Soul, unha BSO con moita alma

Soul, de Pete Docter

Como explica Rolando Ceballos no seu proxecto Animapasión, “desde antes do cinema xa existían métodos para tratar de imitar o movemento nas imaxes estáticas. Desde os inicios da sociedade as persoas buscaron formas de presentar historias de xeitos visuais e diversos nun mesmo obxecto, desde pinturas en vasos gregos até a chegada dos tan famosos taumatropos, fenaquistoscopios e posteriormente os zoótropos”.

A comezos do século XX, principalmente en Estados Unidos e Francia, dátanse as primeiras animacións modernas con deseños máis simples. Desde entón, o sector da animación foi en constante crecemento e desenvolvemento. Exemplo diso é a aparición da primeira longametraxe animada a cor e con son no ano 1937: Blancanieves y los 7 enanitos.

O pasado Nadal chegou ás nosas pantallas, a través do servizo de streaming de Disney+, a nova aposta do estudo de animación Pixar: Soul. Trátase dunha película pensada para toda a familia, aínda que por momentos vólvese máis intensa, complexa e filosófica. Con esta fórmula, que consiste en mesturar personaxes entrañables con historias que presentan varios niveis de complexidade, Pixar logra conquistar tanto aos pais como aos fillos.

Sobre o uso do jazz na película, que se converte nun personaxe máis, o director de Soul, Pete Docter, comenta: “Se volves ver as primeiras películas animadas con son, dáste conta de que existe unha conexión real coa música jazz. É rítmico, é interesante escoitalo e é real. Sempre me produce unha grande alegría  ver algo que está sincronizado. Creo que iso foi o que atraeu a algúns dos primeiros artistas de animación ao jazz. Déronse conta do ben que se sincronizaría co que estaban a tentar facer no eido do visual”.

O universo sonoro de Soul transcorre entre dous mundos sonoros ben diferenciados. Por unha banda, atopámonos coa parte deseñada por Jon Batiste, músico de prestixio mundial, responsable das composicións e arranxos de jazz. Batiste é o encargado de sonorizar a parte máis terreal da película, a que transcorre na cidade de Nova York, utilizando o jazz como elemento rítmico e de ambientación para unha cidade cuxa vida diúrna é frenética e cuxa nocturnidade está poboada por luces de neon e clubs. Unha das características principais do jazz é a improvisación, sentir e vivir o momento; as cancións non adoitan interpretarse da mesma forma dúas veces. A animación dos músicos tocando é espléndida e encaixa á perfección, porque a postura dos intérpretes e os movementos dos seus dedos coinciden coas notas musicais que están a soar nese momento.

Doutra banda, parte da película ten lugar no “Gran Antes”, un universo etéreo onde habitan as almas, un lugar tranquilo e sosegado. Para esta parte, contouse coa participación dos músicos Trent Reznor e Atticus Ross, membros da banda Nine Inch Nails, que xa obtiveron o seu primeiro Óscar á mellor BSO polo seu traballo en The Social Network; ámbolos compositores están máis asociados a thrillers e dramas escuros que a películas de corte familiar. Para este mundo vaporoso utilizouse un estilo musical máis próximo ao “New Age”, por estar máis enfocado á relaxación, empregado habitualmente en meditacións de liberación espiritual. Reznor e Ross traballaron nun estudo cheo de instrumentos reais, imaxinarios e sintéticos, para crear sons que non semellan do noso mundo, pero que non deixan de ser acolledores, orgánicos e naturais, facendo uso de sintetizadores a xeito de instrumentos tradicionais. “Gravámolos en multipistas coma se estivésemos a tocar unha orquestra, conseguindo compor varias melodías de acompañamento para os momentos máis oníricos, os non terreais”.

