The Assistant, de Kitty Green

The Assistant, de Kitty Green

Dun xeito frío, case xeado, sobrio e austero, The Assistant presenta de xeito impecable e ata marabilloso unha historia tan real, angustiosa e de actualidade que é imposible non sentirse identificada con cada minuto de metraxe. Introducións no mundo laboral, inxenuidade, machismo, abusos, a cara oculta de Hollywood, o movemento MeToo… Nada se menciona, pero todo está absolutamente presente.

Jane (Julia Garner) é unha moza recentemente graduada que aspira a convertese en produtora de cine. Consegue un traballo aparentemente ideal como asistente dun poderoso executivo da industria do entretemento. O seu día a día baséase nas tarefas cotiás dunha asistente novata: aburridas, carentes de poder, pero esenciais. Prepara cafés, organiza axendas, xestiona viaxes, fotocopia e distribúe guións e horarios, frega pratos, encarga almorzos… Todo isto, acompañado de continuas degradacións en cada aspecto da súa xornada laboral, tanto por parte do seu xefe como dos seus compañeiros. Jane decide tomar medidas, quizais só para descubrir a verdadeira profundidade do sistema ao que acaba de acceder.

Cunha intelixencia de guión, dirección e interpretación maxestosas, The Assistant saca a relucir, sen berros, pancartas, nin escándalos, evidencias enormes e cruentas da industria do audiovisual: o machismo, o maltrato e o abuso. Cun xefe presente pero invisible que quere lembrarnos continuamente a Harvey Weinstein e o seu modus operandi; cuns empregados que fan a vista gorda, perpetuando, asumindo e defendendo este tipo de comportamentos; e cunha nova, talentosa e traballadora asistente que con cada xesto, ollada e suspiro, di todo sen dicir nada.

The Assistant, de Kitty Green

Kitty Green xa tiña unha gran filmografía ás súas costas: Ukraine Is Not A Brothel (2013), The Face os Ukraine: Casting Oksana Baiul (2015), Casting JonBenet (2017). A cineasta australiana vén do mundo do documental e deixa evidencia desta traxectoria na súa primeira ficción. Se The Assistant estivera filmada cunha steadicam, pensaríamos que asistimos a uns feitos documentados completamente reais. A mirada observadora e crítica de Green está presente en absolutamente cada plano da película, na que todo está medido ao detalle para dar a maior sensación de verosimilitude e emoción. Algo que logra con creces.

Julia Garner é grandeza, talento e maxia en estado puro. Equilibra a inexperiencia e inxenuidade da personaxe co seu gran talento, formación e eficiencia, conformando unha Jane tremendamente humana. A súa interpretación é magnífica de principio a fin, conseguindo que non poidamos apartar a mirada dela en cada instante da súa rutina diaria, moitas veces tremendamente mecánica e aburrida. Conquista de tal xeito que inunda a pantalla ao facer a Jane súa e darlle carne, osos e alma. Emociónanos sen querer, porque a fai real. Faina existir.

The Assistant é un triunfo cinematográfico en toda regra, porque partindo dunha aparente sinxeleza, absoluta e ata monótona, consegue irremediablemente converterse nun espello social e individual. Esta película angustia, emociona e conciencia sen que nos decatemos, sen que o esperemos, e iso fai que se converta nunha sorpresa, nun agasallo fílmico.

The Assistant, de Kitty Green

Comments are closed.