ENTREVISTA A MARGARITA LEDO

«DEBEMOS APRENDER A ALTERIDADE, A OUTREDADE A TRAVÉS DAS IMAXES»

Margarita Ledo é unha desas persoas que sempre desafía aos seus interlocutores. Eses desafíos son sempre lances construtivos, pontes que nos levan alén dos nosos límites, fornecéndonos de coñecemento e suxeríndonos aquilo que non sabiamos como expresar. Escoitar a Margarita, daquela, ensina e axuda a pensar, e non só aos seus alumnos, que escoitan por primeira vez nas súas aulas moitos nomes de teóricos e artistas que ela pouco a pouco irá convertendo en cotiás, senón tamén aos seus colegas de profesión e mesmo aos seus rivais.

A traxectoria vital de Margarita Ledo dá unha idea da evolución do noso país: aquela moza da Terra Chá tivo que emigrar por dúas veces á mesma gran cidade, Barcelona, primeiro como estudante de xornalismo e despois xa como profesora da Universitat Autònoma, onde traballou entre 1983 e 1991. Entre unha estadía e outra na capital catalana pasou un par de anos exiliada en Portugal ao remate da ditadura franquista, e despois participou na transición política dende as páxinas d’A Nosa Terra, semanario que dirixiu entre 1977 e 1980. A súa volta definitiva a Galiza coincidiu coa apertura da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela (USC), onde traballa como profesora dende 1991.

O xornalismo e a fotografía primeiro, e a comunicación audiovisual e o cinema despois, guiaron a súa actividade docente e investigadora ao longo de catro décadas, como proba o seu elenco de publicacións, lascas dun traballo incansábel que segue medrando ano tras ano: O diario postelevisivo (1993), Documentalismo fotográfico: éxodos e identidad (1998), Del Cine-Ojo a Dogma 95: paseo por el amor y la muerte del cinematógrafo documental (2004), Comunicación local no espazo lusófono (2007) ou Do bucle e da fenda: para un ensaio crítico sobre a cultura galega (2009). A teoría, daquela, semella o seu principal campo de acción, mais unha das súas maiores virtudes é a súa habilidade para pasar á práctica, para levar adiante aquilo que só existía como proxecto, sexa un plano de estudos… ou mesmo un filme.

O seu documentário Santa Liberdade (2004) amosou que ela, a teórica, podía cruzar sen problemas a liña que a separaba dos ‘creadores’. Nos anos seguintes, dirixiu tamén outra longametraxe, Liste, pronunciado Líster (2007), e algunhas curtametraxes máis, como Manuel María: Fala e terra desta miña terra (2005) ou Cienfuegos 1913 (2008). Margarita Ledo xa fora ‘creadora’ moitos anos antes, escribindo e publicando varios volumes de poesía e narrativa, mais o seu paso á dirección cinematográfica confirmou que era posíbel, para ela e para calquera, practicar aquilo que se ensina. É máis, neste 2011 mesmo estivo traballando no que será o seu primeiro filme de ficción, A cicatriz branca, outro salto cara adiante para facer máis completo o seu modelo.

Nas liñas que seguen, Margarita Ledo explica, de volta á perspectiva docente, os obxectivos e problemas da ensinanza de cinema nas universidades, contrastando as propostas existentes no actual plano de estudos da USC con aqueloutras que poderían axudar a melloralo.

O cinema está espallado polos plans de estudos de diversas carreiras e facultades, mais, por que non existe unha facultade de cinema?

Para alén de cuestións da intra-historia universitaria e da súa estrutura pesada, dende a Comunicación arguméntase a necesidade de relacionar e non de fragmentar a aprendizaxe; de preparar para soportes diferentes; de sermos conscientes da necesidade de desenrolar a capacidade de ver o novo, sobre todo canto a consumos culturais.

Que factores debe ter en conta un estudante que dubide entre estudar cinema na universidade ou nunha escola profesional? Que ofrece unha opción fronte á outra?