Soul, de Pete Docter

A parte máis interesante da partitura atopámola nos momentos de fusión entre ámbolos estilos, os cales basean o seu contido máis nas texturas ambientais de cada tipo de música que en leitmotivs retentivos asociados aos personaxes (que tamén existen na película). O leitmotiv máis evidente e recoñecible é o dedicado a Terry, o obsesivo contador de almas. Este consiste nun ton inquietante cunha base rítmica que emula o tic-tac dun reloxo na súa conta atrás. Ademais deste recurso sonoro, no filme atopamos sinxelos motivos e arpexos, así como traballadas texturas que definen os mundos percorridos por Joe e 22, sendo o universo sonoro dedicado ao camiño cara ao máis aló o máis brillante dentro da partitura.

A banda sonora da película ten dúas peculiaridades, que son os alicerces principais sobre os que se asenta a película. Unha das calidades dos compositores foi definir cada mundo a través de sonoridades que lle achegan entidade: Se o “máis aló” é etéreo, o “máis atrás” ou “seminario do ti” queda definido por arpexos e ritmos máis lúdicos e alegres.

A outra peculiaridade é a forma na que se constrúe aos personaxes. Cada un ten o seu estilo propio, pero, dependendo do seu estado de ánimo ou do que teñan na cabeza, os sons que os acompañan son moi diferentes. Por exemplo, cando Joe camiña feliz por Nova York, escóitase un piano con notas agudas e rápidos compases, mentres que cando está deprimido, ese mesmo piano segue un ritmo máis lento e grave.

A diferenza do que pasaba antigamente coas películas animadas, as películas de hoxe en día adoitan recorrer ao uso de actores famosos para poñer voces aos personaxes animados. Esta tendencia comezou a partir de Aladdin (John Musker, Ron Clements, 1992) e o incrible traballo de Robin Williams. Soul ten milleiros de acertos, e un deles é a selección dos actores que están detrás das voces dos personaxes, destacando a dupla formada por Jamie Foxx (Joe Gardner) e Tina Fey (22), así como o baterista da banda “The Roots”, Questlove, ou Angela Basset, que fan un gran traballo achegando aos seus personaxes carisma e matices.

Cabe destacar a valentía de Pixar no relativo ao apartado musical, xa que lonxe de seguir a senda comercial marcada polos grandes estudos de Hollywood, a produtora sempre se mostrou tallante na súa decisión de apostar por compositores cunha forte personalidade tanto musical como cinematográfica. Soul foi considerada como unha obra para adultos dentro do catálogo de Disney+; Pixar nunca ocultou que as súas películas contan con escenas e secuencias pouco apropiadas para o público infantil, pero aí reside o éxito dos títulos do estudo, que a pesar de estar pensados para un público máis novo, están deseñados para ser entendidos desde varias dimensións distintas, para conseguir elevar a animación a outro nivel, con todo tipo de linguaxes e propostas.

Soul, de Pete Docter

Bibliografía

Ceballos, R. (2017). La historia de la Animación. Dispoñible: https://animapasion.wordpress.com/2017/01/04/la-historia-de-la-animacion/. Última visita: 12 xaneiro 2023.

Jacobsen, K.; Beachum, C.. (2021). Trent Reznor and Atticus Ross on the different process for composing scores for ‘Soul’ and ‘Mank’. Dispoñible:https://www.goldderby.com/feature/trent-reznor-atticus-ross-soul-mank-composers-video-interview-transcript-1204049774/. Última visita: 12 xaneiro 2023.

Hayes, B. (2020). Soul – Interview with Pixar Director Pete Docter. Dispoñible:http://www.movies.ie/soul-interview-with-pixar-director-pete-doctor/. Última visita: 12 xaneiro 2023.

St Lawrence, C. (2021). Pete Docter Reflects on the Success of ‘Soul’. Dispoñible:https://discussingfilm.net/2021/04/22/pete-docter-reflects-on-the-success-of-soul-exclusive-interview/amp/. Última visita: 12 xaneiro 2023.

Comments are closed.