FOCO BRUCE ELDER: CINEASTAS ILUMINADOS

Antes de comezar a clase maxistral que impartiría uns minutos despois, Bruce Elder cruza o corredor de Numax a unha velocidade inusitada. Francisco Algarín, responsable do ciclo itinerante que levou ao director a varias cidades do Estado, xa o avisara: Elder é un cineastas dunha enerxía inesgotable ao que lle costou seguir durante os días de rodaxe que pasaron xuntos en Andalucía. Unha enerxía que tamén lle levou a percorrer múltiples disciplinas artísticas, sexa o cinema (vocación tardía, como sinalaría durante as sesións), a poesía (a súa vocación orixinal), ou a composición musical, así coma embarcarse na creación deste fito da perseverancia que son as 40 horas de The Book of All the Dead (1972–1992), a súa obra máis emblemática ata a data.

Porén, nesta enerxía creativa constante, manifestada nunha obra case inabarcable, reside unha das súas desvantaxes. Elder foi tradicionlamente un cineasta pouco coñecido incluso nos círculos de vangarda e pese ás louvanzas de popes coma Mekas, que adxectivouno coma “o máis importante cineasta norteamericano de vangarda xurdido durante os anos oitenta”, ou Brakhage, que dixo que se sentía “máis próximo a Elder que a calquera outro cineasta vivo”. Unha parte da súa obra atópase aínda sen proxectar incluso na súa Canadá natal; neste contexto, cobra un especial sentido a iniciativa de Lumière, Numax e Stephen Broomer, o restaurador da súa obra, buscando aportar luz sobre un cineasta inxustamente apeado da historia oficial do cinema de vangarda.

Un foco que nos deixa unha mostra representativa do seu cinema, o mesmo que pola súa extensión e riqueza temática imposibilita, en palabras de Martin S. Watson, “realizar calquera declaración xeral”, pero que si nos permite trazar tentativas de guía, hipotéticos itinerarios a través da extensa creación elderiana.

Itinerario 1

Corpos espidos: Sweet Love Remembered (1980) // Corpos en movemento: Look! We have come through! (1978) // Corpos ausentes: She Is Away (1976)

Sweet Love Remembered (Bruce Elder, 1980)

Sweet Love Remembered (Bruce Elder, 1980)

Existe unha idea de substración, case de desaparición, presente na obra de Elder. O propio autor explicítao citando a Freud (“Eros nunca foi máis claro no seu desexo de facer do dous, un) e en esa idea de convertir a multiplicidade en unidade reside boa parte da forza da súa obra, incluíndo a curtametraxe Sweet Love Remembered. Nel dous corpos femeninos xacen, transformados en unidade por un sostenido momento de paixón ao que a mirada do director parece ofrecer unha melancólica resistencia. Un Elder que encarna así á perfección, como exemplo de narrador/namorado, a tensión fronte ao cambio presente no soneto de Shakespeare que titula a curtametraxe: For thy sweet love remembered such wealth brings / That then I scorn to change my state with kings”. Vendo o resultado final, e tamén a simbiótica unidade creada entre imaxe e banda sonora, composta para a ocasión por Elder, resulta estraño que Sweet Love Remembered, como sinalaba Francisco Algarín, non comparta lugar de honra na memoria cinéfila con pezas coma Window Water Baby Moving (1959) de Brakhage.

Esta desaparición é progresiva e adquire novas resonancias ao continuar o programa presentado en Numax ata Look! We have come through!, o seu estudo do corpo en movemento baseado na coreografía de Stephanie Avon. Nel, seguindo camiños iniciados pola arte performativa, a corporeidade femenina presentada inicialmente devén nunha sorte de xesto pictórico abstracto, un trazo que trae á mente traballos como a performance Moondial (1966) de Aldo Tambellini, ou o realizado moitos anos despois polo xaponés Shinkan Tamaki en curtametraxes coma Afrika I (2012).

Finalmente, a tendencia a relacionar ausencia e expresión pictórica toma corpo definitivo en She Is Away, onde a presentación dun espazo íntimo baleiro, convertido circularmente nunha superficie de cor, transforma á ausencia na dolorosa protagonista da obra. Un camiño de ida e volta cheo de sufrimento que podería ser o mesmo que leva ao espectador desde a habitación presentada en Wavelength (Michael Snow, 1967) á completa soidade azul de Blue (1993) de Dereck Jarman. Todo á vez que deixa claras algunhas das chaves mestras para novas exploracións na obra de Elder: desexo, imaxe pictórica e, por riba de todo, poesía.

Itinerario 2

Palabra, imaxe, número: Illuminated Texts (1982) // 1857 (Fool’s Gold) (1981) // The Art of Wordly Wisdom (1979)

Illuminated Texts (Bruce Elder, 1982)

Illuminated Texts (Bruce Elder, 1982)

Tanto é así que Elder, empregando a poesía como andamio sobre o que se ergue a súa obra fílmica (os filmes incluídos en The Book of All the Dead toman como estrutura cohesionadora á Divina Commedia e como referente intelectual a The Cantos de Ezra Pound), construíu un proxecto que, en liñas xerais, busca estudar as potencialidades da interacción entre esta, imaxe cinematográfica e linguaxe matemático. Como xa sinalou Brakhage, “para Bruce Elder […] unha panorámica por unha paisaxe vese (ou pódese ver) como unha ‘oración’ ou como ‘o fragmento dunha oración’ relacionada con outra dentro da montaxe dun parágrafo, a que, ademais, entrelázase a menudo co texto verbal e impreso – a visión ocular e o ‘pensamento’ in situ interveñen de forma simultánea na pantalla en tanto a proceso”.

Esta relación está presente en The Art of Wordly Wisdom e 1857 (Fool’s Gold), aínda que chega á súa maior expresión en Illuminated Texts, probablemente a súa obra máis madura. Nelas, poesía, imaxe e linguaxe matemático interactúan seguindo o exemplo sinalado por Elder durante a súa clase maxistral: o do palímpseto, onde o corpo principal agocha as pegadas do resto de materiais acumulados anteriormente. Ou como na práctica do collage, a estratigrafía, ou o traballo de Aby Warburg nos paneis do Atlas Mnemosyne, onde o historiador alemán dispoñía de paneis repletos de imaxes procedentes da pintura europea para establecer xenealoxías alén do evidente. En todos estes casos, os materiais establece vínculos e relacións orgánicas entre si e o espectador. “Creo que a experiencia poética conleva unha intuición non-discursiva e, de feito, non-racional das partes que forman un todo, nunha orde que, en certa forma, non pode ser expresada con palabras”, unha auténtica danza “do intelecto das ideas”, como a define o director canadiano. Un método de traballo que resulta tremendamente expresivo unha vez visto en pantalla e que deixa de relevo a forma na que os materiais orixinarios chegan, baixo a batuta de Elder, a novas potencialidades ás que poderían acadar por separado.

Comments are closed.