FID MARSEILLE 2014: MIS EN SCÈNE

Este artigo é a continuación doutra crónica que publicamos hai uns días, separada debido á súa extensión, e que podes consultar aquí.

ce qu'il reste de la folie

OBSERVAR: O TRAZO DA CÁMARA

As institucións psiquiátricas son un obxecto de estudo común na historia do cinema. Aí temos as totémicas Titicut Follies (Frederick Wiseman, 1967) ou San Clemente (Raymond Depardon & Sophie Ristelhueber, 1982) que, aínda a día de hoxe, semellan marcar dende discursos distintos mais complementarios, boa parte do documental contemporáneo. Ce qu’il reste de la folie (Joris Lachaise, 2014), a grande vencedora da competición gala, é un bo exemplo de depardonismo. Lachaise revélase como un bo camarógrafo, capaz de procurar sempre ángulos significativos e metafóricos sen estorbar á narración. Amais desta virtude, o filme ten un valor patrimonial e ofrece unhas cantas reflexións sobre as pegadas do colonialismo francés. Ambientada nun manicomio de Dakar, a película mostra pacientes falando dunha “verdadeira Franciáfrica entre os pobos”, cando non explican literalmente: “Deus abriu a caveira aos brancos, meteulles todo o coñecemento e despois pechouna; fíxoos descender aquí”. Sobra dicir que son pacientes máis negros que o carbón.

De cuestións ideolóxicas entende tamén Marie Voignier en Tourisme international (2014). Proposta xa plenamente observacional, achega como novidade que borra os diálogos das persoas filmadas. Quen son? Guías da República Popular Democrática de Corea – a do norte, para entendermos – que mostran aos turistas o país. A historia que mostran, as fazañas do réxime, son a voz do Estado, non a propia, e difiren moito da que se conta fóra do país asiático. O espectador asiste a lugares tan demenciais coma o Museo das Atrocidades Americanas ou á rodaxe dun melodrama no contexto dunha central hidroeléctrica, filmado en 16 mm e dobrado con posterioridade! A proposta é interesante, sen dúbida, mais Tourisme international móstrase demasiado pendente do seu dispositivo como para permitirse respirar un pouco e contar a historia dese país tan marciano que é Corea do Norte cun pouco máis de honestidade. É un filme puramente cartesiano, cunha intencionalidade política previa á filmación, o que non fala ben da obxectividade de Voignier á hora de valorar o réxime comunista. Preguntas que non creo que se faga nin que lle interesen, o seu é meter o dedo no ollo, e non imos ir nunca en contra diso, claro, que sempre é divertido.

Divertida intenta ser Ming of Harlem: Twenty One Storyes in the End (Phillip Warnell, 2014). Non o ten difícil, tendo en conta que conta a historia dun home que convivía cun tigre e un caimán na súa propia casa. O crocodilo mesmo tiña cuarto propio, mira ti. Ante a imposibilidade de filmar isto in situ – o dono do apartamento, Antoine Yates, foi detido, e retiráronlle a custodia dos animais, claro – Warnell reconstrúe o apartamento en estudo e mete aos dous especímenes a pasar aí o tempo, para comprobar como se comportan. Os documentais de National Geographic da tarde de La2 son máis trepidantes. O filme consiste, logo dunha contextualización do caso con material de arquivo e entrevistas a Yates, nunha hora dun tigre camiñando por un pasillo, que mexa de cando en vez aquí e aló. Hai un nó de trama importante cando o caimán decide mover unha pata.

Ironías aparte, e antes de pasar a outra cousa, hai aínda unha sesión dobre interesante neste terreo observacional. Trátase da composta por Sarah (K.) (Christophe Bisson, 2014) e Those Who Go Those Who Stay (Ruth Beckermann, 2013). A primeira filma os debuxos de Sarah Kaufman, seguindo cada liña do seu trazo. A cámara achégase o máximo posible, e imita os movementos cos que ela debeu compor eses bosquexos. A lente deslízase tal pluma polos bordes e surcos destes retratos e quen os sostén. Bisson atopou un xeito de filmar adecuado ao obxecto filmado, tamén fuxidío, non pechado. Pola súa banda, Beckermann remítese a pensadores como Derrida para criticar o sistema social imperante, nun filme que liga o Holocausto á emigración en Europa. Película de enormes pretensións, que se entenderá mellor se un controla os referentes políticos e filosóficos, resulta tan críptica como estimulante.

hillbrow

TODOS PODEMOS SER ACTORES

Unha última tendencia esencial para nós, das moitas que se poden advertir na extensa programación, é o interese crecente de certos cineastas por converter a familiares e amigos do seu entorno nos protagonistas das súas ficcións, rodadas tamén en ambientes familiares – os propios apartamentos dos cineastas – ou nas rúas e espazos da súa vida cotiá.

