F.J OSSANG E A SUBVERSIÓN: CINEMA PUNK E FILME NOIR

Anotación: Este texto é unha versión rectificada do orixinal de 2017. No momento da súa publicación, o texto non incluía as fontes bibliográficas.
Ossang 1

“1, 3, 5, 7, 12 & RETOUR AU CHAOS!”

F. J. Ossang é probablemente o único cineasta capaz de concebir unha película en branco e negro sobre loitas clandestinas de gladiadores punk underground a ritmo de música psychobilly. Poeta, músico, cineasta e actor; falar de Ossang é falar de subversión e delirio á deriva sobre un océano de referencias. A súa obra fílmica volve borrosas as fronteiras entre xéneros e disciplinas, construíndo no eclecticismo a identidade da súa arte. Un universo punk noir post-apocalíptico onde a sinerxia entre música, poesía e cinema é indivisible1. Todo fúndese e dialoga cunha expresividade propia dunha linguaxe de rebelión punk. Unha filmografía cun universo consistente, explosivo, rebelde, dunha capacidade de sorprender e provocar pouco común no cinema contemporáneo2.

La Dernière Énigme (1982), primeiro filme estudiantil de Ossang3, constitúe un manifesto político e poético sobre o terrorismo de Estado inspirado no libro O terrorismo e o Estado de Gianfranco Sanguinetti4. Os conceptos de tiranía e rebelión desenvoltos a través da recitación, do discurso público e a declaración universal son elementos do punk que Ossang convertiu nunha pedra angular de toda a súa filmografía. Unha chamada á anarquía e un berro anti-establishment5.

Un ano despois, na súa segunda curtametraxe Zona Inquinata (1983) desenvolveu as características formais que se repetirían case relixiosamente en toda a súa obra posterior, conformando a súa orixinalidade e recoñecible estilo visual. A medio camiño entre cinema primitivo, noir e de experimentación, Ossang emprega intertítulos que funcionan como unha manifestación poética que contribúe á experiencia, como un espazo subliminal e sensorial máis que narrativo, unha arma metafísica que nos axuda a entender o caos. A poesía insértase nas entrañas dos filmes case como un órgano transplantado non desexado, un intruso fóra de lugar pero intrínseco á criatura fílmica. Outro dos recursos cos que rinde tributo romántico ao cinema mudo (concretamente ao expresionismo alemán) é o uso do iris sen discreción, como elemento plástico para enfatizar a emoción ou dirixir a mirada a través do viñeteado6. Estraños encadres en branco e negro, profundos claroscuros, conversas e monólogos que basculan entre o poético e o explicativo, unha voice over mística que interactúa ou se contrapón á imaxe e, sobre todo, a música case omnipresente, que mantén unha tensión claustrofóbica a través da repetición industrial, son só algúns dos recursos estéticos do universo alienado do director francés7.

L’Affaire des Divisions Morituri (1985), a súa primeira longametraxe, é unha consolidación do que se insinuou nas curtametraxes anteriores. Unha historia sobre gladiadores punk gobernados por Ettore, figura mesiánica que ameaza a estabilidade dun estado represivo afeccionado ao método da “privación sensorial”8. En Morituri ao igual que no resto das súas obras, a música experimental e industrial de grupos coma Throbbing Gristle ou M.K.B. (un dos grupos de Ossang9) será un piar fundamental, un referente tanto en temas e estilo como na ambientación post-industrial10 ou incluso no casting, formado en parte por membros de bandas punk, como o propio director11.

Le Trésor des Îles Chiennes (1990)

Le Trésor des Îles Chiennes (1990)

Pasarán cinco anos ata a súa seguinte longametraxe, Le Trésor des Îles Chiennes (1990), comunmente considerada como a súa obra máis destacable. Nela narra a viaxe de cinco homes dirixidos por un Ulises contemporáneo, enviados por unha grande corporación a unha illa que está condeada á perdición. Un filme sobre drogas e a muller como obxecto de desexo, intriga e traición. Un pesadelo post-atómico catastrófico, unha viaxe ao estómago do inframundo12, un camiño delirante cara o esquecemento. A posta en escena convírtea nunha viaxe sinestésica: pódese ulir e sentir a textura metálica das imaxes, do pó acumulado na gorxa13, noxento e repugnante. Quizais sexa o exemplo máis característico da influencia do cinema negro e de ciencia-ficción na súa obra. Trátase dunha reconfiguración de códigos do noir no diálogo, a narrativa e a intención, entendendo Ossang este xénero como unha experiencia post-traumática14. O mesmo ocorre en Doctor Chance (1997) onde Angstel, un traficante de arte, vese obrigado a abandonar o país e embarcarse nunha viaxe na que o film noir convértese de novo nunha sorte de road movie15 lisérxica. A presencia de estruturas industriais, sobre todo de medios de transporte coma coches, barcos ou avións contrapostos coa natureza, o ínfimo ser humano ante os elementos, é outro dos recursos transversais á filmografía do cineasta. A diferencia do resto das súas obras, salvando escasas excepcións coma Morituri na que intensos virados amarelos e verdes abríranlle a paleta do branco e negro, Docteur Chance ten lugar nun mundo en cor, cun espectro cromático dunha expresividade única que lle outorga unha natureza expresionista.

