THREE BILLBOARDS OUTSIDE EBBING, MISSOURI, de Martin McDonagh

TRES ANUNCIOS 1

Como se xestiona a ira?
Con tan só tres películas na súa filmografía, o guionista, cineasta e dramaturgo Martin McDonagh leva recollidos -dende que presentara a súa oscarizada curtamretaxe Six Shooter en 2004- case cincuenta premios internacionais. A cifra crece de forma exponencial se nos centramos na listaxe de galardóns acumulados polo seu último filme, Tres anuncios en las afueras (Three Billboards Outside Ebbing, Missouri), o cal leva acumulados 116 recoñecementos segundo as cifras recollidas por Internet Movie Database (IMDB). Entre eles destaca sen dúbida o premio ao mellor guión no Festival de Venecia, nos Globos de Ouro e nos BAFTA, pero tamén as mencións ás interpretacións de Frances McDormand e Sam Rockwell.

Western moderno, relato mordaz da América profunda, Tres anuncios en las afueras segue a loita desesperada e case estéril dunha muller que urxe ás autoridades a resolver a violación e o posterior asasinato da súa filla. Para iso decide alugar tres valos publicitarios dunha estrada secundaria, nos que interpela e responsabiliza ao xefe da policial local pola falta de avances no caso. Aínda que este punto de partida podería percibirse como o inicio dunha revisión da figura da nai coraxe, tan do gusto da Academia de Artes e Ciencias Cinematográficas estadounidense, Martin McDonagh opta por unha nova aproximación na que se esboza un personaxe protagonista feminino que non só presenta unha conduta reprobable senón que é desprezada pola maior parte da comunidade que a rodea, incluída a súa propia familia.

O xerme desta idea xurdiu fai dúas décadas, cando o creador inglés atravesaba o sur de Norteamérica: «Vin algo moi similar ao que vemos nos valados fai uns 20 anos, cando viaxaba en autobús por América, e pasou fugazmente -foi case coma se non o vira-. Pensei “Quen puxo iso aí? Que tipo de ira ou dor ou historia deu lugar a isto?”. Esa imaxe permaneceu na miña mente e seguín rumiando nela» (1). A partir destes carteis, que o cineasta alega replicar de forma case literal, a longametraxe de McDonagh afánase en responder unha única pregunta: como se xestiona a rabia? Dende múltiples puntos de vista, que transcorren en paralelo co da nai da moza asasinada -interpretada maxistralmente pola sempre soberbia Frances McDormand-, a película presenta varios arquetipos da América rural que dan orixe a unha reflexión sobre as implicacións e as consecuencias do odio, sobre a profunda división do país no tocante a temas raciais e sobre o discurso da violencia -tan arraigado e alimentado no imaxinario dos Estados Unidos-. Martin McDonagh ofrece un prisma con múltiples facetas no que se van reflectindo as distintas formas de loito dos personaxes, pero sempre tendo presente que estas son presentadas e confrontadas á da protagonista. Mildred é o epicentro da historia, porque a súa ousadía ao sinalar como culpable a un moribundo fará que a maioría dos habitantes do pequeno poboado de Ebbing se poñan na súa contra, pero tamén polo feito de que o seu personaxe é un ser humano reprobable, cun carácter difícil de soportar, unha lingua envelenada e unha falta de empatía maiúscula.

TRES ANUNCIOS 4

Aquí é precisamente onde subxace o maior acerto da película, en desbotar a imaxe dunha nai impecable e aflixida para mostrar a unha muller imperfecta, case rota, que utiliza os anuncios publicitarios para lidar coa súa propia culpa, coa súa parcela de responsabilidade na atroz morte dunha filla coa que rompera os vínculos afectivos. O resto dos habitantes de Ebbing reciben idéntico tratamento, coas súas luces e as súas sombras, coa salvidade quizais do empregado da axencia publicitaria, un mozo de xesto amable, e da nai alcohólica e fagocitaria do descerebrado oficial Dixon. Nun relato poboado de psiques complexas e fascinantes, onde todo se transmite a través dos xestos e das accións -o momento no que o fillo de Mildred coloca o coitelo no pescozo do seu pai é maxistral, como recordo dun acto repetido moitas veces-, o arco narrativo máis controvertido é sen dúbida o de Dixon. Interpretado proverbialmente por Sam Rockwell, este policía representa todos os prexuízos da América profunda sureña: racista, machista, borracho, violento e descerebrado, Dixon representa o visceral, a acción e a reacción sen que medie ningún tipo de xuízo. Supón ademais unha crúa reflexión sobre as forzas policiais do país, porque por máis que o personaxe de Woody Harrelson se presente como un home xusto, o filme explora unha faceta da xustiza e do poder que adquire trazos tráxicos cando as autoridades non condenan actos violentos que transcorren dentro da propia comisaría ou ás súas portas.

