FOGUEO, de David Sainz

cartel-fogueo-ab--620x349

“As películas non son estúpidas. Énchennos de romance e furia e fantasías de vinganza. Lethal Weapon ensinounos que o suicidio é divertido. E antes de Lethal Weapon 2 nunca pensara que podería haber unha bomba no meu retrete e agora comproboo sempre!” Homer Simpson, (‘Beyond Blunderdome’, Episodio 227 de The Simpsons)

Pode semellar que comezar cunha cita de Homer Simpson é algo sacado da manga que tan só ten sentido para min. Mais Fogueo (David Sainz, 2017) bebe moito dun espírito que nos contaxia a todos aqueles que nacimos baixo o boom televisivo desta serie de animación estadounidense: o arte da parodia. Se algo ten logrado Matt Groening ao longo de décadas ao fronte da serie é inserir pequenas tramas ou guiños, ou episodios completos, baseados nunha parodia dalgún filme ou serie coñecido. Non só o audiovisual é parodiado, tamén a literatura, a pintura e a música. Todo é suxeito de parodia e todo semella enfiado cunha precisión milimétrica.

Afrontar un filme é sempre complicado, especialmente se é o primeiro ou segundo, pero é o primeiro paso, a decisión de lanzarse a esta aventura, o que probablemente custe moitísimo máis. David Sainz vén refrendado polo éxito da webserie Malviviendo (2008-2014), quizais a webserie española máis coñecida e exitosa da curta historia deste xénero. Un produto que abriu camiño para moitos outros que viñeron detrás e que acadou un nivel de referente que, a posteriori, podía ser froito de parodia. O director, hábil na linguaxe dixital, sabe de sobras cales son as claves do seu público, as notas que precisa tocar para sacar unha gargallada na sala. Fogueo será, para todos os amantes dos seus produtos anteriores, outra peza máis de xenialidade feita de Sainzdeces; para os máis profanos ou descoñecedores da súa carreira, será un produto fresco e novo, con grallas e tropezos, pero que amosa os primeiros pasos no cinema.

E é que non existe o filme perfecto, e se aínda por riba é un cinema de parodia, pódese caer na trampa de acabar convertido nunha propia parodia. Quizais o uso da voz en off que entra e sae do filme segundo o guión o precise non sexa moi acertado, lembrade a aquel falso Robert McKee en Adaptation (Charlie Kauffmann , 2002) dicindo o de “deus vos libre de empregar a voz en off”, guiño que tamén David Sainz incluíu no filme; ou quizais sexa o exceso de referencias a outros filmes as que ralentizan e alongan unha historia sinxela e entretida. Grallas, ao fin e ao cabo, que son propias dunha película independiente, arriscada, e feita coa pulsión de querer crear pase o que pase.

Porén, con todas as grallas, a película ten momentos de bendita tolemia, especialmente cando Sainz deixa que as súas personaxes se movan polo filme sen ataduras. O neonazi falando coa operadora para cambiar de tarifa, o tímido que quere mercar porno, ou o negro que é incapaz de facer de negro diante da cámara son personaxes que erguen un filme que, de ter intentado ser si mesmo en troques de querer homenaxear/parodiar, brillaría o dobre. Tamén é digno de mención a homenaxe que David Sainz lle reserva a outros creadores do mundo das webseries, entre os que debo salientar a inclusión do falso filme Marga Ninja (2017) de Vengamonjas.

En conclusión, unha introdución no mundo das longametraxes que, aínda que irregular ou pouco aproveitada, non deixa mal sabor de boca nin perde ese espírito que tiña Malviviendo. Queda agardar que Sainz comece a traballar no seguinte filme, agardemos que xa co apoio da industria do cinema, e que non permita que a súa evolución coma cineasta faga que perda ese espírito que se reivindica ao final do filme.

Share SHARE

Comments

comments

Deixa o teu comentario