ESSENTIAL KILLING, de Jerzy Skolimowski

UN POEMA GLACIAL ·

Tres estadounidenses armados intérnanse nun labirinto de simas, nalgún deserto cálido e indeterminado. Un home vestido con túnica veos, foxe asustado e refúxiase nunha cova. Non o vemos a el, pero vemos a través del. Vemos o que os seus ollos ven. Arrebata un bazooka a outro home, parece árabe, está morto. O primeiro treme, arquexa, titubea, e, aterrorizado pola ameazante proximidade dos estraños, dispara. Punto e aparte.

Ignoramos quen son as vítimas e o verdugo. Onde, cando, por que… Non o sabemos. Nunca o saberemos. Non é preciso. Anacos dispersos de roupa e carne queimada golpean a area. Tras un intento de fuxida frustrada, revélasenos ao asasino: un home anónimo, un home musulmán, un home asustado, un home que devén criminal, vítima, presa, depredador.

Cando o protagonista aperta o gatillo, comeza outra historia, outra película, noutro universo. O realismo e dilixencia do prólogo de Essential Killing dilúense para mergullarnos noutro mundo, metafórico e descarnado, nu e virtuoso, glacial e sufocante, etéreo e violento. É o comezo dun pesadelo lírico. Aquela cova, no corazón do deserto, é a almofada de Mulholland Drive (2001).

O septuaxenario Jerzy Skolimowski introduce na súa chistera un thriller de acción e convérteo nun thriller metafísico, poético, arroupado por unha banda sonora atmosférica, hipnotizante, admirablemente ousada. O director polaco asáñase co seu personaxe, lévao á confusión, frustración, desespero, extenuación. Pero, ao mesmo tempo, fílmao con clemencia. A súa cámara escóltao, preto, moi preto. A lente acaricia un rostro ao que deixa morrer de frío. Essential Killing é unha apegada contenda filicida entre o cineasta e o seu actor.

Ese actor é Vincent Gallo, encarnando e padecendo un personaxe turbado e zorregado. O neoiorquino ofrece unha interpretación soberbia, temperamental, feroz, contundente e, sobre todo, extremadamente física. Gallo dá vida a un musulmán desraizado do seu árido hábitat e botado nun labirinto xeado, un supervivente para quen matar convértese en esencial. O deserto do que é arrancado, talvez Afganistán, é un McGuffin, como o era Iraq en Buried (Rodrigo Cortés, 2010). O infinito bosque xeado ao que é arrastrado, talvez Polonia, é a manifestación dunha insondable exploración da psique humana, como o era a illa de Shutter Island (Scorsese, 2010). Os voos secretos da CIA, que salpicaron países como España, Chipre, Irlanda, Portugal, Grecia, Polonia, Romanía ou Lituania, e os «Guantánamos europeos» descubertos nestes tres últimos países, son a xénese do proxecto de Skolimowski, pero aparecen no filme como unha vaga contextualización. En consecuencia, a narración a renuncia a calquera implicación política ou ideolóxica.

O realismo e dilixencia do prólogo de 'Essential Killing' dilúese para mergullarnos noutra película. Jerzy Skolimowski introduce na súa chistera un thriller de acción e convérteo nun thriller metafísico, poético.

No intervalo entre ámbolos dous universos, Gallo é apresado, torturado e interrogado. Un interrogatorio inútil; oubeante por quen pregunta, mudo por quen responde. Non sabemos se o protagonista non pode ou non quere falar, pero si sabemos que non oe. Ao darlle captura, un mísil explota preto del deixándoo xordo. Non fala, non escoita, non entende. Somerxémonos no pesadelo do homo socialis. Desvélanse os temas fundamentais desta película: a incomunicación e a soidade. Sabemos que Gallo é un asasino, pero non necesariamente que sexa un terrorista, aínda que sexa tratado como tal. Tampouco esa información é necesaria.