Martin McDonagh agasállanos con Dixon un dos momentos máis vibrantes da cinta, cando este entra nun edificio coa arma na man para agredir brutalmente a Rede Welby, que alugara orixinalmente os valados a Mildred. Cun plano secuencia estudado ao milímetro, a escena convértese nunha metáfora hiperbólica da vida en Ebbing: un lugar no que un oficial violento pode saír impune das súas agresións a plena luz do día. O cineasta procura de forma palpable, nun delicado equilibro que se mantén durante toda a película, mostrar tamén o lado máis humano dos personaxes máis escuros. Dixon é un xoguete roto, unha vítima dunha nai disfuncional e manipuladora, que mina a súa autoestima e co que xoga ao seu antollo. Pero, é esta razón suficiente para resarcir a este individuo de todas as súas atrocidades? O cineasta ofrece a Dixon unha redención difícil de asimilar. Pode un acto de bondade e valentía borrar décadas de abuso? Pode un home groseiro e brutal cambiar os seus códigos vitais tras un momento de revelación e ser perdoado pola comunidade?

Tres anuncios en las afueras deixa moitas preguntas no aire que invitan á reflexión, pero esta é a que provoca a maior frustración, por máis que a pericia como actor de Rockwell permita que o estado emocional do espectador acabe en sintonía co de Dixon. Non ocorre o mesmo coa figura da nai encarnada por Frances McDormand, posto que Mildred manterá a súa obstinada cruzada ata as últimas consecuencias. Do mesmo xeito que ocorre co resto de caracteres, o cineasta tamén se deterá nas facetas máis vulnerable desta nai agresiva, pero si con Dixon se apela á empatía, con Mildred mantense unha frialdade en harmonía cos seus propios actos. A actriz e o cineasta acordaron que deixarían de lado calquera sentimentalismo e McDormand tomouse o seu papel como unha cruzada, ata o punto de negarse a acudir aos ensaios porque non quería confraternizar co inimigo: os policías eran os seus antagonistas e ela estaba en pé de guerra (2). Para iso, a oscarizada actriz construíu a Mildred inspirándose en John Wayne, un achegamento que o compositor Carter Bruwell subliñou ao dotar á súa partitura das características dun spaghetti western.

En contra de todo prognóstico, malia a crueza do narrado, a pesar do loito descarnado entre Mildred e os seus concidadáns nunha contorna que parece deixada da man de Deus, McDonagh atopou lugar para a esperanza, posto que en lugar de centrarse no odio e na ira, quixo poñer o acento nos pequenos actos que permiten dar lugar ao cambio. Tres anuncios en las afueras pode ser imperfecta na forma de redimir a determinados personaxes pero é profundamente certeira e maxistral no desenvolvemento de toda unha serie de reflexións morais que acompañan ao espectador moito despois de abandonar a sala de cine; quizais porque o cambio non radica nesas almas rotas e en pena senón en nós mesmos ao converternos en portadores da súa mensaxe.

TRES ANUNCIOS 2

(1) Stolworthy, Jacob.”Three Billboards director Martin McDonagh: ‘If Frances McDormand had said no, we’d have been f**ked'” en Independent, 12 de xaneiro de 2018. https://www.independent.co.uk/arts-entertainment/films/features/three-billboards-film-martin-mcdonagh-interview-frances-mcdormand-in-bruges-seven-psychopaths-a8153356.html

(2) Utichi, Joe. “Golden Globe Winner Martin McDonagh On ‘Three Billboards’, Strong Women, And Why Formulas Are “F–king Boring””, en Deadline Hollywood. 8 de xaneiro de 2018. https://deadline.com/2018/01/three-billboards-outside-ebbing-missouri-martin-mcdonagh-interview-news-1202234358/

Comments are closed.