Un pequeño mundo, de Laura  Wandel

Un pequeño mundo, de Laura Wandel

Un pequeño mundo, de Laura Wandel © Avalon

Resulta complicado dicir algo sobre unha película que fala tan ben por si soa. Que berra tanto de forma tan silenciosa, enquistándose a lume nas veas e facéndonos arder por dentro. Vólvese case innecesario dicir nada sobre ela por medo a estragala ou ferir a súa naturalidade. Non é unha película que poidamos pensar. Non nos dá tempo. É un torrente de incerteza e medos. Todo é mentira comparado cunha soa secuencia da inmensa e desproporcionada batalla que ten que vivir Nora no seu primeiro ano de colexio. Un pequeño mundo é un inmersivo volcán de imaxes que se suceden sen descansos ou tempos mortos. Rodada con poucos cortes e uns nenos caídos do ceo, o filme é profundo dende esa aparente sinxeleza tan ben herdada de cineastas como Ken Loach ou os irmáns Dardenne, pero aquí nótase que hai algo novo que achegar e unha mirada que descende e pon o foco sobre a inocencia para facela estalar. A cinta non busca, senón que atopa a bágoa pola vía máis difícil e menos manipuladora de todas: a da honestidade.

Dito isto, as óperas primas case sempre teñen algo especial. Ás veces tómanse decisións precipitadas e non adoitan ser as máis correctas, pero si son as que máis corazón posúen. Ao igual que o patio de colexio que retrata cun ollo tan veraz como asfixiante Laura Wandel, os primeiros filmes son moitas veces un incendio de ganas e intensidade. Un puro “arrebato”, no bo sentido, que adoita intentar abarcar demasiado en moi pouco tempo; pero aquí non. En Un pequeño mundo todo está tan contido e tan sabiamente elaborado que non só é un traballo minucioso de investigación ao que se lle dedicou anos de vida, paciencia e sensibilidade, senón que salta calquera barreira que poida existir entre o real e o representado para erixirse como un faro coa súa propia luz, que denuncia sen subliñar a crueldade que leva ao terror, e o terror que leva á crueldade, porque a violencia é circular e unha vez que se sementou é complexo detela. Vólvese endémica e incontrolable, ata tal punto que tristemente pode chegar a normalizarse, e quizais por falta de medios e educación acábase aprendendo que a única falsa saída é practicala.

Un pequeño mundo, de Laura Wandel

Un pequeño mundo, de Laura Wandel © Avalon

Isto último é durísimo, e a iso entrégase esta película cuxa narración pivota sobre unha única cuestión principal: a loita imposible e suicida de Nora entre querer integrarse e defender ao seu irmán dos abusos que sofre por parte dos seus compañeiros, que doe tanto que ata traspasa a pantalla e cristalízase cunha contundencia que nos arrasa como unha xistra e déixanos tremendo sen importar o abrigo que levemos posto. A cámara raramente se despega do rostro da protagonista, consciente de que dende aí pode contalo absolutamente todo. Ou do seu corpo, coma se este fora unha illa e o resto un mar envilecido e hostil, cheo de quenllas do que só nos chegan sons, desenfoques e miradas tristes e torcidas. O segredo do cinema ben feito non existe porque é maxia, e aquí hai abondo. Non hai fórmulas, pautas, esquemas… só intención e verdade.

En Un pequeño mundo conviven enraizados múltiples tipos de violencia que funcionan como capas superpostas do relato e dinamitan a idea da infancia como ese territorio que desborda tenrura e inocencia. Para isto, Laura  Wandel non necesita saír do colexio en toda a película. Non precisa ir máis aló dos límites deste pequeno mundo repleto de detalles, matices e implosións que o é todo na xuventude, porque non podemos esquecer que o noso primeiro contacto co que se supón que é a sociedade prodúcese nos colexios e nas garderías. Lugares moi vulnerables e conflitivos onde se forxa boa parte do que seremos máis adiante como adultos. Nora vese na obriga de facer equilibrios, moito máis profundos e íntimos que os que ten que realizar na piscina ou nesas clases de ximnasia, para manterse a flote nun lugar pantanoso no que a terra ás veces tamén parece queimar. Como ese xogo coas súas “amigas”, no que se decide se unha delas vai convidala ou non ao seu aniversario. Esta suposta arbitrariedade ten consecuencias devastadoras, é arrogante e cruel, porque a crueldade disfrazada de inocencia segue sendo crueldade. Podo mercar a idea da ambivalencia do mal e o ben como conceptos tamén difusos ou mesmo etéreos, pero facer premeditadamente dano a outra persoa sempre é mal. Dá o mesmo o nivel de consciencia que teñamos sobre iso.

Un pequeño mundo, de Laura Wandel

Un pequeño mundo, de Laura Wandel © Avalon

Un dos puntos máis destacables da película é como a cineasta fai uso de forma marabillosa do fóra de campo, situándoo como un recurso cheo de enerxía e tensión: o que non se ve conta e ten ás veces moita máis forza que aquilo que vemos, e non pode ser máis axeitado para falar de algo tan delicado e sobre o que aínda temos que prestar moita atención como é o acoso. Traballar co implícito xoga aquí un papel crucial e é unha das decisións de realización máis adecuadas para un contexto desta intensidade que vin en moito tempo.

Tampouco hai música, e seguramente non a precise, porque a música son todos eses sons cotiáns que xuntos crean sinfonías e vida, e son parte da atmosfera real que se produce no medio da crispación e a violencia social á que están sometidas todas as personaxes da película, incluso o propio pai de Nora, cando ela lle pregunta (influenciada polas súas novas amigas) por que non ten traballo como os outros pais, e por que sempre é el quen os vai levar e recoller á entrada do colexio. 

Para rematar, ese abrazo final entre Nora e o seu irmán é un agasallo impagable. Un acto de entrega total e de amor incondicional para romper a órbita elíptica que é a violencia, e un dos mellores peches e mensaxes que pode darnos Laura Wandel, por moi manido ou ridículo que poida parecer: o amor pode ser o único antídoto que nos rescata da escuridade, devolvéndonos a un camiño que nunca deberíamos abandonar, pero no que, empuxados moitas veces por determinados contextos sociais, podemos perdernos en millóns de interseccións.

Un pequeño mundo, de Laura Wandel

Un pequeño mundo, de Laura Wandel

Comments are closed.