THE FORGOTTEN SPACE, de Allan Sekula & Nöel Burch

Nunca é tarde para un bo filme: o miniciclo ‘O Estado do Mundo’, que o CGAI organizou ao longo desta semana, ofrécenos unha boa oportunidade para revisar este documental que no seu día non tivo a difusión que merece.

Partindo da poderosa metáfora dun buque portacontenedores que cruza o mar con destino ignoto, a parella creativa formada polo fotógrafo Allan Sekula e o teórico e cineasta Nöel Burch compón un retrato eficaz do funcionamento e decadencia do capitalismo. Alén da súa inventiva formal e marcado carácter político, The Forgotten Space (Noël Burch e Allan Sekula, 2010) constitúe ante todo unha análise clarividente e didáctica de como o neoliberalismo fagocita lugares e persoas na procura de beneficio económico, sen que iso servira até agora para frear a súa crise.

O barco enferruxado do capitalismo

O transporte marítimo de mercadorías, que supón o 90% do comercio mundial, é a escusa que Sekula e Burch empregan para amosar con ollo crítico o punto morto ao que chegou o sistema tras décadas de excesos produtivos e consumistas. A reflexión que impregna este documental non só se centra nos dados macroeconómicos ou nas inxentes infraestruturas que fan posíbel o comercio marítimo, senón nos pequenos testemuños daqueles que foron engulidos e esquecidos pola maquinaria neoliberal, xa sexan os habitantes dunha pequena vila pesqueira de Flandes a piques de desaparecer, as criadas hongkonesas que viven en réxime de semiescravitude, os solitarios mariñeiros malaios dun cargueiro coreano, os traballadores dunha fábrica chinesa ou os ‘sen teito’ da cidade californiana de Ontario, que viven illados do mundo coma se fosen animais dunha reserva. Todos eles son pezas dun mesmo quebracabezas no que o progreso e o avance económico non é sinónimo, nin moito menos, de benestar. “Economía para quen?“, pregúntase un dos expertos entrevistados por Sekula e Burch. E é que a visión coral contribúe a dar máis forza á narración do filme, que rara vez chega a caer na autocompracencia. O segmento adicado á reconversión do porto de Bilbao, por exemplo, admite mesmo unha lectura positiva: a cultura, representada polo Guggenheim, perfílase como unha alternativa aos refugallos da industria.

Xunto á capital biscaíña, Rotterdam, Los Angeles e Hong Kong compoñen un mapa portuario e documental polo que nos transporta a voz do propio Sekula, que en ningún intre tenta manter unha actitude aséptica. Ao contrario, o fotógrafo transforma o relato nalgo persoal para incidir en que el mesmo tamén forma parte dos damnificados do sistema. De tódolos xeitos, o filme presenta algunhas cuestións reprochábeis, como o feito de que sinale co dedo os males do sistema capitalista apuntando a unha revolución dos obreiros chineses como utópico revulsivo, sen recoñecer en paralelo que as ínfimas condicións laborais no país asiático orixináronse precisamente nun réxime comunista.

Dan daquela Sekula e Burch algunha solución ao problema que analizan no seu filme? Probablemente non, ou polo menos non din nada que non se dixera xa dende postulados marxistas de hai século e medio, mais o que si ten mérito é a súa visión sen artificios e case premonitoria (a fita rodouse en 2009) dunha crise que, catro anos despois, segue vixente e sen solución a curto prazo. Por este motivo, The Forgotten Space sitúase no ronsel dunha serie de obras que abordan a situación socioeconómica actual desde distintos ángulos co denominador común de denunciar os estragos que causan a lóxica neoliberal e a globalización sen escrúpulos (o propio Sekula condensou esta idea nun libro previo titulado Fish Story). Agora, logo deste filme, xa nunca veremos igual un simple contenedor, esa caste de caixa de Pandora que viaxa tranquilamente dun país a outro por mar levando consigo todos os males do mundo.

Comments are closed.