No que se declara, a universidade ten que ver máis co coñecemento e a construción do pensamento crítico que con habilidades profesionais, aínda que a imbricación destes tres puntos é fundamental. Na práctica, a cultura ambiente e o espellismo da competitividade levou a extremar certo grao de formación técnica, con cativa relación coa teoría e coa pescuda.

A carreira universitaria que ofrece a formación máis completa en cinema é a de comunicación audiovisual, mais esta modalidade é moi heteroxénea debido á súa natureza híbrida. Aínda así, cre que esta carreira pode satisfacer as inquietudes e necesidades dos alumnos que queren estudar cinema?

Se se seguen racionalmente os itinerarios propostos -da linguaxe, o guión, a produción ate a dirección- coido que pode achegarse bastante. Quizais o problema estea na necesidade de acompañamento, o que agora chaman titorización persoal. Non temos aínda esa cultura, o procedemento precisa tempo e medios -e fálase decote de custe cero- e as e os estudantes queren rematar axiña a carreira.

Cal é o balance que se poder facer destes primeiros cursos logo da implantación do Plan Boloña na facultade de comunicación? Que transformou, facilitou ou dificultou esta reforma?

Como rumbo distintivo definiuse un tipo de formación individualizada, artelláronse obradoiros en pequenos grupos, programáronse actividades complementares e a esixencia de lecturas comentadas… Pero a universidade retalla persoal, auméntalle ao corpo docente cárregas rutineiras -por exemplo en traballo administrativo-, sobe as taxas que os proxectos de investigación lle pagan á propia institución que as entregou, dende hai anos, á banca privada. Penso que é urxente repensarmos modos e obxectivos cos medios a bordo, con independencia, sen servidumes éticas e/ou estéticas.

Dende o punto de vista da facultade de comunicación, como deberían definirse as sinerxias entre universidade, industria e empresas?

Teño para min de que debemos ser conscientes de que cada un destes ámetos son sociedade e teñen responsabilidade no benestar/malestar social. Se collemos un eido tan representativo desa posíbel relación como o das Industrias Culturais, podemos observar por unha banda as políticas públicas ao respeito, se os obxectivos que se definen están a ter correspondencia no sector produtivo. E, pola banda da universidade, se o pensamento, capacidade crítica, analítica e reflexiva van á par de coñecementos expresivos e técnicos que se aplican. Na letra, o título de Comunicación Audiovisual debe abranguer procesos de creación e difusión, é dicir, ter en conta o(s) público(s), así como as interrelacións entre os varios suxeitos da comunicación: autoría, institucións, empresas, medios, soportes e receptores.

Que lugar considera vostede que debera ocupar o audiovisual nos plans de estudos da ensinanza obrigatoria? Que se está a facer mal ou non se está a facer aínda?

Aprender a ver é unha experiencia longa e contraditoria que debe comezar ao abrirmos os ollos cara calquera imaxe fabricada. Aprender a ver dende unha cultura e en relación coas culturas nas que se produce cada imaxe. Aprender a alteridade, a outredade a través das imaxes. Como se pode erradicar esta experiencia dos niveis educativos fundamentais? Hai países, como a Franza, que xa incorporaron o cinema e o audiovisual á escola. É unha cuestión, como todas, política.

Como debe ser un modelo efectivo de pedagoxía da imaxe?

Por seguir co exemplo da Franza, remítomo ás propostas de Alain Bergala en A hipótese do cinema: pensar nos diferentes chanzos e escollas a que obriga un acto creativo como o cinema. Dende a idea ate a súa execución cómpre tomar unha serie de decisións e para pode decidir cómpre saber. A partir de aí podemos entrar na fase de experimentar, tentar facer imaxes, analizar a distanza entre o desexo e o real, entre a imaxe pensada e a imaxe realizada. Unha viaxe abraiante que como toda viaxe transforma á persoa que a emprende.

Este texto forma parte da serie de entrevistas realizadas a docentes que iremos incluíndo ao longo deste mes no noso especial sobre cinema e educación. En consecuencia, os asuntos abordados son esencialmente os mesmos con tódolos participantes, co fin de ofrecer diversas perspectivas sobre unha mesma cuestión.

 

Comments are closed.