DOMINIC GAGNON: “SEN OS MOTORES DE BÚSQUEDA NON SERÍA NADA”

Pouco despois de que remate a súa masterclass durante o Play-Doc, asalto a Dominic Gagnon coa idea de entrevistalo pero non dunha forma tradicional. “Como o tes pensado?”, pregúntame; “Aínda non o sei: gravarnos cos móbiles?”. Dominic acepta sen dubidalo. Uns días despois cítome con el na entrada do seu hotel e falamos brevemente da idea da entrevista filmada, como facela, etc. “É estraño para min, sabes? Xa non estou acostumado a filmar cunha cámara”. Durante os seguintes minutos, filmo co meu móbil a Dominic Gagnon respostando as miñas preguntas en macarrónico inglés mentres Dominic me filma a min.

As túas películas traballan moito sobre a autorrepresentación: usas clips de Youtube para amosar como a xente se autorrepresenta. Que cres que é máis interesante, que xa non miremos ao noso arredor ou que nos miremos unha e outra e outra vez a nos mesmos?

Para min… Eu sempre digo que non fago filmes sobre xente, senón sobre xente que se filma así mesma. A cámara é o suxeito da película, está integrada na nosa vida. Agora mesmo eu mírote na cámara ou na vida real e para min está ben. Poderiamos estar en Skype, a distancia entre nós podería ser moito maior ata o punto no que eu xa non te vise a ti. Pero agora precisamos a tecnoloxía que nos axude. Poderiamos usar Skype se estivesemos a quilómetros un do outro, pero entón teríamos que documentalo, velo. Ás veces sabémolo porque está pixelado… a calidade das imaxes ou do son danche unha pista sobre a fonte da que procede a imaxe. Pero eu teño a túa imaxe aquí, e a túa imaxe fronte a min, e creo que é máis interesante para min mirarte aos ollos. É estraño que teñamos a oportunidade de facer isto, poder comparar.

Cando estas a editar as películas, como xuntas as pezas? Buscas por temas, ritmo, movemento…

Sen os motores de búsqueda non sería nada. Por exemplo, se quero facer un documental sobre ti, como procedería? Intentaría saber cal é o teu nome completo e despois buscaríao nun motor de búsqueda. Aí atoparía un feixe de información. Se teño sorte, atoparía unha canle. Quizais ti teñas unha canle de Youtube…

Non, pero si un Vimeo.

Entón, chegaría aí e atoparía outras palabras clave. Podería ser a túa profesión, o lugar onde traballas, se tes unha parella… E despois seguiría e cando atopase algo interesante sobre ti, gardaríao para ir construíndo unha masa crítica, un volume de imaxes sobre ti, información, e entón trataría de encollelo e facelo cinema. Suspense, drama, as mesmas técnicas que se empregan no cinema. Pero a miña fonte sería a web, esa é a miña cousa: retratar á xente a través da súa propia representación.

Deberiamos agora filmar o café que che acaban de traer?

Á vez?

Si, por que non?

É unha composición moito máis fermosa.

Eu traballo tamén editando vídeos que non son meus. E o que atopo máis difícil é parar de coller material para os vídeos. Como fas ti para deixar de buscar vídeos?

Esto é… Para conseguir o que eu fago creo que fai falla moita disciplina. E eu non teño tal cousa (ri). Parece disciplina pero é máis unha obsesión: son un maníaco. Estou en internet e é moi adictivo, pero chega un punto no que se me funde un fusible e digo “non podo facelo máis”. E nese momento deixo de buscar materiais. Pódeme levar meses chegar a ese punto. Pero cando me dou conta de cheguei ao límite, ao meu límite físico, entón tómome un descanso e vou ás miñas instalacións de edición…

A túa cabaña no bosque.

Si. Onde non hai conexión a internet e teño que traballar co que teño. Teño un disco duro con centos de GB de materiais e sigo tendo… é coma un ionqui, segues querendo clicar e ver máis vídeos pero non tes acceso a internet, entón teño que ver os que teño. No pasado tiña que gravar todo, tiña que poñer unha cámara diante do ordenador e gravar todo. Despois diso, empreguei software de captura de pantalla. E agora simplemente as descargo. A meirande parte das cousas que descargo nin sequera as vexo, sabes?

