. Finalmente, cando quedaban tan só un par de meses de rodaxe, incorporamos a Clara Roquet e Coral Cruz (co-guionistas) para organizar mellor todo ese material e darlle unha dirección. Despois do parto aínda volvemos rodar algunhas escenas e escribimos outras máis dirixidas a estruturar a película.

Como irrompía a realidade en todo o proceso e como acabou representada?

Foron moitos pequenos detalles. Por exemplo, cando María me ensinou o vídeo do seu propio nacemento. Un encontro fortuíto que logo reestruturou toda a película. Consideramos que ese vídeo tiña que ter un reflexo directo na trama dos personaxes. Engadía capas en moitos sentidos, tanto no que se refire á forma na que actuamos en relación a modelos anteriores, como á hora de comparar como se vive unha mesma experiencia en distintas xeracións. Tamén nos permitía falar de certos modelos ou clixés, brindándonos unha invitación ao metacine. Ao final unha película é un recordo dun momento e un tempo pasados, e a que estabamos facendo era como a cara B dunha home movie. Tamén ocorreu algo parecido co tema do nome. David e María empezaron a debater e a obsesionarse co nome do bebé, a buscar en diferentes libros e páxinas web, así que decidimos rodar escenas sobre iso. Improvisamos e de aí saíu un pouco o momento que vemos na película [Cando os personaxes botan a sortes o nome da nena]. Buscabamos un equilibrio entre a experiencia real dos actores e a forma na que se comportaban os personaxes. E sobre todo o moito que dicían estas experiencias sobre a relación que ten unha parella. As posicións enfrontadas, a dificultade para entenderse, os acordos aos que hai que chegar ao longo de todo o proceso…

© Avalon

Els dies que vindran © Avalon

En todas as túas películas trataches o tema da maternidade desde distintas perspectivas. Que che aportou en concreto esta última?

Nesta parte do mundo a decisión de ter un fillo converteuse nun auténtico dilema, cando fai anos non o era, e iso di moito da sociedade na que vivimos. Atráeme este tema porque nos permite falar sobre como nos relacionamos. Neste caso móstrase de forma moito máis directa, xa que o propio proceso nos arrastra a iso. En Tierra firme centrábame máis na arrancada e as dúbidas previas, e aquí metémonos de cheo na carreira, intentando “saltar os valados”. Un dos aspectos que máis me interesaba era como de súpeto todas as cuestións de xénero -masculinidade, feminidade, relacións de parella-, que moitas veces cremos superadas, volven a emerxer cun embarazo. No momento no que hai un corpo que porta unha vida e outro que non esa dificultade para entenderse multiplícase.

Hai unha vocación xeracional nas túas obras?

É un pouco perigoso intentar facer unha película xeracional porque corres o risco de acabar moi ensimesmado, abstraido no teu propio mundo, e iso non é o que busco. Tamén é certo que cando empecei a facer películas interesábame falar do que era máis próximo. Dalgún xeito supoño que falar de xente da miña idade nunha contorna parecida á miña, sobre todo nesta última película, si que me permitía explorar certos temas sen a necesidade de ter que facer un traballo previo de investigación ou descubrimento. Trátase de chegar ao outro desde o máis próximo a ti. E dalgunha forma cada unha das miñas películas levoume á seguinte. Tierra firme fixémola a partir de 10.000 Km, porque quería ensinar o mundo de Natalia [Tena] e seguir profundando na relación que se creou entre ela e David, pero non foi algo programado.

En calquera caso, con tan só tres películas lograches un corpus temático consistente. Tes en mente seguir traballando os mesmos temas?

Hai cousas que quero explorar na mesma liña. Non necesariamente o embarazo, pero si que hai certos universos cos que me interesa moito seguir traballando. Falar da miña xeración, por dicilo dalgún xeito, serviume para ordenar pensamentos e para repensar o cinema. De todos xeitos, tamén me interesa experimentar con outras cousas. A televisión, por exemplo, sempre me levou a temas xudiciais.

Agora mesmo estás traballando na adaptación televisiva de En el corredor de la muerte, a novela de Nacho Carretero sobre o caso de Pablo Ibar. Como foi o cambio de escala e produción?

En realidade son sistemas e momentos totalmente distintos. Els dies que vindran tiña unha produción máis complexa da que vou ter cunha serie. O equipo era moi pequeno, pero tiñamos o dobre de días de produción. Ao final trátase de como utilizas os recursos ao teu alcance. Tamén é certo que nunca poderiamos facer unha película como Tierra firme, coas súas particularidades de produción (traballar noutro país, rodar en barcos, aplicar unhas certas ideas estéticas,…) sen ter unha maior organización detrás. E o mesmo sucede agora coa serie, que obviamente require dunha gran produción. Estamos rodando unha historia ambientada en Florida e traballando con actores internacionais, o cal esixe un gran equipo e moita planificación. Está claro que non podería facer a serie como fixen a película, e viceversa. A televisión é un traballo máis de encargo, por dicilo dalgún xeito, parecido ao sistema de produción dos grandes estudos clásicos en Estados Unidos ou Xapón.

E como te aproximas persoalmente aos distintos formatos?

Cada proxecto require o seu propio sistema e hai que deseñalo a medida. En televisión intento atopar e aportar un punto de vista persoal a un tema que me ven dado, mentres que no cine traballo as miñas propias ideas. A miña intención é seguir combinando estes dous formatos. Non me gustaría ir sempre por defecto cara a un tipo de produción, senón atopar o modelo co que sexa capaz de explotar ao máximo o tema que quero tratar, nin máis nin menos. Creo que hai que atopar un equilibrio e un espazo para todo tipo de cinema. Se entendemos que só se deben facer producións industriais con orzamentos máis folgados hai moitas películas da historia que xamais se terían levado a cabo. Estamos nun momento no que custa moito levar ao público ás salas, e a nosa responsabilidade como cineastas é facelo cada vez mellor para seguir atraendo á xente. A televisión está moi ben, pero a maxia do cinema na sala escura, a experiencia en comunidade, é inimitable. Probablemente sexa un romántico, pero gustaríame seguir buscando esa experiencia.

© Avalon

Els dies que vindran © Avalon

Comments are closed.