ANA ESTÉVEZ: “A ANTROPOLOXÍA SOCIAL E CULTURAL É NECESARIA NA FORMACIÓN DE TODAS NÓS POLA SÚA UTILIDADE PARA ANALIZAR E DAR SOLUCIÓNS”

Ana Estévez [na palestra] durante a clausura da 13ª edición do MICE

Ana Estévez [na palestra] durante a clausura da 13ª edición do MICE. Fotografía: Denís Estévez

A 13ª edición da MICE (Mostra Internacional de Cine Etnográfico) do Museo do Pobo Galego trouxo case unha treintena de pezas, das cales doce conformarían a Sección Oficial, cun recorrido importante por festivais de prestixio como a Berlinale, Visions du Réel ou o ForumDoc Brasil. Neste contexto decidimos entrevistar á persoa que está detrás de todo isto cunha equipa de primera para levalo a cabo, a directora do festival Ana Estévez (Vigo, 1971), que nos abre as portas para conversar un pouco sobre esta cita anual e o todo aquilo que o rodea.

O festiva, que mantén o seu compromiso coas diferentes colaboracións que mantén con festivais e cineclubes, así como a sección Trazas comisariada polo Cineclube de Compostela, segue adiante coa visibilización da muller cun fito dentro da propia organización ao cubrir elas máis dun 50% de postos de traballo, así como sucede na propia participación das realizadoras. Sen dúbida, a interacción entre o campo profesional e o público estivo asegurado gracias á presencia de varias das realizadoras, e tamén con actividades variadas coma a mesa de debate moderada por Xisela Franco e un obradoiro para familias realizado por Alberto Vázquez.

Xa levades tres anos co formato de festival, supoño que foi unha decisión importante. Por qué xurde ese cambio?

A MICE comezou sendo unha mostra, e efectivamente cambiou a festival no ano 2016. Foi unha decisión tomada consensuadamente entre a dirección do museo e a dirección da MICE porque pensabamos que podía necesitarse un cambio en canto aos medios de distribución ou acceso ás películas respecto a cando se comezou, ademais de que este formato de festival proporcionaríanos máis apoio, e xerar a posibilidade de premiar en metálico a este tipo de cine, que é necesario valorar.

Agora, cun tempo asentándose no novo formato, qué novidades chegaron co paso de mostra a festival?

O feito de pasar a ser festival implicou varias cousas, entre elas que a selección xa non quedaría limitada á equipa do museo, e que comezaron a chegar candidatas por vontade propia. Cando tiña formato de mostra a selección facíase de forma interna, tomando películas recentes que encaixaran nos criterios de etnograficidade, e tamén que tiveran uns estilemas cinematográficos. Poñíamonos en contacto coas productoras e elexíamos. Co festival organizouse un comité de selección para recibir candidaturas que pasan por un proceso do que sairían as películas a exhibir e competir.

Outra foi unha maior afluencia do público por sair do recinto museístico. A propia filosofía do Museo do Pobo Galego tamén ten como obxectivo outras partes da cidade de Compostela, así como a outras de Galicia. Isto entra dentro das relacións que establece a MICE con outros festivais, cineclubes e demais.

Fotografía: Denís Estévez

Fotografía: Denís Estévez

Este tipo de festival, que ten unha clasificación moi específica, que problemáticas se vos presentaron?

O adxectivo de etnográfico como que impón e bota atrás á audiencia, polo que un dos retos estaba en atraer ao público que estivera fóra do propio campo da antropoloxía e da antropoloxía visual. O termo etnográfico en Galicia, e en todo o estado español, acostuma a relacionarse co rural e co pasado, mais non é só iso. O estudo das culturas, e na etnografía a descripción, pode ir dende unha tradición rural ou ancestral pero tamén pode relacionar os concertos de rock nunha zona coa sociedade que a habita, dando así unha etnografía contemporánea e urbana. Evidentemente a etnograficidade dunha película está marcada polo método, xa que a temática é máis xeral dentro do estudo dos grupos sociais.

De que forma vos dades a coñecer como festival para que a xente queira participar?

As redes do propio cinema como as específicas dos festivais, e da antropoloxía visual onde hai varios centros en Latinoamérica e Europa, a través dos cales difundimos as bases e o periodo de recepción de traballos. Ademais, abrimos a posibilidade de recibir os traballos mediante plataformas feitas para festivais que teñen a súa rede de comunicación.

A nivel peninsular hai algún modelo anterior a esta mostra?

Sí, o máis importante tanto a nivel nacional coma internacional é Espiello (Festival Internacional de Documental Etnográfico de Sobrarbe). Comezaron dous anos antes ca nós, e eu xa tiña a idea de traer o cinema ao Museo do Pobo Galego polo que fun alá para ver cómo funcionaba. A partir de aí axudáronnos e acompañáronnos, dalgunha maneira funcionaron como guía aínda que nós mantivemos o formato de mostra ata fai tres anos. Co tempo ves que cada evento ten as súas características,e neste caso tense que adaptar ás dinámicas dunha cidade como Compostela.

