O FINANCIAMENTO DE CINEMA EN GALICIA, OU A IMPORTANCIA DO PÚBLICO

Momento da rodaxe de 'El niño', con Luis Tosar e Eduard Fernández. FOTO: Jose Haro.

Momento da rodaxe de ‘El niño’, con Luis Tosar e Eduard Fernández. FOTO: Jose Haro.

Financiamos las películas con las ayudas del ICAA, en algunos casos las anticipadas y en otros a amortización; a veces vendemos solo los derechos de antena a TVE, y en otros proyectos sí participan Tele5 y Antena 3, tanto a través de los derechos de antena como en coproducción; solemos vender las películas a Canal+ y ahí también conseguir financiación; también coproducción internacional, como ha ocurrido ya en varios casos con Argentina, Francia o Inglaterra; en la parte de desarrollo solemos cerrar acuerdos de ventas internacionales, para que pueda distribuirse en otros territorios, y funcionamos con adelantos; algunos proyectos se los hemos prevendido a alguna televisión autonómica; las ayudas de AGADIC en algunas ocasiones… Básicamente, éstas son las fuentes de financiación, y las usamos todas”. Con esta declaración, Emma Lustres, responsable de Vaca Films, que ten producido moitos filmes comerciais de certo selo autoral con éxito (Celda 211, Lobos de Arga, Invasor, El niño…), resume como se financia unha cinta destas características, de orzamento xa intermedio para os estándares europeos. No total do custo dos filmes, as axudas públicas poden supoñer ao redor dun 15 ou un 20 % no caso de Vaca Films, mentres que para outras produtoras de referencia como Zeitun Films, poden roldar a metade do que se financia, e o desexable é que puidese ser mesmo máis. Como Lustres, Felipe Lage pensa que a única estratexia viable para facer hoxe rendible un filme pasa pola coprodución. “E as axudas da AGADIC non son nada flexibles con iso”, explica o produtor responsable de títulos como Todos vós sodes capitáns ou Costa da Morte. “A lei de subvencións de Galicia limita o investimento público nestes casos ao 50%, cando a Comisión Europea recomenda aumentalo ao 60%, e flexibilizalo mesmo ata o 100% naqueles filmes de interese cultural e cinematográfico e con difícil distribución”, explica Lage. Obviamente, en Zeitun Films desexan apostar por esa liña, por iso piden máis flexibilidade e que se inclúa unha excepción na lei para estes casos.

Outro dos puntos conflitivos onde o sector en xeral demanda cambios é o investimento das televisións públicas. Por lei, están obrigadas a reservar o 6% do seu orzamento a cinema. TVE cumpre con estes parámetros, “aínda que a presenza do outro cine español é case nula”, láiase Lage, que preferiría outra liña editorial por parte dos directivos da televisión pública. Pero onde hai máis dúbidas é na situación da TVG. O orzamento para 2014 é de 96’9 millóns de euros. O 6% diso veñen sendo 5.814.000 euros. É case o dobre dos 2’53 millóns que a AGADIC investirá este ano nas súas liñas de axudas ao sector. Alá onde preguntes, semella que esta cantidade non se fai notar. Emma Lustres ten unha posible explicación para isto: “Toman el 6% sobre los ingresos de publicidad, algo que puede servir para las privadas, pero si lo hiciese TVE, la inversión en cine sería igual a 0, porque esta cadena no cuenta con anuncios”. Dende a TVG, precisan que deben tomar a norma do 6% partindo dos ingresos de explotación. Isto é, a publicidade principalmente, mais tamén outros conceptos como vendas de dereitos ou prestacións de servizos a terceiros. Se comparamos, esta cifra redúcese a menos de 8 millóns, así que o reservado para os filmes dependendo de quen interprete a norma, muda considerablemente. Nun contexto de claras dificultades orzamentarias para a TVG, teñen outras prioridades como pagar nóminas. Pero o mundo do cinema ten dereito a reclamar o que lle corresponde por lei. Así o cre Luisa Romeo, de Frida Films (La mujer del eternauta, Los increibles): “Tenemos buena relación con la TVG, pero no hay respuesta a cuestiones muy importantes, como el dinero con el que se cuenta y a qué películas se destina; no podemos seguir así. Es un misterio”.

