FESTIVAL INTERNACIONAL DE CINE DE XIXÓN 2018: SECCIÓN OFICIAL

46706048_2123003171084851_1785114895004467200_n

Acaba de finalizar a segunda edición do Festival Internacional de Cinema de Xixón con Alejandro Díaz Castaño e Tito Rodríguez á súa fronte, e queda patente o traballo pola consolidación deste novo proxecto que propón configurar un escenario que aúne cinema de autor e cinema de vangarda, con propostas máis populares (non por iso de menor calidade), de maneira que o festival ofreza opcións a diferentes públicos e sensibilidades. Dentro da idea desta heteroxénea mirada atópanse na Sección Oficial películas moi diferentes, filmes cuxas gramáticas e formas de entender o propio medio opóñense grandemente. Así, conviviron na máxima competición do festival os novos traballos de cineastas tan reputados como Hong Sang- soo, cintas que veñen de gañar premios en festivais internacionais como Cannes ou Berlín, xunto con obras máis fráxiles que tiveron en Xixón a súa estrea mundial.

Unha destas propostas é Zaniki, de Gabriel Velázquez (quen levou unha Mención especial do Xurado no FICX 49 de 2011 por Iceberg), película de ficción cunha transparente base documental. Nela amósasenos como Eusebio, avó de Zaniki, un home imbricado na tradición salamantina, desexa transmitir ao seu neto o capital de sabedoría popular nun contexto de modernización e desaparición de antigas formas de sabedoría. Aínda que o substrato etnográfico, especialmente o musical, ten gran interese e podemos percibir a paixón tanto de Eusebio como de Velázquez pola súa supervivencia, a película non acaba de funcionar cinematograficamente. Entre os elementos máis conflitivos atópase a forma de entender a cultura popular como folk, algo apartado da cultura viva do país; o feito de recorrer a unha identificación romántica do territorio coa identidade a través das paisaxes fotografiadas como fermosas postais ou a idea de como transmitir a tradición ao neto, tendo que pasar varias noites na montaña para conectar co seu pasado, así como o feito de que non inclúa nisto á neta, cuxa aparición no filme é escasa, así como a do resto de personaxes femininos, cuxa función parece servir ao heroe na súa batalla, xa sexa cociñando ou calcetando.

Zaniki (Gabriel Velázquez, 2018)

Zaniki (Gabriel Velázquez, 2018)

Sendo tamén unha obra moi fráxil por ser realizada na súa totalidade polo seu autor, Abbas Fahdel, Yara, ofrece tamén unha mirada sobre a tradición desde outro punto de vista. Nesta obra, Yara (interpretada por Michelle Wehbe), vive o seu espertar erótico nunha pequena aldea dos vales do Líbano. É precisamente este tema o que xera o contraste e a tensión entre o desexo de futuro dos protagonistas e a ideoloxía tradicionalista, pechada e machista. Sen escapar do deleite das paisaxes, o interese do cineasta por rexistrar todos os animais que interactúan cos personaxes, ou a visión bucólica da vida aparentemente tranquila dos paisanos, Yara permite unha crítica a un sistema de valores obsoleto grazas á tensión entre os protagonistas: o novo mozo de Yara, Elias (Elias Freifer) desexa emigrar a Australia crendo que fóra haberá un futuro mellor, mentres que ela non concibe a súa vida lonxe do val, aínda que ese contexto a asfixie polo feito de ser muller, tendo que mentir aos veciños acerca da súa relación ou sendo reprochada por parte dun mozo amigo da familia. Este, erixíndose como o seu irmán maior, insúltaa por saír da ducha só coa toalla unha tarde de verán nunha aldea semiabandonada, evidenciando que nese val ata os mozos arrastran as visións machistas do pasado. Yara continúa a estética que Fahdel propuxo xa no seu anterior e contundente Homeland (Iraq Year Zero), investigando esta vez desde estratexias da ficción o achegamento aos personaxes.

No referente ao traballo cos actores paréceme destacable Tarde para morir joven, de Dominga Sotomayor, obra pola que a cineasta gañou o Premio a Mellor Dirección en Locarno, premio que repite nesta edición do FICX (compartido ex aequo con Radu Jude por I Do Not Care if We Go Down in History as Barbarians) e ao que se lle suma o de Mellor Dirección de Fotografía para Inti Briones. Nesta nova película, a autora de De jueves a domingo bota man de persoas sen experiencia previa na actuación para falar de transicións sociais e persoais, espertares sexuais, relacións sociais de adultos, adolescentes e nenos, así como ordenamentos comunitarios nunha sociedade autoxestionada, afastada da cidade en Chile. Brillante está Demian Hernández no papel de Sofía, a quen a cámara esculpe cargada de erotismo, desexada por varios e descubrindo a súa propia identidade, e a quen, en perfecta harmonía con Briones, regálanos unha escena marabillosamente fotografada na que, soa na súa habitación de noite, iluminada por velas, ensaia ao acordeón. Esta película afirma a Sotomayor como unha das cineastas máis interesantes do panorama internacional, con voz e miradas propias.