Agora que o nomeas, no festival tedes unha sección que se chama “Espiello”.

Si, cando comezamos creamos esa categoría na cal entraban algunhas das películas gañadoras do seu festival aproveitando que se leva a cabo uns meses antes, en abril. Nos últimos anos algunhas coinciden coa nosa Sección Oficial e a colaboración faise algo máis difícil, o que nos fai pensar en novas maneiras de colaborar. Tamén hai outras mostras como a de Catalunya. Aí teñen un país convidado cada ano, e no ano 2017 foi Galicia. Ten unha duración de varios meses, utilizan os locais que a consellería ten en cada comarca e van pasando por cada unha as proxeccións.

Como asistente unha das cuestión que me asaltaron foi a aceptación de certas peliculas dentro da etiqueta “etnográfica”, supoño que é unha constante á hora de seleccionar.

Sí, por exemplo Os fillos da vide (Ana Domínguez, 2017) por temática ninguén dubida do seu carácter etnográfico ao falar dunha tradición ancestral como o viño, pero o que nós nos cuestionamos foi a súa etnograficidade, en se existía unha intención de descripción, e se esta era transmitida.

Fotografía: Denís Estévez

Fotografía: Denís Estévez

Trinta Lumes (Diana Toucedo, 2017) pola súa banda podería funcionar como un estado da cuestión, polo que encaixaría bastante ben ao meu parecer.

Claro, e a película estaba nunha sección paralela. Nestas seccións non somos tan estrictos coa etnograficidade, intentamos buscar as relacións que hai entre a antropoloxía, a etnografía e o cinema. Ás veces tamen hai relacións que poden ser tanxenciais ou arraianas, e nesas seccións damos un pouco de liberdade. Como dixestes, Diana Toucedo está expoñendo ata con ferramentas da ficción no documental un estado da cuestión. E iso é descripción dunha comunidade, recollendo temas que son parte da tradición e do mundo simbólico galego. Ao mellor cuestionaría máis ben Nocturno: fantasmas de mar en puerto (Álvaro F. Pulpeiro, 2017), por ser máis abstracta, cunha dose máis conceptual. Tamén se pode cuestionar como pode entrar Tracey Moffat, isto é porque no seu momento está contrapoñendo un estado da cuestión das mulleres de culturas aboríxenes en Australia e a imaxe da etnografía colonial que describía os usos e costumes das mulleres aboríxenes. E ela recolle iso nunha riqueza que a antropoloxía visual ofrece potencialmente mais non está presenta na mente dos espectadores. Ao final isto leva ao debate, o cal enriquece ao festival.

Estes exemplos que nos alonxan duns prexuizos vertidos sobre a etnografía reformulan a concepción que temos sobre ela a maioría da poboación. Como se chega a este cambio na práctica?

Dende os anos setenta houbo unha ruptura cos paradigmas tradicionais nas ciencias sociais, e na antropoloxía social e cultural a cal cambiou moito chegando a influir noutras ramas como a Historia. Na investigación cambiou, mais esto non se trasladou ao público xeral, aínda que xa non ten o corte positivista de antes e iso a beneficia.

Hoxe en día debería de estar gañando máis peso ao existir uns cambios culturais moi fortes que coa globalización poden subsumir outras expresións de menor visibilidade.

En xeral todas as ciencias sociais o son. A antropoloxía social e cultural é necesaria na formación de todas nós pola súa utilidade para analizar e dar solucións, porén estamos vendo como a sociedade lle está a dar as costas outorgando maior valor e credibilidade a outras ciencias.

Por outra banda, en Galicia non houbo – nin hai – nas universidades un grao de antropoloxía, non se xeraron profesionais desde a comunidade, entón a disciplina na nosa terra está un pouco orfa. Si que hai profesionais que estaban ao tanto do que acontecía noutras partes do mundo, pero queda moito por facer. Aquí a Asociación Galega de Antropoloxía ten unha relevancia cada vez maior, que pola falta de campo académico non tivo moito peso, pero están vindo da UNED profesionais que se están a xuntar e cos que estamos a relacionarnos, coma Miguel Alonso que estivo presente na mesa redonda.

A pesares de ter rematado fai uns días, que plans de futuro tedes para a MICE?

O proxecto como tal está consolidado, mais temos que mellorar a liña que estamos traballando. Facer avaliación e buscar formas para enriquecer o festival. Seguir coa visibilización da relación entre cinema e antropoloxía, e tamén faremos fincapé na colaboración con outras organizacións, e intentar difundir o que é a etnografía e a antropoloxía visual. E contar con profesionais doutros lugares para enriquecer a experiencia e o diálogo.

Comments are closed.