FESTIVAIS DE CINEMA: UN MODELO A CAMBIAR

Foto: Daniel Gallego

En paralelo ás proxeccións que o Festival de Cinema de Ourense programou na cidade durante 7 días, lugares coma o Café Pop Torgal, un dos epicentros culturais da cidade, acolleron diferentes presentacións, performances e debates. No ecuador do festival, Fran Gayo, director artístico do OUFF, moderaba unha mesa redonda sobre festivais de cinema que pretendía, non tanto solucionar un modelo que semella estar a quedarse obsoleto ou descompasado cos tempos, senón abrir novas liñas de pensar o cinema desde os puntos de encontro que estas citas supoñen. Convidados na mesa xunto a Fran Gayo, Ángel Rueda, co-director da Mostra de Cinema Periférico (S8), Andrea Franco, programadora do OUFF, Meghan Monsour, directora de programación de Ambulante Gira de Documentales, e Xosé Ramón Rivas, programador de documental no Edinburgh International Film Festival. Antes de comezar a repasar o alí debatido, cómpre reproducir as liñas de Mariano Llinás coas que Fran Gayo abriu o evento:

«Os festivais convertéronse en lugares de comercio, lugares aos que os filmes van a traballar, convertidos en sables e lanzas dos seus directores e produtores. Os Grandes Festivais parécense menos a un museo que a esa versión alucinada da Bolsa de Roma que describe Antonioni en O eclipse. (…) O crítico sae da función, tantea a opinión dos seus colegas coa experiencia dun “tahúr”, e corre a lanzar ao espazo as súas anotacións cibernéticas; o público quédase na butaca: espera que alguén veña a falarlle, a explicarlle coma un guía turístico aquilo que acaba de ver; o director, que pasou fóra da sala toda a proxección, entra puntual, recibe os aplausos e ponse a falar».

Cada un desde unha perspectiva diferente, os poñentes coincidiron en sinalar a obsesión de público e medios por un palmarés que indique ‘que ver’ dentro dunha programación traballada durante moito tempo. En efecto, mostras de cinema coma o (S8), que non ten sección competitiva, acadan menor visibilidade a nivel exterior porque os medios non especializados buscan o impacto do gañador ou dunha mención especial, en lugar de ollar cara o conxunto de cineastas e obras reunidos na programación. Falouse ao longo deste encontro sobre a necesidade ou non de ter unha sección competitiva, o que adoita ser a ‘Sección oficial’, posto que a existencia desta crea unha separación entre os filmes que están alí presentes e os que están programados dentro doutras partes do mesmo programa. Incluso desde a perspectiva dos directores de cinema, a presenza dun filme nun festival grande mais dentro dunha sección paralela é, ás veces, contraproducente, posto que o filme non acada a atención precisa e acaba por morrer no circuíto. Porén, se ben é innegable que a presenza dun filme nun festival grande axuda á difusión do mesmo, é, en moitos casos, a programación do mesmo en festivais menores (en tamaño, non en calidade) a que lles imprimen un novo significado e arroxan máis luz sobre a obra.

Respecto disto, é importante o debate que se xerou arredor das premieres, estreas e das condicións que o propio festival impón á hora de seleccionar filmes. Houbo acordo en sinalar que o feito de estrear en exclusividade un filme non significa nada agás para publicitar isto como un atractivo o un gancho, o que, realmente, non engade ningún valor á liña de programación. Andrea Franco expuxo que o público dos festivais de cinema, se ben en parte son xente do sector que percorre as citas ao longo do ano, é maioritariamente os habitantes da cidade e que privalos de ver un filme porque se estreou noutra parte do estado é un absurdo. Saiu á palestra tamén casos inversos, como o de Potamkin (Stephen Broomer, 2016), estrea mundial na cidade de A Coruña durante a Mostra de Cinema (S8) pola vontade do creador de facelo durante esa cita. Ángel Rueda explicou que no seu caso a programación nunca ten en conta se son estreas ou premieres, mais, o feito de que un director de talle mundial esté interesado en que sexa durante o teu festival é motivo de honra. Finalmente, cómpre salientar a aportación que Enric Albero, programador de IBAFF, fixo acerca de que non todos os festivais teñen que ter de todo, quizais é precisamente o risco de deixar fóra opcións programáticas (sexa sección competitiva, sexan retrospectivas) as que confiran orixinalidade e un selo propio aos festivais, alén de cantas estreas hai ou cantos premios se outorgan. “Non é cuestión de ser grande en tamaño, senón ser grande doutra forma”, engadiu Andrea Franco.

Potamkin (Stephen Broomer, 2016)

Potamkin (Stephen Broomer, 2016)

Entre outros dos temas tratados no encontro falouse da necesidade de manter unha educación cinematográfica na cidade ao longo do ano que repercuta, posteriormente, na creación público para o festival. A este respecto, Andrea Franco sinalou a importancia de institucións coma o CGAI, no caso do (S8), ou o Cineclube Padre Feijoo, no caso do OUFF, á hora de xerar movemento arredor do cinema non comercial ao longo do ano. Un movemento que acaba por xerar unha cultura de festival, como explicaba Xosé Ramón Rivas sobre o que ocorre en Edimburgo, onde as diferentes citas arredor do Teatro, Artes Escénicas, etc. acaban por crear ese caldo de cultivo que propicia que o festival de cinema teña xa gañado o interese da cidade. No caso de Cine Ambulante, Meghan Monsou explicaba que o modelo é totalmente oposto, xa que non é o público o que vai ao festival, senón o festival o que percorre o país, México, procurando un público ao que achegarlle este cinema. Diferentes casos de ver ao público pero que coincidían na necesidade de comezar a inculcar esta cultura de festival xa desde as propias institucións educativas que, ás veces, son as máis opacas. Ángel Santos, director de Novos Cinemas, sinalou que en moitas ocasións os centros educativos só conciben estas actividades complementarias se están enfocadas cara un obxectivo concreto: obradoiros de cámara, de vídeo, etc., porén se é para ver cinema e expandir os coñecementos, a actividade parece absurda e lúdica en lugar de formativa.

Paralelo á conversa sobre como achegar ao público novo aos festivais xurdiron as voces de Alberto Lechuga, crítico de SoFilm, e Blanca Martínez, co-creadora de Visual404, falando de invertir ese paradigma: achegar ao festival ao público. Falouse alí dunha forma de programar que “chega tarde”, ancorada en fórmulas de revisión do que deu de si a produción do período transcurrido entre unha e outra edición do festival; como consecuencia, as novas expresións quedan fóra, agardando, no vindeiro ano, o seu oco e repetindo de novo este bucle de desactualización. Pola contra, tamén houbo quen apuntou que esta forma de programar non podía caer na trampa de escoller contidos que só teñen un formato novidoso ou un dispositivo orixinal: a calidade debe permanecer como o criterio principal, sexa nun ou noutro dispositivo.

O encontro, que se estendeu durante dúas horas no Café Torgal, rematou sen chegar a ningún punto en concreto agás un: todas as preguntas que se puxeron enriba da mesa, precisan ser faladas, debatidas e rebatidas. Cada festival ten, loxicamente, unhas circunstancias, unha liña programática e un público específico, mais isto non exclúe que se poida aprender da experiencia doutro. É precisamente, a existencia de espazos para o debate como este organizado polo Festival de Ourense, os que permiten que os festivais sigan a evolucionar e non que queden estancados nunha fórmula que, nalgúns casos, xa é caduca.

Comments are closed.