Teret (The Loade) ten lugar en 1999, no medio da limpeza étnica e dos bombardeos da OTAN sobre Serbia. Nela, Ognjen Glavonić, autor da máis que interesante Depth Two, narra un traxecto de Vlada (Leon Lučev), un camioneiro que porta, sen sabelo, cadáveres de Kosovo a Belgrado para ser soterrados en fosas comúns. Tinguido dun ton ocre, en alusión á terra que sepulta os corpos e os feitos, dos que ninguén quere falar no seu país e que incomodan por igual a todos os responsables políticos, o autor quixo darlle ao filme unha estrutura de árbore, cuxas raíces ocúltanse xunto aos segredos e á vergoña nacional. Cun tronco que é a historia central de Vlada e unhas ramas que parten del, xeralmente con personaxes novos ou con movementos de cámara que van cara ao ceo, Teret amósase como un filme de correcta a súa factura, inserta nunha corrente da contemporaneidade que propón ritmos lentos, substracción de narrativa ata o mínimo posible e parquedade e contención na actuación, na cal destaca o seu protagonista.

The Favourite (Yorgos Lanthimos, 2018)

The Favourite (Yorgos Lanthimos, 2018)

Tamén participando de certas formas da contemporaneidad atópase The Favourite, de Yorgos Lanthimos. O acerto do filme é narrar unha historia palaciega, ambientada na corte inglesa da Raíña Ana Estuardo (s.XVIII), sen caer nas típicas historias de novas princesas parvas e pomposas, propoñendo no seu lugar unha pugna de poder e sexo entre mulleres. Lanthimos arrisca aquí cuns grandes angulares que deforman a imaxe sen demasiado sentido, caendo por momentos nun esteticismo banal. Este novo traballo do cineasta grego conta coas estrelas mainstream Emma Stone, Rachel Weisz e Olivia Colman, que levou o Premio a Mellor Actriz. Sorprende este premio, habendo outras cintas con protagonistas femininas destacables, como a xa citada Tarde para morir joven ou Alice T., de Radu Muntean, pola cal o seu protagonista, Andra Guti, gañou o Leopardo a Mellor Actriz en Locarno. O filme de Muntean, inscrito na coñecida como Nova Onda Romanesa narra a historia dunha moza adolescente urbana que un día descobre que está embarazada. Conforme avanza a película podemos entender que a rebeldía e inadaptación da nena débense á mala educación dos seus pais e o clima de violencia no que foi criada. A relación coa súa nai cambia no momento no que esta asume que a súa filla ten a determinación de ser nai, xa que parece que a trata con maior respecto, con certa complicidade mesmo, ao que a nena responde positivamente. En xeral, trátase dunha obra aceptable cuxo peso recae totalmente nos dous personaxes principais, interpretados pola citada Andra Guti e Mihaela Sirbu.

Deixo para o final desta crónica as dúas películas asinadas por Hong Sang- soo: Grass, fóra de competición e Hotel by the River. A primeira, estreada en Berlín, narra a historia dunha moza que pasa as horas nunha cafetería escribindo unha novela no seu portátil. Xunto a ela sucédense unha serie de conversacións entre persoas das mesas de arredor. Cando parece que esas conversacións son froito da imaxinación da escritora, algúns personaxes interactúan con ela, facéndonos dubidar. Sang- soo vai tramando unha trenza de ficción e realidade e constrúe unha obra complexa en canto ás capas de realidade que manexa, deixando claro que goza xogando co espectador e a súa capacidade para seguir a pelota do trileiro.

Hotel by the river (Hong Sang-soo, 2018)

Hotel by the river (Hong Sang-soo, 2018)

Hotel by the River, estreada en Locarno, onde levou o Leopardo de Ouro pola interpretación de Ki Joobong, gañou o Premio Principado de Asturias a Mellor Película, o Premio AISGE a Mellor Actor para Ki Joobong e o Premio ao Mellor Guion, resultando ser a gran vencedora desta edición. Na súa xustificación, o Xurado concluíu o seguinte: “Por confirmar unha vez máis a extraordinaria e prolífica creatividade dun dos grandes autores contemporáneos, que segue demostrando que os temas máis profundos poden abordarse sen imposturas nin gravidades. Hotel by the River é unha (outra) película de Hong en estado de graza”. Esta obra, unha das máis tráxicas do cineasta surcoreano, está ambientada nun hotel ao bordo dun río durante un inverno nevoso. Alí crúzanse dúas historias: a dun poeta maior (Ki Joobong) que se reencontra cos seus fillos, xa adultos, e a dunha moza nova (Kim Min- hee) que sofre o desamor acompañada dunha amiga. O espazo acota a acción e permite que as historias orbiten arredor del. Como dicía, é unha das obras máis tráxicas de Sang- soo, a pesar de ser unha obra contida nas emocións, tanto para a risa como a tristeza. Incluso o momento tráxico final está filmado cunha parquedade absoluta, escollendo o fóra de campo para o momento máis paixonal do filme. A pesar diso, a beleza ten cabida no filme, especialmente na preciosa fotografía das dúas mozas na beira do río, con toda a ribeira nevada, nunha visión da nada branca e do río. É nese momento no que o protagonista as ve e achégase para celebrar a súa beleza. El, observando desde o hotel o río que pasa, como pasa a vida, e a beleza que existe.

Comments are closed.