JAGTEN, de Thomas Vinterberg

Víctimas

Hai década e media, Festen (Thomas Vinterberg, 1998), o título fundacional do movemento Dogma 95, abordaba un dos tabús máis incómodos para a sociedade actual: a pederastia. Quince anos despois, o seu director, Thomas Vinterberg, regresa con Jagten a ese mesmo tema, mais desta vez para amosarnos unha realidade que se atopa á outra banda do espello: a experiencia dun home que foi falsamente acusado de abusos sexuais a menores.

O cineasta danés substitúe a mareante cámara en man que predominaba na súa ópera prima polos continuos primeiros planos que exacerban a anguria do seu protagonista, Lucas, un profesor de educación infantil, amigo dos seus amigos, que tenta saír adiante logo dun divorcio difícil mentres loita pola custodia do seu único fillo. A súa lenta recuperación vese truncada pola mentira dunha nena pequena, alumna da escola onde traballa e, a maiores, filla do seu mellor amigo. Ese comentario, que non debería transcender alén dos límites do centro escolar, converte a Lucas no chibo expiatorio do resentimento latente da tranquila comunidade na que vive, até o punto de que tódolos seus veciños, sen excepción, rematan por autoproclamarse xuíces e verdugos do caso.

Ao longo do filme, o espectador asiste impotente ao linchamento moral (e mesmo físico) dun home ao que Vinterberg procura amosar en todo momento como unha vítima ao que non se lle concedeu o máis mínimo beneficio da dúbida. Esta figura vese reforzada pola brillante interpretación de Mads Mikkelsen, un actor coñecido até hai pouco polos seus personaxes duros e violentos, como o malo de Casino Royale (Martin Campbell, 2006) ou o heroe chosco e decapitador de Valhalla Rising (Nicolas Winding Refn, 2009). Desta vez, Mikkelsen adopta un rol diametralmente oposto aos dous anteriores e transmite a través da súa ollada acuosa o tormento polo que está a pasar o protagonista. Xunto a el tamén destaca outra face coñecida do cinema danés, Thomas Bo Larssen, que interpreta ao pai da nena supostamente acosada, e que sufrirá unha importante transformación ao longo do filme: a clave da redención que Lucas procura insistentemente e que todos lle negan estará, precisamente, nas súas mans.

Algunhas voces reprocháronlle a Vinterberg que empregase un argumento demasiado trillado en Jagten, mais o cineasta danés sabe marcar distancias cos dramones de sobremesa grazas a un maxistral manexo da acción e da cámara que vai envolvendo aos personaxes (e ao público) nun clímax de tensión que culminará nun final revirado con pretensións morais. O seu novo filme é así unha obra notábel, malia que non excelente, na que recupera a súa habilidade como director e volve demostrar que o cinema danés é algo máis ca Lars von Trier.

Comments are closed.