LAS PALMAS 2016

“Apostamos por la cultura” Así dicía o logo da televisión autonómica que aparecía antes da proxección das curtametraxes canarias a concurso. Alguén berra, risas na sala, burlas. A nova e prometedora xeración de cineastas canarios amosou as súas obras durante o primeiro fin de semana do festival. Dividido en dúas seccións, longa e curtametraxes, o foco canario permitiu que nos achegáramos ás pezas dos cineastas locais, un amplo abanico de obras moi ricas e interesantes tanto a nivel narrativo como pictórico. “Hai que aprobeitar este momento” dicía un dos directores na roda de prensa, “nunca houbo unha oferta tan boa, tanto a nivel de cantidade como de calidade”. Mais a falta de apoio por parte das institucións públicas canarias non o fai doado. Os realizadores amosaron o seu descontento e impotencia frente á pasividade da Televisión Pública Canaria, que non ofrece tan sequera a posibilidade de diálogo, non colaborando en absoluto coa difusión e promoción do traballo destes directores locais. É que o Festival de Las Palmas, que conta cunha liña moi clara, apostando por un cine independente e de difícil acceso, estivo marcado pola ausencia de medios tanto xerais coma locais que cubriran o evento. A escasa prensa que asistiu estaba conformada na súa maioría por blogs e sites online especializados.

O Festival ofrece unha ampla variedade de obras repartidas en diversas seccións. Ademais das Seccións Oficiais de curtamentraxes e longamentraxes, Panorama constátase como un apartado auxiliar e necesario en tanto que se centra no cine de autor contemporáneo, complementando aos filmes escollidos para competición. Panorama España adica as súas proxeccións ao cine realizado no país dun xeito paralelo á industria, ás creacións cinematográficas máis independentes e de máis difícil acceso. Banda Aparte é unha sección ligada ao Found Footage e ao ensaio cinematográfico, mentras que Neo-western se centra no renovado xénero do western que está a xurdir dende comezos de século, e Déjà vu recupera títulos clásicos da historia do cinema, cun especial homenaxe a Chantal Akerman este ano. Canarias Cinema consta tanto de longamentraxes coma de curtametraxes, e achéganos a un cinema cuxo orixe ou raíces se atopan nas islas, sexa a nivel narrativo ou a nivel de producción. La noche+freak está adicada a obras fantasmagóricas e imaxinarias, e Linterna Mágica amosa pezas de animación nacionais. Como novidade, este ano o Monopol Music Festival asóciase na súa terceira edición ao Festival Internacional de Cine de Las Palmas, complementando a programación do último con documentais musicais sobre artistas como Amy Winehouse, David Bowie ou Arcade Fire. Así, durante dez días os Cines Monopol, situados no centro de Las Palmas, abarcan un vasto repertorio do cinema de autor contemporáneo así como tamén de obras históricas fundamentais.

25181174089_f3d5ebc4a3_k

O Festival dou comezo no Teatro Perez Galdós cunha desventurada gala inaugural na que destacou Michel Camilo ao piano, así como tamén a proxección de Playing Lecuona, filme de apertura do Festival situado no apartado de Sesión Especial. Este é un filme documental no que se da tributo ao cubano Ernesto Lecuona, maestro do piano, artista de referencia para toda a música caribeña e afroamericana. Os músicos do Jazz Latino Chucho Valdés, Michel Camilo e Gonzalo Rubalcaba ríndenlle homenaxe a este pianista e compositor de máis de 800 obras. Playing Lecuona é un proxecto ambicioso en canto a localizacións, medios técnicos e número de artistas. A película foi filmada durante a grabación do disco Playing Lecuona, polo que existe un gran traballo de montaxe dadas as innumerables horas de música que chegaron a rexistrar, acadando o equilibrio perfecto entre cinema e música, cun marabilloso diálogo entre voz e piano.

