WHERE TO INVADE NEXT, de Michael Moore

WTIN3

“O propósito destas viaxes é recoller as flores, non as herbas”, di Michael Moore nun intre da película. E é que Where To Invade Next (2015) é un exercicio de conciencia para os cidadáns estadounidenses, un test a un sistema que xa se ten probado como incompleto e cuxos erros son evidentes; para os que vivimos á outra beira do Atlántico, quizais é unha visión demasiado inxenua. Nesta última película, o director estadounidense acata as “ordes” dos Xefes do Estado Maior dos Estados Unidos e decide conquistar a vella Europa armado con tan só unha bandeira. Unha conquista diferente ao que acostuman os ianquis a facer e no que o único soldado despregado é o propio director e o seu equipo técnico.

A viaxe comeza en Italia e vaise estendendo por Francia, Finlandia, Portugal, etc. Durante a viaxe, Michael Moore entrevista a cidadáns sobre cuestións como as condicións laborais, os permisos de maternidade, as vacacións pagadas, a educación… calquera cousa que poidades pensar. O propósito non é outro que salientar as pésimas condicións que o sempre autoproclamado “mellor país do mundo” ten. Onde os italianos teñen máis de 30 días de vacacións pagados, os ianquis teñen cero. Onde os cativos franceses teñen unha dieta equilibrada e sana nos comedores dos colexios, os ianquis teñen dietas que poderían ser categorizadas como fast food. E así, a comparación vaise alargando ao longo do continente europeo tan só interrompido por breves comentarios de humor ácedo a cargo de Michael Moore.

Porén, onde queda o Moore de Bowling For Columbine (2002), un director capaz de analizar un sistema e sacar á luz todas as grallas. Non se atopa por ningures a ese director comprometido con amosar a verdade cando decide “escoller as flores e non as herbas” dun sistema que, como podemos comprobar pola parte que nos toca, non é tan infalible ou idílico como aquí se pinta. De cada comentario sobre as condicións laborais das empresas, un lembra a súa experiencia nun mundo cada día máis precario; por cada promesa de traballo na Alemaña de hoxe en día, un lembra os coñecidos minijobs; etc.

Quizais é por iso, por ter experimentado as grallas do sistema na miña propia vida, que xulgo e critico duramente Where to invade next. Non porque engane ao espectador no transcurso da mesma, a posición de Michael Moore é clara: ir recollendo aspectos da vida en outros países que logo “roubar” para empregar nos Estados Unidos. Xúlgoa duramente por esquecer, premeditadamente, toda unha historia de corrupción, perda de dereitos sociais e rescates financieiros que están amparados polo paraguas da “idílica” Europa que Moore pretende conquistar.

WTIN4

A superficialidade dalgúns temas e a similitude coa experiencia vivida fai que exista unha certa sensación de incredulidade ao longo da película. Atrévome a aventurar que esta sensación é compartida cos espectadores. E isto dificulta, en ocasións, crer todo o que sae na pantalla: crer que as grandes empresas buscan o beneficio mutuo entre o obreiro e o patrón, crer que as artes son cada vez máis importantes na educación…; cando, día tras día, vemos que o modelo de vida estresada e enfocada só cara o traballo (o American Way of Life) é o que se vai impoñendo nunha Europa que se dilúe e coa que cada vez menos cidadans se sinten identificados.

Mais, aínda que sexa case imposible ou utópico, cómpre tentalo. Cómpre apoiarnos nos aspectos positivos doutros sistemas e tratar de implantalos e adaptalos á nosa forma de vida. Porque, a pesar de que non comparto ese pensamento excesivamente positivo do Michael Moore do final do filme, si que creo que a utopía, aínda que inaplicable, serve para movernos. E, mentres un pobo segue a moverse, é posible o cambio.

Non hai artigos relacionados.

Comments are closed.