THE FUTURE, de Miranda July

A traxectoria de Miranda July atravesa neste momento un período delicado. A súa estrea de masas no desapiadado mundo do celuloide, lembremos, foi fulgurante: a súa primeira longametraxe, Me and You and Everyone We Know(2005), estreouse a escala mundial no festival de Cannes, onde obtivo a prezada Cámara de Ouro á mellor ópera prima e eloxios de case todos os sectores da crítica polo seu concienciudo traballo estético, a súa delicadeza, a súa atención ao detalle e o seu persoal humanismo.

Seis anos despois, July presenta por fin en febreiro de 2011 no festival de Berlín The Future, o seu segundo filme como guionista, directora e actriz protagonista, no mesmo estilo do seu anterior traballo, abordando unha vez máis o tema das relacións humanas en xeral e as da parella en particular. Mais desta volta, esa “visión orixinal” −que lle valeu tamén o premio especial do xurado en Sundance por Me and You and Everyone We Know− non calla. As expectativas non se cumpren e a prensa especializada retira o seu apoio á que fora unha das caras novas do cinema independente norteamericano e comezan a xurdir as clásicas críticas ás que se arrisca todo autor que coquetea co rompedor, o moderno, o ‘vintage’, o naif ou o ‘indie’. Que aconteceu?

Non é coherente eloxiar Me and You and Everyone We Know e botar por terra The Future. Ámbolos dous filmes participan dunha visión artística máis polifacética, froito de todas as demais disciplinas que Miranda July traballa. En ámbolos dous filmes existen recursos que poderiamos clasificar como debedores do realismo máxico: nunha das mellores escenas da súa ópera prima, July converte unha breve camiñada co protagonista nunha metáfora dunha posible vida xuntos; en The Future, a lúa fala coa súa parella (Hamish Linklater) despois de que este conseguira deter o tempo. En ámbolos dous filmes os nenos desempeñan un papel importante aínda que secundario, os personaxes adultos son irremediablemente extravagantes con sentimentos, probablemente diferentes versións da propia personalidade de Miranda July e os personaxes que ela mesma encarna aparecen obsesionados sistematicamente con realizar gravacións e xulgaranse incapaces.

Que The Future beba das mesmas fontes que a súa predecesora demostra tenacidade na proposta da súa autora, aínda correndo o risco de caer na repetición. Non en van, The Future fíxose cun presuposto estimado nun millón de dólares, a metade de Me and You and Everyone We Know, e houbo que recorrer á coprodución con Alemaña para sacala adiante. A evolución, en calquera caso, é apreciable. Por exemplo, The Future é menos coral e pon todos os elementos ao servizo da relación de parella e os seus sentimentos con respecto a un futuro marcado, nun principio, pola adopción dun gato coxo nun prazo de trinta días –como se de Le premier jour du reste de ta vie (2008) se tratase− e estendido, máis tarde, á voráxine que provoca cada metrónomo persoal. Cada vez que o xogo temporal se fai patente, o filme logra fondura no reencontro final, precisamente onde Eternal Sunshine of the Spotless Mind (2004) preferiu renunciar ao seu traballo de perforación psicolóxica en prol dun reprensible chisco ao gran público.

Miranda July non fai iso: o seu discurso non é moralista e aínda que abundan as situacións estrafalarias, os diálogos estrambóticos e, por ende, os puntos abertos para que todo aquel que non estea disposto a realizar o acto de boa fe que desde o principio se solicita, poida poñer o filme a caer dun burro; a directora nacida en Vermont consegue endereitar o pouco argumento que quedaba tras a demasiada forma do envoltorio cun último cuarto no que lanza a súa propia reflexión sobre a parella, a memoria, as segundas oportunidades e o futuro; noutras palabras, consegue aquilo no que fracasou o filme de Michel Gondry.

Con todo, o prezo que se paga é alto: para chegar ao bo final, Miranda July saca todo o seu repertorio de propostas ao borde do ridículo. Por citar algúns exemplos do comezo, a narración principal corre a conta do gato que teñen previsto recoller os protagonistas, Sophie e Jason, o fatídico día en que todo acabará debido ás responsabilidades que esta adopción orixinará nas súas vidas. A raíz desta reflexión ámbolos dous deciden saír do camiño establecido polas súas vidas. Como? Jason faise vendedor de árbores para promover a loita contra o cambio climático e Sophie inicia ás agochadas unha relación con outro home. Para contar todo isto, a directora non recorre á linguaxe clásica da comedia, senón que viste un discurso serio con purpurina que da graza e cor desde o principio a unha historia que perfila o seus contornos demasiado tarde, desdibuxándoa. As críticas ao amaneiramento e a vacuidade de July súmanse ás que inspira unha historia atípica e efectista.

Con The Future, Miranda July confirma, sen recoñecelo abertamente, a súa opinión como defensora do cinema máis ‘indie’, entendendo como tal a máxima expresión do individuo. Estou convencido de que poucas veces se pareceu máis un filme ao seu autor, o cal aporta máis inconvenientes ca vantaxes: as críticas ao filme son críticas máis directas á súa directora (e guionista e actriz principal) e, ao mesmo tempo, relégana a un limbo independente no que só collen aqueles que valoren positivamente as súas capacidades.

Comments are closed.