TRACES OF A DIARY, de Marco Martins e André Príncipe

 

 “Photo is diary. Diary is life”

Nobuyoshi Araki

Ao igual que todo guión acaba por concretarse en palabras, partindo seguramente dunhas imaxes; non debera a crítica transmitir esa pulsión primixenia do cineasta do modo máis puro posible? Traces of a Diary facilita unha comunicación visual do que achega este filme na tradición do diario filmado, ao tratarse dun retrato de varios fotógrafos nipóns, que virían a representar as tendencias principais desta arte nas últimas décadas.

Expedición dos lusos Marco Martins e André Príncipe a Tokio e os seus arredores, a película documenta os artistas co seu mesmo espírito, entre o fotoxornalismo e a expresión dun forte eu interior. En resumo, retratos moi diversos dun magnético país, feitos con personalidade. E nas cámaras destes fotógrafos entra o paisaxismo, o body-art, o voyeurismo, o erotismo, o auto-retrato, a etnografía… Con todo, a cinta non é só un catálogo de autores e correntes. É tamén a crónica dunha viaxe, duns encontros filmados nun esplendoroso branco e negro en 16 mm., con moito grao, que dialoga directamente coa estética de moitos dos entrevistados. É dicir, hai información, pero tamén un estilo que une todas as partes que compoñen o filme. Creación, non mímese.

Con este material tan bo de referencia, esta crítica pretende ser un convite a descubrir algunhas destas imaxes, que falan por elas mesmas. As seguintes liñas son só o pé de foto na crónica dun visionado en cinco partes:

  1. Daido Moriyama: a paisaxe urbana

Fotógrafo da cidade por excelencia, o occidental recoñecerá nel a William Klein e a Robert Frank pola relación dos corpos co espazo ou o uso do flou. Xapón retratado a través dos seus edificios, das súas rúas, incomprensibles sen os personaxes que as habitan. Takuma Nakahira, que tamén aparece no filme, desenvolvería un estilo semellante, máis tendente á abstracción.

  1. Kohei Yoshiyuku: voyeur furtivo

A espontaneidade dá forza ás fotografías deste espía da intimidade, que sorprende a parellas e grupos que están a realizar prácticas sexuais en parques públicos. Pódese dicir de Toshiyuku que é un ladrón de instantes decisivos, tomados furtivamente con flashes ou unha longa exposición.

  1. Hiromix: “Gustarme axúdame a enfrontarme a outros”

O auto-retrato, exercido dende a resistencia estética propia dos tribos urbanas, a experimentación sensorial e o travestismo, compoñen o particular universo de Hiromix, unha das poucas mulleres con éxito na fotografía xaponesa. O seu propio sobrenome ten un aire pop que a sitúa no seu tempo, o da posmodernidade, e que comunica moi ben esa pulsión propia da adolescencia, que intenta calmar a súa ‘angst’ construíndo unha forte personalidade coa que enfrontarse ao mundo exterior. Iso pasa pola confección dunha estética propia, que Hiromix entronca coa publicidade, a moda e a subcultura do manga e da música alternativa nipoa.

  1. Syoin Kajii: a unión espiritual coa terra

Obxectividade e subxectividade son o mesmo para min”, sentencia este monxe budista e fotógrafo en Traces of a Diary. O seu tema é a paisaxe, inmortalizada tal como é, dende logo, mais cunha beleza pictórica que logra transmitir fortes emocións. Realidade e mundo interior. Kajii expresa a súa visión espiritual do mundo a través da comuñón coa terra e o mar, elementos que remiten á arte do pintor Katsushika Hokusai, ben coñecido pola súa Gran Onda.

  1. Nobuyoshi Araki: o diario como modo de vida

Cunha personalidade magnética, rouba protagonismo aos outros fotógrafos. A súa arrasadora vitalidade xorde da vontade de expresar o que está arredor del a diario. Como o escritor toma notas do que experimenta, que despois ordena, Araki fotografa compulsivamente e por intuición, incluíndo mesmo os erros nos seus traballos como mostra de autenticidade. “Debes incluír todas as fotos, as boas e as malas, ou o teu traballo deixará de ser interesante”, explica o artista, moi ligado na súa traxectoria ao erotismo, e cunha fixación no corpo feminino.

Comments are closed.