INHERENT VICE, de Paul Thomas Anderson

25 Inherent Vice 2

Hai dous realizadores anglosaxóns na actualidade que coas súas filmografías oscilantes entre o alternativo e o mainstream, pero definitivamente de autor, pugnan por ser dignos herdeiros de Stanley Kubrick (unha das súas principais influencias recoñecidas). Un deles sería Christopher Nolan, que toma do mestre o seu gusto polos high conceptsque desenvolve en complicados filmes-crebacabezas, e un estilo visual moi cinético e dependente da montaxe. O outro sería Paul Thomas Anderson, que optou en troques por imitar a versatilidade kubrickiana, sendo capaz de moldear por completo a posta en escena en cada proxecto para axeitala á premisa. Deste xeito, os seus filmes serían moi distintos, pero ao mesmo tempo compartirían faíscas de xenio idéntico.

De ter que escoller entre estas dúas manifestacións opostas do mesmo ascendente, talvez habería que inclinar a balanza a favor de Anderson, pois a súa filmografía posúe algo que a de Nolan ou ben carece ou ben oculta baixo demasiado Sturm und Drang: unha tese. A obra de Nolan foi progresivamente substituíndo as ideas por fogos de artificio, trampas e xeroglíficos. Pola contra, Anderson sempre ten algo interesante que contar en torno á condición humana, e esmerouse en arroupar esas hipóteses cos mellores envoltorios posibles. De feito, xa ten un corpus suficientemente abundante como para que se poidan distinguir dous períodos diferenciados na súa traxectoria. O inicial, ambientado arredor do val de San Fernando, estaba poboado por personaxes imperfectos, illados ou alienados á procura de algo que lles faltaba: unha familia ou grupo ao que pertencer (Boogie Nights, 1997), o amor (Punch-Drunk Love, 2002), ou un sentido para as súas vidas (Magnolia, 1999). A partir de There Will Be Blood (2007), sen embargo, seica Anderson seguiu facendo películas en torno ao devezo, pero mudando o enfoque para cartografar especificamente o American Dream en distintos momentos históricos. Comezou nese mesmo filme contando unha fábula sobre a cobiza humana, a febre petroleira e o auxe do capitalismo; e continuou en The Master (2012) cunha análise do funcionamento das seitas (imposible non pensar na ciencioloxía) que tentaron tapar o baleiro espiritual da devastada xeración posbélica. Inherent Vice (2014) suporía a seguinte etapa nesa viaxe, unha sorte de desenlace desencantado sobre o fin da contracultura underground como antítese dese soño. Carlos Heredero profunda por esta senda no último número de Caimán. Cuadernos de Cine, sinalando co dedo a heroes e antagonistas andersonianos e os seus conflitos, pero mellor léano a el (1).

Adaptation

Anderson enfróntase en Inherent Vice ao considerable desafío de adaptar a Thomas Pynchon para a pantalla, e sae bastante airoso do reto, substituíndo a prosa florida do escritor estadounidense por imaxes suxestivas e cativadoras. Parte do éxito se puido deber ao método de transvase: o primeiro borrador do guión era unha titánica transcrición frase a frase da novela homónima de varios centos de páxinas, que foi pulindo e recortando en sucesivas reescrituras. A versión definitiva sacrifica tan só un par de tramas e digresións sen as que pode vivir o filme. Só habería que cuestionar unha decisión que non acaba de casar co resto do conxunto: a voz en off do personaxe de Sortilège (a cantautora Joanna Newsom!) como narradora omnisciente, facendo avanzar a trama coas súas observacións providenciais. Coido que eses monólogos abruptos rachan violentamente co sutil e fumado flow visual que tece o director, aínda que a contrapartida sen eles tería sido perderse un pouco máis nos meandros dunha intriga chea de voltas e reviravoltas.

