EQUIPA (34)

Cando Jack Burnham definiu en 1968 o termo “cinema expandido” no seu libro Más allá de la escultura moderna, pretendía reivindicar todas as prácticas artísticas que racharan cos límites convencionais da institución artística. Seguindo esta tradición, dous anos despois, nun volume titulado Cine expandido, Gene Youngblood poría o acento sobre o estado de percepción, asumindo que toda peza do que el chamou “cinema expandido” debera ofrecer ao espectador unha sorte de emancipación social respecto da forma de mirar.

Que o cinema expandido supera as barreiras da pantalla tradicional semella estar claro, mais ás veces confúndese case coma sinónimo do cinema en directo (live cinema) ou da simple performance con proxección. Que á arte e que non? Acaso é unha pregunta xa pertinente?

Alén das súas tipoloxías, este tipo de cinema está a ser cada vez máis unha constante nos festivais de todo o mundo, con seccións dedicadas aos desbordamentos da pantalla. Foi esta palabra a que usaron no noso benquerido certame coruñés (S8) para se referir a esta práctica dende a primeira edición. Van facer oito anos e cando comezaron parecían ser dos poucos ou os únicos en España interesados nestes asuntos. Hoxe, a proliferación deste tipo de proxeccións obríganos a pararnos un momento para reflexionar sobre como o concepto está a evolucionar agora que está en boca de todos, porque, admitámolo: o cinema expandido e o feminista volvéronse trendy en 2016 (por fin, louvadas sexan Stan van der Beek e Laura Mulvey).

Ao segundo pode que dediquemos outro número, mais de momento pareceunos que recoller o que se falou ao respecto do cinema expandido na mesa redonda organizada en L’Alternativa coa participación de CAMIRA na súa pasada edición, era un bo xeito de comezar este primeiro número de 2017. Regina Khanipova cóntanos o que alí se debateu, que moito ten que ver con esa emancipación da ollada da que falaba Youngblood.

Acompañamos este artigo con outros recuperados do noso arquivo, que pensamos poden estar de novo de actualidade ao traelos aquí a colación. Seguiremos publicando nas próximas semanas reflexións en torno a este concepto, por parte de programadores, críticos, artistas e cineastas. Tamén recuperaremos algúns dos nomes máis soados desta práctica cinematográfica, no afán de poñelos en valor.

E, xunto a esta columna vertebral, iremos por primeira vez á Berlinale, e tocará un ano máis estar noutros certames próximos como Play-Doc ou Punto de Vista.

Notariades ademais que o noso logo mudou. Xa había un tempo que queriamos darlle un lavado de cara ao noso cabezallo. A oportunidade ideal preséntasenos agora que A Cuarta Parede encara unha nova etapa, na que tamén será produtora cinematográfica, facéndose cargo da primeira longametraxe de Álvaro Fernández-Pulpeiro, Nocturno: un poema de mar en porto. Estade atentas, que daremos máis novidades en breve.

Logo dun par de meses de repaso do mellor de 2016 en modo vacacional, retomamos o ritmo. Que non paren as sesións, expandidas e desbordadas.

Dirección, edición e xestión da web

Alba Cambeiro

Víctor Paz Morandeira

Brais Romero Suárez

Iván Villarmea Álvarez

Deseño da cabeceira

Federico Scudeler

Consello de redacción

Eloy Domínguez Serén

Iván G. Ambruñeiras

Xan Gómez Viñas

Laura Montero Plata

Horacio Muñoz Fernández

Colaboran neste número

Francisco Algarín

Blanca García

Regina Khanipova

Arturo Losada

Luis Macías

Víctor Paz Morandeira

Tito Rodríguez

Brais Romero Suárez

Ángel Rueda

Iván Villarmea Álvarez

CONTACTO

info@acuartaparede.com

Share SHARE

Comments

comments

Deixa o teu comentario