MAPS TO THE STARS, de David Cronenberg

24 Map to the Stars 2

Estrelas a contraluz

O inclasificábel John Waters declarou hai pouco que Maps to the Stars (David Cronenberg, 2014) se convertera no seu filme favorito do ano pasado: “amo este filme máis do que amo ao meu propio bigote”. Un pode pensar que se trata dunha obra innovadora, que o é, aínda que máis son as de Waters; escatolóxica, que tamén o é, aínda que máis son as de Waters; ou satírica, que tamén o é, aínda que máis son as de Waters. Daquela, que ten o último filme de David Cronenberg para deixar tanta pegada en Waters? Pois posibelmente un estudado control para non pasar eses límites que Waters cruzou cando quixo, mais achegándose o máximo permitido para obter un filme escuro, ás veces repugnante, e non recomendado para tódolos públicos.

Maps to the Stars non é un drama, tampouco unha comedia, aínda que é as dúas cousas á vez. Como Birdman (Alejandro González Iñárritu, 2014), o filme de Cronenberg é un retrato negro e irónico sobre o mundo dos actores, os seus axentes e outros seres involucrados no negocio do espectáculo, aínda que se afasta dos recoñecidos teatros de Broadway para aterrar no perverso Hollywood. Pode semellar que esa premisa o achega a traballos como Sunset Boulevard (Billy Wilder, 1950) ou Mulholland Dr. (David Lynch, 2001), mais hai unha diferenza esencial: o soño hollywodiense nace morto no filme de Cronenberg, non hai proceso de desmitificación, non somos testemuñas de ningún descenso aos infernos nin hai unha Norma Desmond acabada profesionalmente ou unha Betty Elms / Diane Selwyn profundamente desilusionada. Cando o personaxe de Agatha (Mia Wasikowska) chega a Los Angeles na primeira escena, está a chegar ao inframundo. Ao contrario do que acontece na obra de Lynch, en Maps to the Stars non hai un momento de quebra, unha escena na que se rompe o filme e somos conscientes do reverso dese suposto mundo de soños e éxito prometido, senón que estamos diante dunha fotografía detallada de Hollywood e dos seus habitantes.

O director canadense ofrécenos unha análise, clínico e á vez hiperbolizado, desas estrelas. Non hai présa en armar esa constelación, en presentar aos personaxes, as súas relacións, o seu pasado e o seu presente. Así é como coñecemos á psicótica Havana (Julianne Moore, gañadora ao premio á mellor interpretación feminina en Cannes 2014), ao gurú dos famosos Stafford Weiss (John Cusak), á súa sufrida dona (Olivia Williams), ao caprichoso fillo de ambos, o neno prodixio da interpretación Benjie Weiss (Evan Bird), ou mesmo a Carrie Fisher interpretándose a si mesma. Esta última elección non semella casual, atendendo á tumultuosa relación da actriz con Hollywood: a súa sona, a súa caída no esquecemento, o seu alcoholismo, a súa adicción ás drogas e a súa reconversión en escritora. Entre tanto personaxe tarado, destaca a normalidade do condutor de limusinas e aspirante a actor Jerome (Robert Pattinson), indubidábel alter ego do guionista Bruce Wagner, quen na súa mocidade foi chofer en Bervely Hills.

24 Map to the Stars 3

O manuscrito de Wagner, ácido e correúdo, é a alma de Maps to the Stars. Del manan propostas coa intención de romper tabús propios do cinema máis comercial, aquel ao que aspiran e do que viven os personaxes do filme. Tabús sexuais (as conversacións dos adolescentes sobre o sexo sen protección), escatolóxicos (a escena de Julianne Moore no lavabo) e morais (a inclusión do incesto ou a secuencia na que Moore salta e celebra a morte do fillo doutra actriz). Talvez, iso si, Maps to the Stars fica un pouco curta á hora de satisfacer a expectativa que vai preparando: deixa o resaibo final de pensar que, malia as súas farrucadas, había máis para contar, especialmente tendo en conta que Wagner non é precisamente un novato á hora de profundar nas feridas e vergoñas do show business; e sen esquecer que nos últimos anos Cronenberg se graduou en obras afoutas con gran atención á psicoloxía dos seus protagonistas, como Spider (2002) ou A Dangerous Method (2011).

Ademais da disección cirúrxica desas neuroses hollywoodienses, Wagner e Cronenberg deixan un espazo importante para as pantasmas dos personaxes, para inmiscirse nas súas mentes e facernos partícipes, cal psicanalistas, de medos e fobias que non puideron superar e que semellan querer marcalos para toda a vida. Porén, non hai cámaras nerviosas, nin decisións efectistas, nin tan sequera caracterizacións deses espectros que son tratados como elementos cativadores dos extasiados cerebros desas estrelas cinematográficas. As súas aparicións en pantalla dilúense coma unha alucinación dos personaxes principais, mais sen artificios, coma unha prolongación máis deses seres dos que non se despegan. Esa obsesión polo pasado está presente non só por esas pantasmas, senón por todo o empaquetado melodramático da maioría de personaxes. Todos sofren por segredos que agachan e mazaduras que tapan.

Maps to the Stars é, con todo, unha estraña mestura de sátira, melodrama familiar e historia de pantasmas con estrutura de traxedia grega. Comedia negra e escuridade a partes iguais. Se cadra os acontecementos se aceleran de xeito algo descontrolado ao final da metraxe, mais para entón xa ficou claro que Wagner e Cronenberg subscriben a lapidaria frase de John Cusack durante a promoción do filme: “Hollywood é unha casa de putas onde a xente se está a volver tola”.

Comments are closed.