“A triloxía da paisaxe”16, como a chama Ossang17, son unha serie de curtametraxes entre Docteur Chance e Dharma Guns. Esta triloxía telúrica comeza con Silencio (2007), unha viaxe a través dunha vasta paisaxe. Silencio é unha meditación sobre a catástrofe e a fin do mundo. Vladivostok! (2008), abertamente experimental e fragmentaria, debe gran parte do seu pulso ao expresionismo e ao cine mudo18. Trátase dunha reflexión existencialista sobre a viaxe que é a vida, ao igual que Ciel Éteint! (2008). Neste caso dous amantes nun horizonte de tristeza. Nos tres a paisaxe transmite unha analoxía da emoción humana.

E tras a fin do mundo, o alén. Dharma Guns (2010) é un descenso dantesco ao inframundo. Experimentos, morte, resurrección e o propio cinema lévannos ao inferno. Un filme de ciencia ficción conspiranoico, cun revestimento órfico19 común en toda a súa filmografía, manifestación dun escuro romanticismo punk. As personaxes de Ossang están a miúdo ao borde da tolemia: os seus impulsos primarios arrástranos a través da historia como mera consecuencia dunha determinación superior. Todos son vítimas do destino, heroes inexplorados que se rebelan contra o inevitable. Dharma Guns leva este nivel de loucura na mesma estrutura narrativa: realidade e ensoño chocan entre si sen descanso, sepia incrústase en branco e negro, que se bloquea coa cor. Flashbacks, conciencia e abismo, unha experiencia desorientadora do tránsito da vida á morte20.

1 SARMIENTO, J. (2013). F. J. Ossang: Punk Cinema and the Subversion of film noir. Desistfilm. [En liña: http://desistfilm.com/f-j-ossang-punk-cinema-and-the-subversion-of-film-noir/]

2 Curtocircuíto 2017 ofrecerá las primeras retrospectivas completas de F.J.Ossang y Teddy Williams en España (2017). Curtocircuito. [En liña: http://curtocircuito.org/2017/es/blog/1/curtocircuito-2017-ofrecera-las-primeras-retrospectivas-completas-de-f-j-ossang-y-teddy-williams-en-espana]

3 Signals: F. J. Ossang (2011). IFFR. [En liña https://iffr.com/en/2011/programme/signals-fj-ossang]

4 Título orixinal: Sanguinetti, G. (1979) Del terrorismo e dello Stato. La teoría e la practica del terrorismo per la prima volta divulgate. Autoedición.

5 SARMIENTO, J. loc. cit.

6 Ibid.

7 DELGADO, M., COLLERY, M., BLUMENFIELD, M.  (2013) Punk Intervention: A conversation with F. J. Ossang. Desistfilm. Ubicación online: http://desistfilm.com/a-dialogue-with-f-j-ossang/

8SARMIENTO, J. loc. cit.

9 RAYMOND, L. (2016) Voyage jusqu’à Ossang. Fluctuat.net.

10 F. J. Ossang em retrospectiva no 25º Curtas Vila do Conde (2017). Festival Curtas Vila do Conde. [En liña: http://festival.curtas.pt/blog/?id=503]

11 Nese sentido: “É frecuente atopar, reconvertidos en actores, ao boxeador Stéphane Ferrara, músicos como a banda punk Lucrate Milk convertida nun grupo de gladiadores urbáns o Joe Strummer (The Clash)” en Festivales: Curtocircuito 2017 ofrecerá la primera retrospectiva completa del argentino Teddy Williams en España (2017). Escribiendocine. [En liña: http://www.escribiendocine.com/noticia/0013712-festivales-curtocircuito-2017-ofrecera-la-primera-retrospectiva-completa-del-argentino-teddy-williams-en-espana/]

12SARMIENTO, J. loc. cit.

13 Ibid.

14 Ibid.

15 Ibid.

16 BRENEZ, N. (2011) F.J. Ossang: The Grand Insurrectionary Style. International Film Festival Rotterdam. [En liña: http://www.lolajournal.com/1/ossang.html]

17 A denominación “Triloxía da paisaxe” foi nomeada por Nicole Brenez (loc. cit.) e adoptada por Ossang, quen porén expresou a súa preferencia cara o termo “tríptico”.

18SARMIENTO, J. loc. cit.

19Sobre a importancia do onírico no cinema de Ossang, véxase MENDOÇA, L. (2015). F.J. Ossang: “o verdadeiro cinema é como gin tónico”. A Pala de Walsh. [En liña: http://www.apaladewalsh.com/2015/10/f-j-ossang-o-verdadeiro-cinema-e-como-gin-tonico/]

20SARMIENTO, J. loc. cit.

Comments are closed.