FESTIVAL INTERNACIONAL DE CINE DE XIXÓN 2018: CINEMA ALÉN DA SECCIÓN OFICIAL

Game girls (Alina Skrzeszewsk, 2018)

Game girls (Alina Skrzeszewsk, 2018)

Non todo é Sección Oficial no Festival Internacional de Cine de Xixón, así, tamén sobresae a calidade das obras amosadas dentro das diferentes seccións. Este é, pois, un percorrido por algúns dos filmes máis destacables desta edición de 2018.  Sobresale especialmente Game Girls, de Alina Skrzeszewska, que se fixo co premio CIMA á Mellor Película. Este documental retrata a dúas mulleres afroamericanas homosexuais, Teri e Tiahba, que viven no barrio de Skid Road, en Los Ángeles. Conta cunha estrutura circular, que comeza cunha das rapazas recollendo a outra á saída do cárcere, sendo a final a última a que agarda á primeira. Destaca a complicidade entre as rapazas e a directora, pois lle permiten filmar a súa intimidade en momentos extremadamente delicados (como unha secuencia de violencia doméstica entre elas).

Outra xoia do festival, na que tamén se aprecia a proximidade e honesstidade no traballo coas personaxes, é Hamada, de Eloy Domínguez Serén, que levou o Premio á Mellor Película Española. Para os que coñecemos a súa filmografía, chámanos a atención o cambio na lingua cinematográfica que formula, optando por un documental de carácter máis observacional. Porén, a humanidade e sensibilidade que nos seus anteriores traballos autobiográficos transmitía el mesmo, aquí despréndese do evidente traballo coas persoas que filma. Posiblemente as dúas grandísimas virtudes de Hamada sexan, por unha banda, o atreverse a filmar o ocio e o humor nun campo de refuxiados saharauí e, por outra, o buscar a complicidade das súas personaxes para realizar a película, porque este documental non se limita a filmar desde a óptica do director a súa visión occidental sobre o terreo, senón que inclúe no proceso creativo ás persoas que filma, quen tamén propoñen escenas e deciden contidos. O filme ten momentos brillantes, como a escena na que unha das personaxes identifica, cos ollos vendados e o equipo de son nas súas mans, que coches pasan simplemente polo son do motor. Deste modo, inclúe o xogo co metacinematográfico – que conecta cos seus anteriores traballos, como Pettring ou Ingen Ko Pa Isen – e expresa a importancia que teñen para o pobo saharauí os coches, ao tempo que o envolve todo dun humor cómplice. Hamada é, sen lugar a dúbida, a confirmación de Eloy Domínguez Serén como un dos máis interesantes cineastas do momento.

Premières solitudes (Claire Simon, 2018)

Premières solitudes (Claire Simon, 2018)

O FICX acolleu tamén a estrea do novo traballo de Claire Simon, Premières solitudes, un documental que xurde trala participación da directora como profesora de cinema nun instituto francés xa que, ao quedar fascinada coas alumnas, deciden entre todas filmas a peza. Como sucede con Hamada ou con Game Girls, a complicidade coas persoas filmadas non só favorece o resultado, senón que permite efectivamente realizar o filme, pois son as protagonistas as que pensan de que falarán, que amosarán e que non, etc. Neste caso, falaron do amor e das súas relacións paternofiliais cos seus compañeiros, o que permitiu chegar coñecerse, xa que cos diálogos coa cámara nunca se tratarán de forma previa e ocurriron na primeira clase que se impartiu. Así, é sobresaínte a entrega e a xenerosidade de todas as participantes, que deciden agasallarlle e agasallarse momentos de intimidade, amizade e honestidade brutais e necesarios, pois o tempo da rodaxe foi moi escaso e non existía posibilidade de repetir ningunha conversa.

Que tal Pascual é un novo traballo que xurde do Máster de Documental Creativo da UAB, que se está convertendo nunha das produtoras máis exitosas do panorama español, con diversos filmes estreados en festivais de primeiro orde mundial e acumulando premios ano a ano. Neste caso, o filme propón un divertido achegamento a Pascual, un home peculiar, capaz de tanto atraernos como de irritarnos por partes iguais. Agradécese a este documental a simplicidade no dispositivo e a naturalidade coa que se enfrenta o seu personaxe, así como a determinación de apostar polo documental de humor. Tamén do Máster é Entre raíles, curtametraxe estreada en Zinebi poucos días antes, que gañou o Premio á Mello r Película Española e que se achega ao drama dos suicidios mediante atropello de tren, para o que non dubida en empregar outra ferramenta denostada pola práctica contemporánea: a entrevista. A través deste achegamento aos conductores de tren nárrasenos diversos sucesos e todo o que implican para estes traballadores. Entre raíles é capaz de abordar de pleno un tema impactante, duro e traumático, cunha elegancia e unha sutileza sorprendentes.

The Great Pretender, novo traballo de Nathan Silver, narra un cadrado amoroso entre unha directora de teatro francesa, o seu ex e dous dos seus protagonistas da nova obra que ela dirixe, chea de elementos autobiográficos e autorreferenciais que se suman ao metateatro ficcional que dá vida á historia. Orixinalmente, o proxecto formulouse polo produtores como unha webserie pero, a medida que este foi avanzando, Silver decidiu transformalo en cinema. Destaca a actuación de Esther Garrel como Therese, unha das personaxes máis atractivas do filme.

Relaxer (Joel Potrykus, 2018)

Relaxer (Joel Potrykus, 2018)

Outro filme do indie americano que puidemos ver foi Relaxer, de Joel Potrykus, unha proposta orixinal e arriscada na súa temática: a sublimación das prácticas absurdas dos xoves da xeración que viviu a súa adolescencia arredor do ano 2000, emulando aos Jackass de MTV. Nesta obra, o protagonista invirte o tempo en buscar erros en videoxogos mentres se aposta co seu irmán absurdos e autodestructivos retos, como beber litros de leite podre ou non erguerse do sofá ata rematar o xogo Pac-mac, aínda sabendo que sería case imposible. O filme xoga na raia do absurdo e do humor chabacano.

Tamén explorando os límites do absurdo capitalista, pero cunha proposta totalmente diferente, presentouse a curtametraxe documental All inclusive, de Corina Schwingruber, que levou a Mención Especial do Xurado da Sección Oficial de Curtametraxes. Neste traballo observacional móstranse diversas actividades que teñen lugar a bordo dun cruceiro de luxo. A cineasta reencadra as accións, omitindo o contexto ou xogando co punto de vista, de forma que nos fai ver de forma nova e orixinal accións totalmente anodinas. Mediante este estrañamento xérase o humor e a viveza, dando lugar a un traballo realmente interesante, que amosa a posibilidade de realizar unha crítica política sen desbotar a humanidade e a fraxilidade das persoas.

Comments are closed.