TERRA FRANCA, de Leonor Teles

Terra-Franca-Leonor-Teles-e1519900562187

A primeira longametraxe de Leonor Teles (1992) retrata con delicadeza o día a día de Albertino Lobo, un pescador que faena no municipio de Vila Franca de Xira, lugar natal da directora a beiras do Texo. Ao abrir cunha intensa xornada de traballo á vella usanza, envolvendo a súa figura solitaria na paisaxe fluvial mediante unha fermosa fotografía nocturna, todo fai presaxiar un achegamento clásico a esa figura masculina tradicional, alicerce dun fogar humilde cuxa subsistencia económica complícase ao entrar en crise o emprego manual. Mentres comeza a diseccionar a súa rutina, a directora portuguesa demostra un gran talento para contemplar o cotián sen alterar a súa dimensión de batalla silenciosa, ligada á terra e a auga que filma en 4:3.

Con todo, Teles revela axiña a súa intención de ir máis aló de desentrañar o ánimo dese magnético protagonista, unha figura parca en palabras e xestos pero de inequívoca humanidade na súa mirada. Nunha decisión elocuente, o agarimo co que reflicte os seus labores na pesca faise extensible ao traballo doméstico que realiza Dália, esposa de Albertino e empregada dunha cafetería local, cuxa historia persoal subxace con forza en Terra Franca. Entre as escenas que contempla con detalle a cámara estática cobran forza aquelas nas que aparece pasando a aspiradora ou cociñando xunto á súa filla, tarefas que os homes da casa reciben pasivos. Non estamos no territorio de Jeanne Dielman, 23 Quai du Commerce, Bruxelles (Chantal Akerman, 1975): lonxe de recrearse nos ritmos asfixiantes do traballo, Teles asocia o relato interno do fogar a un ambiente familiar máis ben apracible, pero a atención prestada a estes exercicios denota un interese polo papel activo e subterráneo da muller dentro desta comunidade, igualmente clave para analizar o cadro.

Estruturada sobre o transcurso das estacións durante un ano, Terra Franca defínese por reflectir con serenidade os ciclos vitais. O seu retrato da pesca como medio de vida dun modesto home de familia, próximo á idade de xubilarse e ancorado na tradición patriarcal, vai unido á descrición dos preparativos da voda de Lúcia, unha das súas dúas fillas. Así, a realidade cotiá do matrimonio adulto, un de tantos nos que cada aceno comunica décadas de amor e rutina invariable, solápase co inicio dun novo enlace. Si Dália e Albertino aluden de forma repetida aos tempos pasados para explicar as súas dúbidas do presente, a cerimonia nupcial, secuencia cume na que o obxectivo se detén nos seus rostros, deixa no aire unha nova e importante cuestión. Estará destinada Lúcia a repetir a historia da súa nai, unha muller circunscrita ao espazo da casa, ou caberá para ela outra realidade dentro do mesmo entorno en transformación? Nas antípodas de pretender unha resposta tallante, a directora acompaña os créditos finais con vellos instantes de felicidade familiar e culmina así a súa entrañable homenaxe a todas esas figuras silenciadas, testemuñas do tempo que pasa ao seu arredor.

Comments are closed.