FESTIVAL SCOPE: O FUTURO DA PROGRAMACIÓN?

Dentro da Panorámica deste número sobre as liñas que están a marcar a distribución e a exhibición de cinema en España, pensamos que era interesante preguntar a algúns programadores próximos que opinan dunha plataforma como Festival Scope. Esta ferramenta permite a profesionais do sector acceder a películas que están a circular por festivais, sen que necesariamente puidesen velas nas mostras fisicamente. Das declaracións solicitadas, despréndese que a páxina web é un bo complemento para o modelo de programación tradicional, podendo revisionar filmes, descubrir algúns que se escaparon na visita a un festival, ou acceder a outros eventos aos que non se puido acudir. Algúns festivais pequenos parecen apreciar máis a plataforma, xa que por cuestións económicas, seríalles imposible acceder a moitos dos títulos que seleccionan. O impacto na distribución, polo menos en España, parece baixo. Aquí as declaracións:

Josetxo Cerdán, exdirector artístico de Punto de Vista:

Eu utilizo Festival Scope moito menos do que pensaba que o faría cando apareceu. Dito isto, tamén diría que o feito de que exista xérame tranquilidade, é como cando antes coleccionaba DVDs que non tiña tempo para ver: simplemente sabía que estaban alí. Tamén é certo que a plataforma ten algunhas limitacións que non axudan a facer os visionados máis amigables e iso, dalgún modo, acaba sendo disuasorio.

Sara García, directora artística de Play-Doc:

Festival Scope pode ser unha ferramenta fantástica, especialmente para festivais coma o noso, onde o orzamento que manexamos non nos permite viaxar a outros festivais tanto como deberiamos ou nos gustaría -esa sería a situación ideal-. Si que lle dou bastante uso, aínda que quizais podería sacarlle aínda máis partido; a pesar de todo as películas sígoas descubrindo principalmente nos festivais.

As vantaxes son obvias: ter acceso a unha boa parte do que programan outros festivais en todo o mundo, o que supón poder visionar unha grandísima cantidade e variedade de obras.

Inconvenientes non lle vexo ningún, quero dicir, o único inconveniente é que Festival Scope non é un festival. Non é máis que unha plataforma de visionado online, e como plataforma de visionado online funciona á perfección.

Pero seguirá sendo esencial acudir a festivais, non só porque a experiencia de ver cinema nun festival é moi diferente, senón porque segue sendo necesario o contacto directo cos realizadores, cos profesionais, e co público.

José Luis Losa, director de Cineuropa:

Eu si utilizo Festival Scope. Entendo que é tremendamente útil, pero xa non para os festivais aos que non vas, senón mesmo a algún dos que vas e atopas aí oportunidade de recuperar películas ás que non chegaches. O caso máis recente, Cannes, onde películas que non puiden abarcar durante o festival, recuperei en Festival Scope.

No caso de Cineuropa, programamos de maneira primordial en función do que vemos nos festivais. Pero hai casos concretos, películas que non han ir a ningún festival ou mercado, ás que si teño acceso por Festival Scope.

Creo que as vantaxes son evidentes. En ningún caso son un substitutivo do instrumento de programación básico, que para min é o visionado en sala e en festivais ou mercados. Pero en casos puntuais, é un complemento excepcional.

O único inconveniente é o de festivais pequenos ou con produción maioritariamente independente, que acaban subidos case na súa integridade en Festival Scope á semana seguinte ao seu termo. E iso pode acabar por facerlles dano.

Jaime Pena, programador do CGAI:

Eu utilízoo moito e de forma sistemática, fundamentalmente con aqueles festivais aos que non asistín (Berlín, Locarno) ou para completar os que son inabordables fisicamente (Róterdam). Para min é unha ferramenta fantástica e irrenunciable. Está moi ben tamén a Screening Room de Cinando, pera para isto xa tes que pagar outro tipo de tarifas. Quero pensar que se trata dun salto cualitativo que non ten volta atrás. Recordo que cando saíu FS certos comentarios falaban de que a xente deixaría de ir aos festivais e quedaría nas súas casas… Bueno, creo que ninguén deixa de asistir a un festival polo feito de existir FS ou Cinando, aínda que si che permiten tomarte en ocasións os festivais con máis calma, sobre todo cando sabes que existe un colchón que che vai a permitir ver aquilo que non puideches ver no transcurso do festival. Se puidese, asistiría a Berlín e Locarno e non por iso deixaría de ter utilidade FS.

Tim Redford, director de Curtocircuíto:

As viaxes a festivais diminuíron nos 2 últimos anos, así que uso a miúdo as plataformas online para visionar. Festival Scope é unha, pero visiono case todo na plataforma online do Festival International du Court Métrage de Clermont Ferrand. Teño acceso a miles de curtas internacionais e a de Canal + Francia, para quen traballo tamén agora. Como sempre, os festivais teñen a vantaxe de ofrecer unha programación xa filtrada, cousa que algunhas plataformas non poden proporcionar. Outra cousa, en festivais podes atopar a outros programadores e froito desas charlas xorden realmente o que buscas para o teu festival. O mundo da curtametraxe é pequeno e todos sabemos máis ou menos que obras poden interesar a tal ou tal festival.

Moitas distribuidoras ou axencias de curtametraxes teñen plataformas, con acceso restrinxido a profesionais, cos seus catálogos onde se poden visionar as curtas. Por exemplo Marvin & Wayne ou Some Like it Short en España, Autour de Minuit e Premium Films en Francia ou a Finnish Film Foundation en Finlandia, entre moitas outras.

Jaume Ripoll, director editorial de Filmin:

Festival Scope é unha ferramenta de gran utilidade para quen adquirimos títulos ou coordinamos festivais. Festival Scope serve para completar o visionado das seccións paralelas dos grandes festivais e pequenas xoias de festivais non tan grandes. Mellor deseñado que Cinando, máis práctico que coleccionar screeners na maleta de sempre.

Diego Rodríguez, director de Márgenes:

Na miña opinión Scope segue marcando a diferenza porque as películas que están no seu catálogo non se estrearon comercialmente.

Paréceme moi cómodo, sobre todo para pequenas empresas, porque permite ter acceso a películas que non se estrearon e a outras que probablemente nunca chegarán ao noso país. Imaxino que para un distribuidor é importante acudir fisicamente ao festival ou mercado porque teñen que comprar películas e pechar acordos e por isto non creo que substitúa os festivais, pero para nós, que non compramos películas, pode ser moi útil para facernos unha idea das últimas tendencias a nivel internacional nos nosos comisariados.

Ángel Rueda, director da (S8) Mostra de Cinema Periférico:

A aparición da plataforma Festival Scope fai uns poucos anos, supuxo unha revolución na relación que mantemos os programadores cos propios festivais.

Para min é unha ferramenta imprescindible que visito todos os días, achegándome á programación de calquera Festival internacional, como FID Marsella, Locarno ou Berlín e a un só clic de rato. Cousa impensable anteriormente, xa que só uns poucos podían acceder presencialmente a estas importantes citas.

Creo que dalgunha maneira Festival Scope democratizou o sector, permitíndonos ter unha visión global do cinema que está por vir.

Comments are closed.