Cinema Canario, reflexión sobre o vernáculo

A fin de semana comeza coa presentación do Canarias Cinema de mans de Miguel G. Morales y David Baute, realizadores das longametraxes Las Manos e Telesforo Bravo, respectivamente. Ambos documentais, teñen como núcleo dúas figuras indispensables para a historia canaria. Dunha banda, Las Manos está situada na illa de Lanzarote, e revisita a figura de César Manrique; pintor, escultor e arquitecto que perfilou o soño dun turismo e unha industria sostibles para a illa. A cinta conta a historia de tódalas persoas que levaron os soños de Manrique á práctica, do compromiso e o traballo en comunidade que definiu o porvir da illa de Lanzarote durante os anos 60. Doutra banda, Telesforo Bravo relata a historia do personaxe principal que da nome á obra, un naturalista e xeólogo orixinario de Tenerife. O filme trata de dar protagonismo a unha figura pouco valorada, unha persoa que abarcou tódolos campos da natureza, un apaixoado da xeoloxía e a vulcanoloxía que chegou a ser unha eminencia grazas aos seus estudos sobre xeoloxía canaria e descubrimentos sobre as augas subterráneas. Ambos directores manexaron gran cantidade de material para chegar a coñecer aos seus personaxes en profundidade e empregar a ferramenta do cinema como divulgación da historia. Outros filmes desta categoría foron Mar de Mármara, de Pedro García e Around Them, de Rubén Señor. A gran sorpresa, fortemente aplaudida despois da súa proxección, foi Evolution, da francesa Lucile Hadzihalilovic. Este filme de producción canaria, peza desconcertante e moi visual, amosa unha comunidade matriarcal na que a única presencia masculina é unha infantil, non desenvolta, afondando así no subconsciente masculino e as súas ansiedades sobre certos aspectos da anatomía que non son quen de controlar, propondo ademais un xiro radical en canto aos roles tradicionais de xénero. Mais o gañador do premio Richard Leacock á Mellor Longametraxe foi para Mauro Hercé, autor de Dead Slow Ahead, filme que amosa o conflicto entre o home e a máquina, onde os engranaxes e as maquinarias de aceiro engullen ao home a través unha viaxe sensitiva na que acompañamos ao director mentras filma as dinámicas do interior dun barco de carga.

Encontro con directores canarios

Encontro con directores canarios

No encontro cos directores canarios destacouse o potencial creativo desta nova xeración de grandes autores que ofrecen miradas persoais, da importancia dun momento que se pode definir coma o mellor da historia do Cinema Canario, mais que non é acompañado polas condicións necesarias en tanto que é olvidado polas institucións públicas, que carecen da sensibilidade necesaria e da vontade de colaborar e axudar. Existe ademais unha dificultade ao falar dun Cinema Canario xa que é algo demasiado categórico e difícil de definir. Si se pode dicir que estas son obras de autor moi singulares, pero olvidadas pola televisión e as institucións autonómicas que teñen a mirada posta noutro sitio, na industria do turismo. Curtamentraxes como Juana, de Miguel G. Morales e Silvia Navarro; El Barbero, de Francesa Phillips; Fiesta de Pijamas, de David Pantaleón ou Agujero, de Amaury Santana, amosan unha reflexión sobre o vernáculo, a deformación da tradición e o folclor canario, as consecuencias do franquismo nas illas ou un análise histórico da democracia. Ademais, sobre a definición de Cinema Canario e as circunstacias nas que este se atopa, cabe destacar o documental de Nacho Bello, Bregando Historias, que a través de entrevistas e confesións de diferentes realizadores e productores do panorama canario amosa a dificultade que supón o oficio do cinema en tempos de crise.

