Crónica 24 de novembro

Esta mañá, unha entrevista a unha hora mala fíxome perder as sesións de antes da comida. Porén, non podo dicir que non gozara co tolo de Michael Glawogger contándome, entre risas nerviosas, as súas peculiares travesías transnacionais. Se engadimos que Faust e Walk Away Renée son dous peliculóns, podemos falar doutro aproveitado día neste FIC Xixón, que conta nesta edición cunha programación a aplaudir.

A adaptación da celebre novela de Goethe por Alexandr Sokúrov é un dos filmes máis ricos do certame a nivel visual. Menos fantástico que o clásico silente de F.W. Murnau, ten os seus referentes fotográficos directos no impresionismo pictórico francés e nos románticos teutóns, con Friedrich á cabeza. Non desdeña tampouco establecer unha relación na posta en escena, un tanto teatralizada nas interpretacións, co cinema mudo alemán, recuperando con valentía o formato cadrado 4:3, e aplicando lixeiras distorsións no enfoque, que remiten ao ‘flou’ das primeiras cámaras fotográficas.

A secuencia final de entrada ao inferno é unha das experiencias esteticamente máis impactantes vistas en tempo, con resonancias ao mellor Andrei Tarkovski nos diálogos e motivos visuais.

Pola súa banda, Jonathan Caouette volve aos terreos de Tarnation, repetindo case argumento, pero uns anos máis tarde, e con novo material familiar acumulado. A atención céntrase desta volta nunha viaxe que realiza en camión coa nai ata Nova York, para tela máis preto da casa e poder controlar así mellor o seu tratamento psiquiátrico.

O grao de intimidade que alcanza esta película é máis que notable, e supón en si mesmo un enorme acto de xenerosidade por parte do seu director, que rescata outra vez vellas cintas en súper8, vídeo VHS ou Hi8, ata chegar ao HD. Xa neste aspecto, a cinta realiza un compendio notable de todos estes formatos domésticos, xogando coas súas texturas para compoñer toda clase de pasaxes polas que transita sen medo, introducindo mesmo curtas abstractas dentro da narración. Realmente, Caouette fai o que lle dá a gana na montaxe, entregando ao espectador un filme trepidante, honesto, íntimo, experimental, documental, marabilloso. A carta de amor máis bonita que se lle pode escribir a unha nai.

Mais isto vaise rematando. Mañá colgaremos a última crónica diaria deste ano e, o sábado, contarémosvos cal é o palmarés. A estas alturas da partida, xa comezan a soar algúns favoritos. As francesas La guerre est déclarée e Un amour de jeunesse cítanse moito para o premio gordo e, aínda que os tambores apocalípticos de Take Shelter parecen soar xa con pouca forza dende que inaugurara o festival hai unha semana, non se descarta que poidan resucitar a última hora.

El estudiante está en todas as quinielas, e de feito non sería ningún delito outorgarlle un premio ao seu medido guión. Un servidor preferiría galardoar a valente aposta de Elisabeth Perceval en Low Life, mais semella que unha grande parte da crítica española non lle ve calidades suficientes -xa se sabe que os xurados son unha raza aparte, confiemos niso-. Ou radical, ou burguesa, ou ‘naïf’, son os comentarios que se escoitan. O mesmo se dixera de La question humaine en 2007, e hoxe está considerado un filme de culto. Tempo ao tempo.

Comments are closed.