ENTRECAMPOS, de João Rosas

Mariana é unha rapariga de 11 anos que acaba de se mudar co pai para Lisboa, vinda dunha pequena cidade do Tello. Os primeiros días na cidade, ao final de agosto, pásanos afacéndose á casa e coñecendo o novo barrio, Entrecampos. No fin do primeiro día de clases, Mariana pérdese ao voltar para a casa da escola e ten que telefonar ao pai a pedirlle axuda. Ao día seguinte, traba amizade cun rapaz da súa clase, Nicolau, e o irmán máis vello del, Simão. Os dous irmáns convidan a Mariana a comer e axúdana a chegar a casa deseñándolle un mapa.

Velaí a proposta narrativa da curtametraxe que João Rosas (N. 1981) presentou na última edición do Curtas Vila do Conde, asinando tamén o argumento e a montaxe (con Telmo Churro). Formado en Ciencias de Comunicación, Rosas comezou a súa carreira escribindo libros de contos e colaborando con órganos de información, proseguindo os estudos en cinema (en Boloña, Londres e no programa Creatividade e Creación Artística da Fundación Calouste Gulbenkian) e realizando algunhas curtametraxes.

Paréceme importante comezar por coñecer detalladamente o argumento e o percorrido do realizador porque João Rosas é sobre todo un escritor e este filme lémbranos iso a cada instante. O filme é pavorosamente descritivo, insistindo (abusando) nos diálogos e en apontamentos off-topic (como acontece coa meniña das farturas, por exemplo) para axudar na caracterización psicolóxica das personaxes e na verosimitude das mesmas e da propia historia, nunha estratexia máis literaria do que cinematográfica. Estruturalmente, non sei se a propósito, João Rosas tenta contrariar o modelo dos tres actos, mais paréceme que o efecto non resulta moi ben neste caso: o momento máis dramático (cando Mariana se perde e ten que pedir axuda) da historia acontece moi cedo e o momento final prolóngase demasiado (paseo con Nicolau e Simão).

Malia o rexistro acentuadamente ficcional, João Rosas esclareceu que este filme segue un pouco a idea do seu filme anterior rodado en Londres. Birth of a City (2009), estreado no IndieLisboa 2010, é un documental ficcionado de 75 minutos construído en forma de diario. Ao vivir en Londres, o mozo realizador lisboeta aborda nese filme a súa relación con esa cidade ao mesmo tempo que documenta o traballo dunha moza pintora francesa (Claire Fahys) que tamén é unha estranxeira a vivir na capital inglesa.

En Entrecampos, coma no filme londiniense, João Rosas procura falar da súa relación subxectiva coas cidades onde viviu, abordando a arquitectura e o espazo urbano mais tamén as relacións humanas e de sociabilidades cotiás. A historia está inspirada nun episodio real que aconteceu a un amigo do realizador, mais nin por iso deixa de ser unha visión persoal e apaixonada dunha xeografía moi particular.

Durante a exhibición na sala principal do Teatro Municipal de Vila do Conde, non puiden deixar de me lembrar recorrentemente dun grande clásico do cinema moderno portugués que tamén foi rodado nese barrio lisboeta. Refírome a Os Verdes Anos (1963), obra de estrea fulgurante dun entón mozo descoñecido portuense chamado Paulo Rocha (N. 1935). Tal como a adolescente Mariana de Entrecampos, Júlio (Rui Gomes) é un mozo adulto que chega a Lisboa vindo dunha pequena localidade do interior e que sente diversas dificultades de adaptación e integración á vida urbana. Quen tenta axudar a Júlio son o seu tío Afonso (Paulo Renato) e a noiva Ilda (Isabel Ruth), que fan un esforzo para o axudar. Ao contrario de Mariana, o drama de Júlio foi moito máis tráxico.

Consulta este artigo na súa versión orixinal en portugués

Comments are closed.