Kaili Blues, lirismo visual

A Sección Oficial deste ano ofrece unha diversa oferta que inclúe obras de cineastas cunha gran bagaxe tras de sí, e tamén filmes de realizadores máis xóvenes que loitan coa situación actual do cinema. Cinema industrial e cinema doméstico conflúen nesta 16º edición do Festival ofrecendo diferentes ópticas e narrativas. O arxentino Martín Solá inaugura a Sección con La Familia Chechena, un documental que nos achega á realidade da sociedade chechena. Segundo explicou o director, a obra pertence a unha triloxía, con dúas pezas máis grabadas en Palestina e no Tibet, aportando unha visión de tres lugares diferentes que están sendo ocupados por potencias máis fortes. Ao comezo do filme, mediante unha voz en off e posteriormente cunha conversa entre nai e fillo, o director preséntanos a dura realidade chechena que aínda sofre a invasión rusa e os vestixios dunha brutal guerra, unha sociedade profundamente musulmá na que o mundo do home e da muller están completamente separados. O enorme traballo de sonido neste filme apréciase nunha longa secuencia na que asistimos a un ritual no que homes danzan e rezan para acadar a liberación e unha calma absoluta, isto é, un mecanismo de abstracción, xa que como dicía un dos personaxes “o único que nos queda é rezar”. Trasladándonos a Polonia, a vida de diferentes cidadáns de Varsovia entrelázanse en tan só 11 minutos dando lugar a un desenlace fatal. 11 Minutes, de Jerzy Skolimowski conta cun traballo de edición excepcional. O filme presenta o píxel morto nunha pantalla de ordenador como metáfora evidente. Na última imaxe, na proliferación de miles de imaxes en pantallas que se multiplican, o punto negro persiste. Ese píxel morto é unha imperfección, o principio rector da vida, os caprichos do destino, a condenación, coincidencia e peculiaridae, o que nos fai vulnerables. Diferentes persoas e miles de incidentes que se entrecruzan, tensións, desexos, soidades, todas conectadas por compartir tempo e espazo. O píxel é o destino, o azar e a fatalidade. Entre outras, tamén cabe destacar Como funcionan casi todas las cosas, do arxentino Fernando Salem, que se atopa cerca do xénero do Road Movie e se centra na xoven Celina, perdida e sen rumbo. Unha travesía vital que cruza o deserto e que nos achega a este personaxe feminino, que ás veces non remata de funcionar, mais cunha extrema sensibilidade. Un filme existencial coma o libro que a protagonista tenta vender porta por porta, e como as respostas que os personaxes dan a cámara sobre o senso da vida, a felicidade ou o amor. Por último, filme esencial e gañador do premio Lady Harimaguada de Oro; Kaili Blues, do realizador chino Bi Gan, no que sobresae o xogo co tempo e o uso dun interminable plano secuencia de desbordante lirismo que nos guía a través de personaxes e paisaxes. A narración combina diferentes planos temporais e desplázase continuamente entre pasado, presente e futuro. O filme é unha meditación poética sobre o tempo, a pérdida e o arrepentimento, unha experiencia visual a través do tempo e o espazo, unha fusión de tempo e espazo no que o plano secuencia se convirte nunha ferramenta necesaria á hora de explorar en profundidade a vida rural chinesa.

Kaili Blues, de Bi Gan, ganadora de la Sección Oficial a concurso

Kaili Blues, de Bi Gan, ganadora da Sección Oficial a concurso

Seccións paralelas

Doutra banda as seccións Panorama e Panorama España achégannos a títulos indispensables como Visita ou Memórias e Confissões de Manoel de Oliveira, o filme que o autor non quería proxectar ata despois de morrer, un percorrido mediante travellings pola casa onde o realizador portugués habitou durante 40 anos, ou o insólito experimento cinematográfico de Guerín, La Academia de las musas, no que os personaxes reflexionan sobre o amor e a palabra. E falando de musas, Afternoon, de Tsai Ming-liang, filme no que o director presenta unha íntima conversa co seu muso, o actor Lee Kang-sheng. Cabe destacar ademais o magnífico melodrama do chinés Jia Zhang Ke, Mountains May Depart e a surrealista Cosmos, do polaco Andrzej Zulawski, onde a noción de narración é desafiada, onde non existe unha trama lineal, mais onde atopamos algo que nos engancha no xeito no que os actores din cousas que carecen de senso algún.

Ademais, esta edición do Festival foi unha edición de homenaxes. A Chantal Akerman, coa proxección de tres títulos, Je, tu, il elle; Jeanne Dielman, 23, Commerce Quay, 1080, Brussels e No home Movie. Nome indispensable na historia do cinema, Akerman destaca polo seu tratamento do feminino, que dun xeito radical e experimental describe a condición da muller rompendo coa narración lineal e a elipse temporal, oscilando entre a ficción, o documental e o ensaio mentras experimenta co tempo real. Doutra banda unha homenaxe a Richard Leacock, pai dos documentalistas para moitos e precursor do Cinéma vérité, que da nome a un dos premios do Festival. Achegámonos á súa figura a través de Jane Weiner, presidenta do xurado deste ano e alumna de Leacock, que presenta dous filmes; Ricky on Leacock e A Camera that goes anywhere. Ambos retratan a traxectoria de pioneiros do documental como Robert Drew, Jean Rouch ou Albert Maysles, que consiguen que a súa observación non interfira no que acontece no exterior, de xeito que a filmación sexa un rexistro fiel dos feitos, creando así un novo xeito de facer cine.

Deste xeito, ao longo de 10 días o Festival de Cine de Las Palmas de Gran Canaria ofrece unha ampla gama de cores e estilos moi distintos que aposta polos directores locais e nos permite tamén redescubrir novos artistas, xoias escondidas ou pezas xa olvidadas do cine de autor contemporáneo.

Comments are closed.