ENTREVISTA A OH YOUNG-DOO

“TODAS AS MIÑAS PELÍCULAS FALAN DA VINGANZA”  

Oh young-Doo (Corea do Sur, 1975) pertence ao grupo de cineastas que fan películas de zombies. Así de específico é a súa obra e así, tamén, de orixinal. O seu primeiro filme, Neighbour Zombie, tivo un rápido percorrido viral pola rede entre os amantes do xénero, e un importante recoñecemento en festivais e circuítos da industria. Proba disto foi o convite a presentar a súa ópera prima na edición de 2010 do Festival de Cine Fantástico de Málaga e a presentación da súa nova película no prestixioso Festival de Sitges: Invasion of Alien Bikini, gañadora nada menos que do Festival de Cine Fantástico de Yubari (Xapón), uns dos máis influentes da súa categoría. Curiosamente, o xurado estaba formado, entre outros, polo seu compatriota Na Gong-ji, director de películas fundamentais como The Chaser (2008), programada tamén este ano en Sitges.
Recuperamos a conversa que tivemos co cineasta durante a súa visita a Barcelona o pasado ano, aproveitando a proxección en Sitges da última creación deste orixinal director, que non se pecha nas condicións do xénero, senón que o desborda e enriquece. Algo que se pode comprobar botando unha rápida ollada ao trailer dalgunha das súas películas.

Nas películas do xénero zombie adoita haber unha crítica social subxacente, se non intencionada, facilitada pola temática. Por exemplo, o zombie pode ser a escusa para falar da inmigración que “invade” unha cidade e as reaccións xenófobas que se xeran; do “Outro” diferente.
Creo que o que intento facer nas miñas películas é expor unha pregunta. Por exemplo, en Neighbour Zombie as persoas inféctanse cun virus que os fai converterse en zombies. Posteriormente, invéntase outra vacina que os cura. A pregunta aquí é que farías se os teus amigos, a túa parella, o teu veciño se converteran en zombies. E claro, unha vez curados, serías capaz de perdoar ao que, na súa enfermidade, matou a un amigo, unha parella, un veciño? Do que falo é, basicamente, dos instintos humanos e do pecado capital que é matar a outro ser humano. Con todo, a película non está pensada para ser seria, senón que é unha comedia.

Por que cres que ultimamente no cine coreano os thrillers ou films de horror son tan populares? Tendo en conta que antes era un xénero que non funcionaba nada ben.

Logo de The Chaser moitas compañías quixeron investir no xénero xa que, como dis, antes moitos thriller fallaran, razón que facía que non se quixese financiar ningún guión así. Pero The Chaser demostrou que se poden facer thrillers bos e exitosos. Pero é unha moda. De tódolos xeitos, é unha moda. Creo que precisamos de todo tipo de películas, pero as compañías sempre invisten no que saben que funcionará e os directores fan proxectos segundo os cartos que poden conseguir, polo que vai cambiando. Non creo que haxa máis razóns que esa.

Imaxe da rodaxe de 'Invasion of Alien Bikini', unha modesta produción cun orzamento inferior ós cinco mil dólares

Por que cres que o tema da vinganza está tan presente nas películas asiáticas?
Vaia, nas miñas só considerara o tema do pecado orixinal, pero si, é certo que temos moitas películas sobre a vinganza.

A vinganza ou a xustiza da propia man adoita desprazar de plano os camiños tradicionais de conseguir xustiza a través das institucións. En películas de Bong joon-hoo, como Memories of Murder, a policía aparece, pero sempre falla. Con todo, cando alguén é alleo ás institucións e se toma a vinganza como un modo de xustiza, adoita ser exitoso, como na triloxía da Vinganza de Park Chan-wook. Non creo que o concepto sobre a policía ou a xustiza sexa mellor en occidente, mais situámolos nun lugar privilexiado nas ficcións.

Nunca o pensara nese sentido. Na nosa historia tivemos moitas revolucións e golpes de estado. O goberno matou moita xente. Creo que aínda o sentimos dese xeito. Por exemplo, nos oitenta tivemos unha revolución universitaria e o goberno asasinou a varios milleiros, por iso non vemos ás institucións como portadoras de liberdade ou alivio. Así mesmo, en Corea as persoas somos moi emocionais. De feito, existe unha palabra para describilo que é Han. É unha condición emocional, un lume na nosa mente. Se alguén mata ao meu fillo, por exemplo, quero matalo eu e neste momento. Non espero a que ninguén resolva nada e adoitamos gardarnos as emocións a outras persoas ata que explotamos.


Se cadra está relacionado ao concepto de honra. En occidente non temos o concepto de honra no sentido dos orientais. Se se mata sería en termos de salvar o orgullo, supoño, antes que a honra.
Ah, OK. Moitas grazas, nunca pensara nisto. De feito creo que…. Si. Todas as miñas películas van sobre a vinganza! Aínda que eu penso en termo de emocións humanas. Se cadra, na miña seguinte película falo sobre por que sempre estamos querendo vingarnos!

Nesta primeira visita a España, atopas moitas diferenzas entre Occidente e Oriente?
Pois mira. Hoxe, por exemplo, estabamos vendo unha obra de Gaudí e, ó cruzarnos con outros coreanos, baixamos a vista. Porén, cando en Seúl un occidental se cruza con outro occidental, adoitan saudarse. Iso chámame a atención. Creo que é porque somos tímidos. Creo que se saudase a alguén e non me respondese daríame moita vergoña. Con todo, penso que as diferenzas ou similitudes depende de que compares. Se comparas ós coreanos cos chineses, estes son moito máis ruidosos, pero se nos comparas cos xaponeses somos nós os ruidosos e maleducados. Tampouco creo que haxa cousas coreanas ou menos coreanas. Prefiro non xeneralizar. Creo que, en definitiva, temos diferenzas e similitudes.

Se buscas as diferenzas, atopas as diferenzas e viceversa.

Exacto.

Invation of Alien Bikini proxectarase no Cine Prado o 10 de outrubro á 01.00 am e o 12 ás 10.00.

Comments are closed.