Romeo leva producidos varios documentais de éxito, nunha liña intermedia entre Zeitun e Vaca, se usamos a experimentación como vara de medir. “Nos gusta trabajar con directores noveles, interesantes para los festivales y que ya hayan tenido un cierto recorrido”, explica, especificando que non entenden a distinción entre o documental e a ficción e que cada vez están a tirar máis cara formatos híbridos ou de carácter puramente narrativo1. Con esta liña, seguramente poderán concorrer ás axudas de produción da AGADIC pola vía da ficción. Segundo Felipe Lage, os seus proxectos, neste terreo intermedio, poderían pasar por ficcións nas axudas de desenvolvemento, onde este ano desapareceu a categoría de documentais. Romeo non o entende: “En Galicia el documental es lo que más alegrías nos ha dado en los últimos tiempos: Sandra Sánchez, Pela del Álamo, Lois Patiño…”. E Lage, enfurecido contra o sistema, indica: “Obrígante a ser un produtor tramposo; o pirata profesional é o que triunfa e sobrevive”.

Na mesma liña vai Beli Martínez, produtora independente de obras como Vikingland ou Arraianos. Cando se lle suxire que un punto das axudas de talento, o de que non poidan concorrer os cineastas con dúas curtas previas xa subvencionadas, ou unha longametraxe, pode ser unha medida para asegurar a rexeneración do sector; explica con contundencia: “Os de sempre son os nomes que se repiten nas axudas de produción que ano tras ano reciben cartos e nin sequera se ven as obras en ningures ou se sabe do seu final; os de sempre son os que se declaran en suspensión de pagos e ao día seguinte teñen unha produtora que está a recibir axudas, ou encargos da TVG…” Curiosamente, Dolores Meijomín, coordinadora da Política Audiovisual da AGADIC, di que as convocatorias están feitas para evitar este tipo de comportamentos, que “non favorecen a crear un sector audiovisual forte”. Incide en que “non se poden financiar con cartos públicos proxectos que, unha vez deixan de ser subvencionados, morren”; e avoga máis por un modelo mixto, no que os apoios privados permitan subsistir ás produtoras a longo prazo. Sobre a exclusión dos documentais en desenvolvemento, indica que “a ficción ten outros gastos que o documental non ten” e que “non se van deixar de facer esas películas pola desaparición desta axuda”. Segundo Meijomín, trátase de establecer prioridades dentro do orzamento co que se conta, e postos a sacar de algures, aquí é onde menos se vai notar, na súa opinión.

Foto de equipo do teaser de 'María (y los demás)', da produtora Frida Films.

Foto de equipo do teaser de ‘María (y los demás)’, da produtora Frida Films.

Pero as queixas polas axudas de talento, as máis discutidas, non rematan aquí. O aspecto máis conflitivo, fóra de que moitos non poidan presentarse se queren seguir a facer curtas, e non dar un salto á longa, “que parece que é o único que a AGADIC contempla”, expón Lage; é a entrada de produtoras na modalidade de longas documentais. Isto é, o receptor da axuda pasa de ser unha persoa física a unha xurídica. “Isto é ir en contra do espírito co que nace esta axuda”2, indica Martínez, que argumenta deste xeito: “Se por algo era viable era porque a facía unha persoa a título individual e a súa xustificación era moi sinxela, o que favorecía que o creador se centrase no que ten que facer: a súa peli”. Imaxinando como se pode trasladar isto ao último proxecto de Martínez con Eloy Domínguez Serén, Jet Lag, o realizador tería que recorrer a unha empresa produtora, para poder rodar un filme que fixeron estas dúas persoas case exclusivamente, sen ningunha outra estrutura detrás. Como conta Domínguez Serén nos seus diarios filmados, el salta de traballo en traballo para subsistir, e nin ten unha produtora a man que o apoie, nin é un autónomo que poida permitirse vivir dos filmes. Por esta razón, Martínez entende que neste sentido, a axuda da AGADIC non se axusta á realidade do sector.

