FOXCATCHER, de Bennett Miller

FOXCATCHER

Adestrando raposos

É común que pasen pola carteleira filmes que se alzan como un punto de inflexión na filmografía dun cineasta mediocre até o momento ou dun actor de rexistros limitados. A listaxe de exemplos sería inacabábel. Máis difícil sería atopar obras que supuxesen unha considerábel mellora tanto para o seu director como para parte do elenco, todo á vez e Foxcatcher (Bennett Miller, 2014) entraría de cheo dentro dese pequeno inventario.

O propio Bennett Miller é a principal revelación do filme, un traballo que lle supuxo o premio ao Mellor Director en Cannes e o seu nomeamento aos Óscar. Con dous recoñecidos (aínda que xa algo esquecidos) longametraxes ás súas costas, Truman Capote (2005) e Moneyball (2011), o cineasta despuntou para certa parte da crítica e, especialmente, coa súa biopic sobre o autor de In Cold Blood, obtivo un éxito considerábel traducido en varios premios e nomeamentos. Con todo, Miller, hábil no tratamento das historias cotiás, dos micromundos dramáticos e das personalidades complexas, semellaba aínda lonxe de dominar a análise de fenómenos máis amplos, máis universais, e de conseguir algo de transcendencia neses personaxes.

Con Foxcatcher, pola contra, demostra que foi capaz de atopar un estilo, un tempo, moito máis acorde para a construción da historia de John du Pont: un adiñeirado patrocinador de loitadores profesionais que en 1997 foi condenado polo asasinato dun dos seus protexidos. O que podería ficar nunha biografía convencional sobre un filántropo con delirios de grandeza vai con Miller, por sorte, un paso máis aló; porque o filme é un espléndido estudo sobre a creación (e declive) dos heroes deportivos en Estados Unidos, sobre como un home cohibido é capaz de, a golpe de talonario, congregar a un grupo de deportistas en busca da gloria, de darlles aloxamento, manutención (como ocorre cos cans e cos cabalos das primeiras escenas do filme) e telos sometidos aos seus desexos coa xustificación de estar a colaborar na creación de novos mitos que proporcionarán ao país un punto de unión. No entanto, e isto é o máis triste do asunto, esa escusa é parcial, porque o que fica claro é que Du Pont sofre dunha grave falta de autoestima e de amor (especial atención á breve mais intensa aparición do personaxe da súa nai, interpretado por Vanessa Redgrave) que o irá destruíndo aos poucos.

Esa destrución fica acentuada polas consecuencias da súa frustrada relación con Mark Schultz (Channing Tatum), prometedor loitador que Du Pont pretende levar ao máis alto. Mark afástase do seu irmán David (Mark Ruffalo) para instalarse na casa de Du Pont -acondicionada coma un centro de alto rendemento deportivo- con outros loitadores, onde se creará un estraño vínculo entrambos que admite varias lecturas: a súa proximidade física e o continuo intento de dominación de Du Pont transpira unha ambigua conexión que Miller, de forma intelixente, deixa aberta a varias interpretacións. Unha delas, se cadra a máis clara, é a lectura homosexual, algo que non se confirma en ningún acto en concreto, mais que calquera espectador agudo pode intuír.

24 Foxcatcher 4

Alén desta posíbel dimensión homosexual, Foxcatcher é un filme valente no tratamento do corpo masculino: poucas veces antes foramos testemuñas (fóra de certos exemplos no xénero bélico) dunha proximidade corporal non-sexual entre personaxes masculinos. Neste sentido, resulta destacábel a primeira loita dos irmáns Schultz ao comezo do filme, un encontro, aparentemente insubstancial, cunha hipnótica cadencia de movementos, de rozamentos, de golpes, que Miller amosa case sen intervención da cámara nin cortes, unha decisión que lle nega á escena calquera indicio de converterse na típica secuencia de mamporros e berros exacerbados ás que Hollywood nos ten afeitos.

O triunvirato Carell, Tatum e Ruffalo

Ademais de Miller, o outro gran beneficiado do película é Steve Carrell. O actor, saído da inesgotábel canteira de cómicos do programa de humor Saturday Night Live (1975- ), constrúe a interpretación da súa vida, cando menos até agora. A súa encarnación do esquizofrénico John du Pont é un deses traballos artísticos que mudan o rumbo dunha carreira. Carrell sérvese dunha ollada intensa e enfermiza para transmitir a inestabilidade mental dese mecenas do deporte. Con todo, o actor consegue que o seu Du Pont sexa tamén un ser tremendamente patético e faino con, entroutros recursos, un brillante traballo de postura corporal (non sería Carrell o mellor aspirante para encarnar ao Pingüín se Nolan se decidise a rodar un novo Batman?) Con esa ambivalencia consegue crear un personaxe que, sen caer na histeria ou en grandes espaventos, produce intranquilidade en cada escena na que aparece.

Channing Tatum é o terceiro afortunado da existencia Foxcatcher. Se cadra a súa interpretación fica ensombrecida pola sorpresa de Carrell ou polo bo facer de Mark Ruffalo, mesmo por certos momentos de sobreactuación (ese xeito de andar tan forzado), e porque o seu personaxe perde algo de peso pasada a metade do filme. Todo isto, porén, non impide que esteamos ante o seu mellor traballo até a data. Á fin e ao cabo, Mark Schultz é a columna vertebral desta traxedia shakesperiana na que somos testemuñas do declive de tódolos seus protagonistas. Un raposo que, tras non poder ser domesticado, remata os seus días na peor das trampas posíbeis. É aí onde o filme de Miller adquire unha transcendencia que supera o caso individual e permite que Schultz se converta nunha mostra de tódolos ídolos caídos que o deporte se tragou ao longo do tempo.

Comments are closed.