Atopo un vídeo de ti, por seguir co exemplo, un vídeo de ti esquiando. Vale, non necesito velo enteiro agora mesmo. Hai todo tipo de sorpresas cando os vexo, porque ti podes estar esquiando pero podo ocorrer algo máis. E entón descubro algo, excítome coma se estivese a navegar pola rede. E podo seguir así durante meses, con centos de GB. Podo estar seis meses traballando así. É coma pescar: ti vas a pescar e volves con moitísimos peixes; despois teste que tomar tempo para limpalos, preparalos, facer os filetes, conxelalos, decidir que fas con unha parte ou outra. É realmente un proceso moi natural para min, simplemente é que a primeira acción é inusual.

É novo. Hai dez anos non tiñamos tanto acceso a vídeos na web. Non eran tan populares porque os móbiles non eran tan efectivos. Agora é incríble porque ti vas a subir estas imaxes á rede e eu serei capaz de roubalas e ninguén saberá que foron a través de internet porque a definición é moi boa… É unha nova era para min. Se quero ter unha montaña no meu filme só teño que teclear “montaña” e buscar a mellor calidade e é coma se eu a filmase.

Pero agora que temos a definición máis alta no móbil, non cres que é imposible esquecer? Porque a calidade é tan boa que non hai perda de información, estamos, como dicilo, cavando un burato ao que seguimos a lanzar imaxes e imaxes para gardar.

O problema que temos agora é que estamos a filmar máis tempo do que temos para visionar. E así é coma as cousas se perden. Ás veces, nos meus pensamentos máis profundos, penso “se filmamos tanto e coma humanos non temos tempo para velo todo, quen o vai facer? Quen vai a visionar todo isto?”. E creo que é a Intelixencia Artificial. A Intelixencia Artificial precisa información para comprender todo. Pode calcular realmente rápido, pode ler emocións en imaxes coma estas, así que podería saber se me caes ben ou se non. A Intelexencia Artificial podería saber onde estamos, porque pode ler o menú que tes detrás…

O sinal do hotel que tes ti detrás…

Poderannos xeolocalizar e toda esa información, toda esa metadata, será empregada para outro uso, quizais algo que non nos compete. E pregúntome, por que gravamos todos estes tutoriais, como amañar unhas gafas, un coche, como traducir… Os humanos estamos a dixitalizar todo, calquera anaco de información; e sabemos de sobras que non seremos capaces de integrarnos a ese nivel. O noso cerebro non está adaptado, a nosa vida non é o suficiente longa como para visionar todo iso. Entón facémolo pola Intelexencia Artificial. Estamos a alimentar a unha máquina que chegara un momento que nos dominará. Porque o saberá todo. Será como unha entidade semellante a deus: sábeo todo, está en todos os lugares.

O único problema de todo isto é que sería un proxecto fermoso se non fose propiedade de compañías privadas, coma Google. Iso é unha merda, e nunca o diremos o suficiente. Temos que ser moi responsables na forma na que alimentamos a esa besta; ter moito coidado coa información persoal que deixamos que saiba a máquina e non esquecer en que somos os mellores e é en ser creativos e empáticos. A máquina non pode facer iso.

Estes son tempos excitantes para os artistas porque estamos a definir o que será o futuro da condición humana. Imos a ser felices? Imos a atopar un sentido á vida? Estamos na primeira liña dos humanos, porque podemos estar sen traballar e definir a nosa vida a través dos nosos traballos. A automatización chegará: unha máquina fará o café, os coches conduciranse sós…

Pero, por que construimos unha máquina que nos vai dominar?

Sempre fixemos iso.

Pero por que? Por que construímos as cousas que logo culpamos?

É a natureza humana. Por que reactores nucleares? Por que misiles? Por que traballamos sobre as viaxes no tempo? Poderiamos colonizar Marte pronto e convertirnos nunha especie interplanetaria. É unha época moi excitante e precisamos ese apoio tecnolóxico. Entón, por que o creamos? Por suposto que hai cartos por detrás, moitos cartos, pero sería tan bo hackear Google é facelo ridículo.

Pode ser quizais o teu próximo proxecto.

Bueno… a máquina xa o sabe, así que me foderá pronto (ri).

Unha máquina de Google sabe que vas a hackear Google.

Sabe que me vou a convertir no inimigo da empresa (ri).

A última pregunta. A máquina sabe todo e diche as suxestións para ver despois dos vídeos de Youtube. Se ao rematar este vídeo saísen as suxestións, que cres que sairía? Os mellores momentos de Donald Trump?

(pausa) Probablemente sería outra entrevista, porque estes días fixen moitas (ri).

Pero algunha como esta?

Non, ningunha coma esta.

Comments are closed.