A película máis representativa desta tendencia foi a brasileira Ela Volta na Quinta (André Novais Oliveira, 2014). Na estela de Nicolás Pereda, Novais toma a dous tíos seus para contar a descomposición dunha parella madura. O seu círculo familiar máis próximo – o propio director interpreta a un dos fillos, e un curmán seu a outro, as mozas son amigas… – asiste á ruptura con impotencia e sen saber moi ben o que está a acontecer. Hai moito momento morto, diálogos claramente realistas, conversas cotiás… Todo o contrario aos xiros narrativos de Hollywood. É un cinema de ficción que imita a realidade. Unha ficción, doutra banda, na que actores non profesionais están case a interpretarse a si mesmos, en alter egos nos que apenas muda o nome.

Máis esteticista, con pretensións de corte felliniano, mesmo se o estilo é máis minimal, é como se mostra Before We Go (Jorge León, 2014). Reflexión sobre a importancia da arte para combater a morte – ou aceptala, cada un que decida – mostra a un conxunto de personaxes enfermos, practicantes de distintas disciplinas artísticas. A Ópera de la Monnaie de Bruxelas é o limbo entre un mundo e outro, un espazo de ficción construído por León para os seus propósitos; unha localización metafórica que se filma como é, con artistas que o son, mesmo se aquí adquiren un compoñente interpretativo extra.

Estas dúas foron propostas moi aplaudidas, supoño que por transitar por novas sendas para a non ficción. Porén, houbo outro filme que a min me resultou ben máis estimulante: Hillbrow (Nicolas Boone, 2014). Entre o Ben Russell de Let Each One Go Where He May (2009) e o Michael Glawogger de Megacities (1998), este é o retrato dun barrio de Johannesburgo a través dun conxunto de planos-secuencia, milimetricamente planificados. Cada un deles funciona case coma un micro-film de misterio, un thriller que non sabes por onde poderá explotar e que mantén a atención do espectador. É documental, si, pero cunha coidade posta en escena e un poso ficcional. É tamén xénero negro, un aroma presente en toda a película mediante certas conexións puntuais entre planos. Semella que os habitantes deste barrio estivesen atados á violencia, á lei do máis forte. Ao final, na última secuencia, un destes guerreiros do barrio fica só nun inmenso estadio, rifle en man. Podería tacharse á proposta de difusa ou plenamente esteticista, pero esta secuencia redondea, dun xeito moi metafórico, as intencións.

Todas estas tendencias foron advertidas na competición, mais tamén en parte nas Écrans parallèles. Cómpre recordar que este ano houbo catro programas paralelos centrados na figura da escritora e cineasta Marguerite Duras. Un dos elementos identitarios do FID Marseille é precisamente o de ligar as paralelas á obra dun gran cineasta – Pasolini na pasada edición – expandindo os contextos do seu cinema a películas contemporáneas. Amais deste frutífero diálogo, son tamén precisas unhas palabras para o programa El futuro de Gonzalo de Pedro. Con filmes como VidaExtra (Ramiro Ledo, 2013), El futuro (Luis López Carrasco, 2013) ou Stella Cadente (Lluís Miñarro, 2013), dos que xa temos falado polo miúdo na revista, de Pedro logrou compoñer un estimulante panorama do cinema español máis político. O da protesta, ese que advirte e demanda un cambio neste Segunda Transición da que tanto se fala, e que algúns queren liquidar “vite fait”, como dirían os franceses, para termos á espera outros 40 anos. O noso é o pensamento meditado a lume lento, e a acción para defender e recuperar os espazos onde podemos levalo a cabo cando sexa preciso. “En todas partes cuecen habas”, e senón que llelo digan aos “intermittents de la culture”, que precisamente irromperon no debate con Jorge León para increpar á ministra de Cultura Aurélie Filippetti a súa presenza na sala. Unha plataforma creada polo colectivo está a prohibir a entrada en espectáculos a todo membro do goberno de Hollande mentres non senten a falar con eles as reformas efectuadas no sector dende o 1 de xullo, criticadas pola maioría dos traballadores culturais por consideralas regresivas1. O FID Marseille, na súa escolla tan política da selección, é tamén un espazo de resistencia. Alí volveremos o ano que vén, se aguantamos os golpes da incultura. Sempre queda volver erguerse, non desesperedes. Iso, nunca.

Momento no que os 'intermittents' irrompen no debate de Before We Go. A ministra de Cultura intenta explicar as virtudes das súas medidas, micro en man.

Momento no que os ‘intermittents’ irrompen no debate de Before We Go. A ministra de Cultura intenta explicar as virtudes das súas medidas, micro en man.

___________

1Para informarse mellor sobre este tema, e contar con outra perspectiva máis neoliberal, lean por favor o referencial El Economista para ver como afectou isto ao Festival de Avignon de Teatro polas mesmas datas: http://www.eleconomista.es/interstitial/volver/50023286782/cultura/noticias/5916609/07/14/Una-huelga-impide-el-estreno-del-Festival-de-Avignon.html#.Kku81PuwAEGdvEj

Share SHARE

Comments

comments

Deixa o teu comentario