A precariedade laboral é habitual neste, conforme se vai baixando a filmes de orzamentos máis modestos. Para financiar Y la nave va, produtora de recente creación con tres socios, “cada un traballa no seu e unha porcentaxe dos ingresos invístese nos filmes”; indica Analía G. Alonso, produtora de El tiempo futuro, pequeno documental que tivo que recorrer a unha campaña de ‘crowdfunding’ para se financiar. Aínda estando en extremos opostos do sector, Alonso subscribe unha frase que repite nun par de ocasións Emma Lustres na nosa conversa: “Estoy totalmente en contra de los baremos”. Para as dúas, teñen que primar a creatividade e a viabilidade do proxecto, non cuestións de carácter circunstancial. A responsable de Y la nave va, sen acritude algunha pola lingua, indica: “Bárbara Iglesias – a protagonista do filme, xogadora de ‘bobsleigh’ – non fala galego no seu contexto; sería ridículo forzala nun documental, perderíase a naturalidade no filme”. Outra das queixas que se repiten é “a imposibilidade de que se capitalicen os salarios como gasto xustificable”, prosegue Alonso.

En definitiva, grandes, medianos e cativos láianse por diversos motivos – os máis repetidos e comúns a todos, incluídos neste artigo – dunhas axudas que, como admite a propia Meijomín, “claro que son mellorables, e niso se traballa dende a AGADIC cada día”. A responsable da política audiovisual da axencia é consciente de varias das queixas emitidas, sobre todo dende os cineastas que se presentan a talento, os máis afectados polos cambios nas bases. Lamenta, porén, que se proteste sen remitirse á AGADIC porque, incide, están aí para mellorar as cousas e escoitar as críticas que poidan existir. Segundo ela, ningún cineasta se comunicou coa axencia logo da publicación da convocatoria no DOG. Si o fixeron antes. Fontes da AGAPI (Asociación Galega de Produtoras Independentes) e de CREA (Asociación de Directores e Realizadores de Galicia) indican que se lle fixeron varias suxestións á axencia, das que tomaron nota só parcialmente. En xeral, os produtores consultados demandan un maior diálogo coa administración para que as convocatorias se adecúen mellor ás súas necesidades. Algo positivo que se pode dicir é que, logo dun ano no que as convocatorias saíron moi tarde, “por normativas europeas que nos impediron publicalas antes” – explica Meijomín – todas as liñas de axudas de 2015 estarán publicadas no DOG, segundo a AGADIC, no primeiro trimestre do ano.

Pero se en algo están de acordo a administración e os produtores, é en que cómpre un aumento de investimento público no cinema. Como ben indica Lustres, “España tiene un cine muy poco subvencionado”. E se non, comparémosmos co veciño. 700 millóns é o que sae do CNC (Centro Nacional da Cinematografía) para financiar filmes galos, cunha especial atención á coprodución e ao percorrido que terán despois os filmes en festivais e salas, tamén moi protexidas. Aquí, as independentes pechan porque non teñen axudas, e os filmes que se levan? 38 millóns do homólogo do CNC, o ICAA (Instituto de la Cinematografía y de las Artes Audiovisuales). A última vez que o comprobei, a diferencia de PIB entre os estados non era tan abismal. Cuestión de prioridades. C’est la vie.

__________

1  Para facerse unha idea da liña ascendente de Frida, só fai falta mirar as resolucións do ICAA. O último filme da produtora, María (y los demás) (Nely Reguera), foi o proxecto mellor valorado nesta liña de axudas.

2  Recordemos, ideadas pola extinta Axencia Audiovisual Galega no 2007.

Foto de portada, pertencente á rodaxe do teaser d’A ausencia, de Zeitun Films. O director Rainer Kirberg, con gafas á dereita, tapando parcialmente a Felipe Lage. Ao final, o actor Carloto Cotta, co seu can Guruel, traído da rodaxe de Tabú en Mozambique. FOTO: TAMARA DE LA FUENTE.

Comments are closed.