O home é trasladado á nada, unha nada xélida, salvaxe e mística. Un accidente do convoi no que está a ser transportado permítelle fuxir. Intérnase na negrura dunha noite conxelada. Mira ao seu arredor, entumecido. É un marciano, Mowgli na Quinta Avenida, un belga por soleares. Comprende o absurdo. Intenta entregarse. Talvez así esperte do pesadelo. Como Neo, ten diante dúas pílulas, pero ámbalas dúas son vermellas. O primeiro dos improbables azares que lle permiten salvar a vida en máis dunha ocasión fai que, en lugar de entregarse, asasine dous soldados e fuxa no seu vehículo. Ao disparar, podemos ver no seu rostro unha expresión de aflición, e, talvez, de compaixón polas súas vítimas. Ese grao de violencia e brutalidade irá aumentando simultaneamente á metamorfose do home en besta.
Un espectacular plano aéreo dende un helicóptero e varias panorámicas tan maxestosas como estremecedoras móstrannos a branca inmensidade desa prisión inexpugnable. O fuxitivo vaga sen rumbo e a cámara acompáñao na súa turbación, como un silente guía, como un anxo custodio. As poucas veces que a cámara se separa do prófugo vaga en inquietantes travellings, sorteando infinitas árbores. Vemos a Gallo tras esas árbores, entre elas. Os seus troncos eríxense como monumentais barrotes milenarios.

Os perseguidores, omnipresentes ao inicio, esvaécense. A natureza é agora o principal inimigo, o seu antagonista. Tamén a única que lle pode permitir seguir vivo. O home e a terra. Vincent Gallo non di unha soa palabra nos 83 minutos de película. Corre, sofre, chora, refórcese de dor, mórre de frío, pasa fame, asasina, sobrevive. Toda a película se constrúe sobre o castigo da natureza sobre o seu rostro. Skolimowski ofrece puntuais, escasos e ambiguos retallos de identidade sobre o personaxe, mediante fugaces flashbacks oníricos. Estas imaxes son cálidas, brillantes, en contraste ao álxido inverno polo que agora transita ese home despoxado. Nun deses flashbacks, en soños, o protagonista escoita unha pasaxe do Corán: “non es ti o que mata, é Alá”. O seu rostro móstrase aterrorizado. Talvez se lle encomendase unha misión que el non desexaba, que el non pediu, para a que non estaba preparado. Todo é ambiguo, todo é confuso, todo é fascinante. Xunto a estes flashbacks, intercálanse breves flashforwards, en forma de inapreciables insertos, que enxergan instantes do filme aínda por vir. Son un sinal do seu atroz destino, un adianto do seu calvario, un anuncio do final do pesadelo?

O encontro entre Vincent Gallo e Emmanuelle Seigner é unha una brillante reflexión sobre a comunicación.

O home cae nun cepo, unha trampa de caza, como preludio da súa animalización. Convértese nun lobo estepario nun bosque nevado. Come formigas, toma a zume das árbores, rouba un peixe e róeo cru, dorme nos comedeiros. Ao espertar entre cervos o seu primeiro instinto é o de dispararlles. Non pode. El é un deles, un animal salvaxe.

Outra mostra desta simbiose é a súa relación cos cans, un animal desprezado no Corán e considerado “impuro” nalgúns países árabes. Ao inicio da súa fuxida salva a vida a un deles para poder evadirse dos seus perseguidores. A continuación, un can do exército atácao ferozmente e debe darlle morte. Seguidamente, nunha escena psicotrópica, consecuencia dunha inxestión de bagas, unha manda de cans (que poderían ser tan só un en realidade, percibido como moitos no seu transo alucinatorio) o rodean enigmaticamente mentres el xace atordado no chan. Nesta ocasión, o(s) can(s) xa non lle ataca(n), senón que parece(n) examinalo, tentealo. Esta progresión, esta integración no mundo animal, complétase cando o can ao que salvara ao inicio o salva a el, impedíndolle morrer conxelado e guiándoo ata unha casa onde recibe acubillo.
Así, prodúcese o primeiro (e único) intercambio comunicativo do protagonista en todo o filme. Ata ese momento, o seu contacto con seres humanos fora unicamente violento, xa fose sendo torturado, asasinando ou intimidando para subsistir (roubando a captura dun pescador ou bebendo do peito dunha muller cun bebé á que apunta cunha pistola). Quen o gorece é Emmanuelle Seigner, nunha entenrecedora reinvención da samaritana abandonada que socorre prófugos e desertores, como en 39 steps (1935) ou Barry Lyndon (1975). A actriz francesa interpreta unha muller xordomuda, convertendo ese encontro nunha metafórica confluencia espiritual. Unha brillante reflexión sobre a comunicación, sublimada polo feito de que un actor estadounidense dá vida a un home árabe e unha actriz gala encarna unha muller eslava, ámbolos dous magníficos. A besta descóbrese agora como un indefenso animal malferido. Estamos ante unha secuencia extraordinaria, melancólica, absolutamente conmovedora, perfecta, só superada por un último plano tan astuto como inquietante.

Comments are closed.