MUDAR LA PIEL, de Ana Schulz e Cristóbal Fernández

Mudarlapiel

Ao longo da década, desde que ETA anunciase o cesamento da súa actividade armada en 2011 ata a súa disolución este mesmo ano, o cinema seguiu abordando o conflito vasco con novos e máis libres enfoques. Parece que se abandonou dunha vez por todas a aproximación maniquea e agregouse unha enriquecedora paleta de cores entre o branco e negro. Entre os filmes recentes que apostaron por superar a falsa dicotomía entre bos e malos atopamos o documental Asier ETA biok (Amaia Merino e Aitor Merino, 2013) que aborda a amizade entre o director Aitor Merino e o seu amigo da infancia Asier que pertencía a ETA. Tamén hai ficcións recentes como Fe de Etarras (Borja Cobeaga, 2017) ou Negociador (Borja Cobeaga, 2014) que se aproximan á temática desde a comedia. Aínda que estes novos enfoques non estiveron exentos de polémica, os recentes anuncios de series de televisión sobre o conflito vasco como a adaptación de Patria por parte de HBO, amosa que aínda hai moito que contar e que as historias van seguir aflorando.

En Mudar la piel tamén se aborda unha historia contextualizada no conflito, neste caso a amizade entre Juan, mediador entre ETA e o Goberno, e Roberto o seu amigo e colaborador próximo que resultou ser un axente secreto enviado polo CESID para espiarlle. Este poderoso punto de partida ten a súa representación gráfica na fotografía que serve de cartel para a película, nela vemos en primeiro plano a Juan cunha expresión afable, comprensiva e intelixente que resume a súa personalidade conciliadora e nun segundo plano a Roberto, preto de Juan pero desenfocado. A instantánea tómaa Ana Schulz filla do mediador e codirectora do documental -xunto a Cristóbal Fernández-; quen decide abordar a historia para arroxar luz sobre unha amizade que marcou á súa propia familia.

Estamos ante un filme que aínda que ten un punto de partida claro expándese en múltiples direccións e resulta imposible abordalo nun único sentido. O “mudar a pel” do título non fai referencia só á dobre identidade do amigo da familia, senón que é a propia película a que vai cambiando a pel segundo vanse desenvolvendo os acontecementos. É unha obra que convida a mergullarse nela e deixarse arrastrar por unhas correntes que discorren por espazos fronteirizos.

Entre as múltiples capas que ten Mudar la piel a primeira que atopamos é a que fala da amizade. Un fío a proba de traizóns e do paso do tempo segue mantendo unidos a Juan e Roberto. Como apuntaramos Juan era mediador entre o Estado e ETA, era responsable do Centro para a Paz Gernika Gogoratuz e gañouse a confianza de ambas as partes do conflito. Roberto, pola súa banda era un ex Garda Civil e espía do CESID. Aínda que iso non o sabía Juan, para el era un reporteiro dunha axencia de noticias interesado no seu traballo. O contacto e o paso do tempo labrou unha amizade entre ambos e Roberto converteuse na súa man dereita, estaba “sempre en casa, atento ás palabras de Juan” como lembra Ana Schulz nun momento da película. Coa mesma fugacidade que apareceu, desapareceu uns anos despois escudándose en problemas persoais. A relación caeu en punto morto. Co tempo Roberto acabou no cárcere acusado de revelar segredos de Estado e a familia descubriu entón que era un espía, todo aquel tempo estivera enganándolles. Juan en lugar de sentirse traizoado decidiu retomar a súa amizade con Roberto visitándolle no cárcere. Agora, co espía en liberdade, sobrevoa a posibilidade dun reencontro entre os dous vellos amigos, unha oportunidade que Ana Schulz non quere deixar pasar nin polo seu interese cinematográfico nin polo seu valor familiar.

mudar-la-piel

É aí, na xestión do reencontro, onde aparece unha nova capa: Mudar la piel como thriller de espías. Roberto que en principio deu o seu consentimento para aparecer na película, ten cada vez máis dúbidas, decide chamar á directora para anunciarlle que non vai participar. Non quere entrar en detalles, os teléfonos están picados, pero aparecer comporta grandes riscos. Quen é realmente Roberto? Que teme? O que sabemos del é que pertencía ao CESID, que foi enviado ao País Vasco a investigar a Juan e que -por iso ou a pesar diso- labrou unha amizade con el. Desapareceu cando unha reportaxe xornalística revelou que a axencia na que supostamente traballaba era unha tapadeira dos servizos de intelixencia. Antes de que a xente atase cabos foise. Supostamente deixou o servizo secreto para montar un Centro de Estudos para a Paz en Canarias e nese proceso acabou no cárcere tras ser acusado de vender información confidencial a Rusia. Agora cando todo quedou atrás aínda dubida se participar na película.

Os directores, conscientes de que a participación de Roberto determina o sentido e a viabilidade do proxecto, deciden incluír o proceso creativo como unha nova capa da película. Así Mudar la piel é tamén o seu propio making of. Dunha forma bastante honesta, os directores deciden amosar as conversas tanto con Juan como con Roberto sobre o camiño que ten que emprender a película ante os obstáculos que van aparecendo. É nesta capa onde aparece quizais a aposta máis estimulante do filme pois propón debater sobre os límites da representación borrando deliberadamente as fronteiras entre a ficción e o documental.

Ata agora sinalamos tres capas de Mudar la piel: como historia de amizade e traizón, como thriller de espías e como diario de rodaxe; pero se seguimos rascando poderemos falar de novas capas como o funcionamento das cloacas do Estado ou o relato histórico do conflito vasco. Esta variedade de estratos, con todo, non fai caer a película na indefinición ou na dispersión porque os directores conseguen crear un obxecto fílmico compacto e directo. Mudar la piel é unha película que non evita as súas contradicións pero prefire deixar as costuras ao aire para tentar ocultalas o que nos convida a empatizar co desenvolvemento da historia desde a nosa posición de espectadores. Neste sentido é de agradecer que se constrúa desde a vulnerabilidade e a sutileza, apostando por mostrar a intimidade familiar nun contexto feroz. Contra todo prognóstico resulta unha maneira moi efectiva de superar obstáculos aparentemente insalvables.

Comments are closed.