25 Inherent Vice 3

Porque desde que entra pola porta unha femme fatale para pedirlle un favorciño ao seu ex, o investigador privado e consumidor de estupefacientes Doc Sportello, custa non extraviarse por unha historia chea de mcguffins, accións paralelas, coincidencias, sospeitosos rocambolescos, conspiracións na sombra e alucinacións lisérxicas, contada cun ton que lle dá máis importancia a crear atmosferas e sensacións que a moverse do punto A ao punto B. Recoñezo que no primeiro visionado non dei seguido a acción, e polo visto non fun o único ao que lle pasou. Pero que unha película non se entenda á primeira ou que sacrifique o arco argumental por un subtexto simbolista non significa que estea mal feita, tal e como suxeriría a polémica que xurdiu entre os críticos ianquis en torno a este título. Nun artigo para Vulture (2), Kevin Lincoln tivo que defender o dereito de Inherent Vice a ser ambigua ou frustrante nuns tempos nos que as audiencias esixen que nas súas ficcións todo estea resolto e explicado, pois velaí reside a súa tese nihilista: como acabará comprobando Sportello nas súas propias carnes, estamos indefensos e ignorantes ante un mundo darwiniano e corporativo que podería destruírnos nunha chiscadela.

Sospeitosos habituais

Un dos méritos da película é a súa condición de pastiche verosímil: se obviamos unhas cantas premonicións catafóricas do que nos agardaría co neoliberalismo desatado nos anos oitenta, realmente o filme parece que foi rodado en 1970. Nese sentido, toda a posta en escena é sorprendentemente crible, desde o recargado deseño de interiores ata os movementos de cámara e a selección musical. Anderson acada unha complicidade total con todos os departamentos de produción, unha compenetración que estará moi relacionada coa súa decisión de repetir cos seus colaboradores habituais: Robert Elswit regresa como director de fotografía tras ceder os lentes en The Master, e Jonny Greenwood, de Radiohead, asina a súa terceira banda sonora para o cineasta, a máis atinada.

En canto á familia actoral, regresa Joaquin Phoenix e parece encamiñado a converterse no novo intérprete fetiche de Paul Thomas tralo tráxico finamento de Philip Seymour Hoffman. Xa louvei con anterioridade o talento de Phoenix, pero é que neste filme brinda outro recital de virtuosismo: exuda un carisma natural que alterna acertadamente entre o cómico e o patético (coma o propio libreto), e aproveita que o rol de Sportello é máis reactivo que axente para ofrecer unha actuación flexible coma un xunco, adaptándose en cada momento ao seu compañeiro de escena e facendo que a pantalla reborde química. Especialmente memorable é o seu ballet con Josh Brolin, que encarna ao policía que lle fai a vida imposible a Doc e co que se compenetra como se fosen dúas caras dunha moeda. Pero o actor logra combinar coa ducia longa de secundarios que lle dan réplica, sendo este o filme máis coral de Anderson desde Magnolia (ou falsamente coral, pois o protagonista indiscutible da función é sempre Sportello/Phoenix).

25 Inherent Vice 4

Continuando coa alegoría kubrickiana, Inherent Vice podería ser unha (per)versión noir de certos temas antisistema explorados por A Clockwork Orange (Stanley Kubrick, 1971) –home, o axeitado sería referirse aquí a Chinatown (Roman Polanski, 1974), coa que garda máis semellanzas, pero non imos foder a metáfora agora- onde a estética tamén tiña unha importancia capital. Nese pique por muxir a mesma vaca, Nolan adiantouse facendo esa revisión de 2001: A Space Odyssey (Stanley Kubrick, 1968) que é Interstellar (Christopher Nolan, 2014); unha mágoa, pois sería curioso saber como se tería defendido PTA no eido da ciencia ficción. Pero aínda queda moito panteón do bo de Stanley por revisitar: Paul, veña, anímate a facer ti un remedo de The Shining (Stanley Kubrick, 1980), con Joaquin nun papel estilo Jack Torrance. Ou, xa postos a pedir, unha sátira desatada de todo, tipo Dr. Strangelove (Stanley Kubrick, 1964), que polo que vimos nesta última fita, tes xeito.

(1) Heredero, Carlos. 2015. “Sonámbulos en el laberinto”. Caimán. Cuadernos de Cine 36: 16-17.

(2) http://www.vulture.com/2015/01/inherent-vice-and-audiences-ambiguity-problem.html

Comments are closed.