FRANKENSTEIN 04155, de Aitor Rei

 FRANKENSTEIN

Dous anos despois do accidente de Angrois, a verdade sobre o acontecido na tarde do 24 de xullo segue a ser unha incógnita. Ao silencio e as medias verdades do poder político, únese a lentitude da burocracia que semella querer afogar en longos lapsos temporais de espera o desexo de xustiza. É aquí onde xorde o cine. É aquí onde xorde Frankenstein 04155. No cine non existen longos períodos de espera; no cine a xustiza atopa o acougo que hoxe máis que nunca, nunha sociedade cada día máis amordazada, é preciso como revulsivo para espertar deste longo pesadelo.

O seu nome é unha clara referencia á obra de Mary Shelley, metáfora que serve aquí para situarnos ante un enxendro mecánico creado a partir de anacos de outros trens. Non estamos pois ante unha máquina perfecta e testada, senón ante unha creación froito das présas e dos soños de gloria duns políticos obsesionados con facer chegar a suposta Alta Velocidade a Galicia. Os mesmos soños de gloria que fan que políticos coma José Blanco, un dos principais sinalados polo documental, denomine “tren híbrido” a esta máquina formada de outras máquinas. Chegado ao punto, culpamos á criatura do dano cometido ou ao seu creador?

Sobre esta reflexión parece pivotar ao comezo o documental, mais pronto se aclara que, se ben o maquinista é culpable da súa distración, existen moitos outros compoñentes que fan que ese accidente ocorra. É aquí onde comeza a parte dura da película xa que, durante case unha hora e media, disponse ante o espectador unha serie de probas que amosan un destino que semellaba xa decidido. Diferentes advertencias da perigosidade tanto do tren coma do trazado, desconexións de sistemas de seguridade para cumprir prazos de tempo, e présas por sacar a foto, tesoiras en man, do político de turno, remataron por provocar unha imaxe que aínda hoxe fica nas retinas. Por iso, non podemos culpar ao monstro, fillo de diferentes trens, mais aos seus creadores; a todos aqueles que sabendo do perigo, miraron cara a outro lado para poñerse co bo perfil para os flashes da cámara.

A película avanza e as probas vanse dispoñendo sobre a mesa. Unha, e outra, e outra, e outra… A medida que imos coñecendo novas evidencias, escoitamos como algúns nomes comezan a escadar posicións no poder. É o caso de Rafael Catalá, daquela Secretario de Infraestruturas, Transporte e Vivenda, hoxe Ministro de Xustiza. A imaxe que se vai creando co documental é a dun sistema político de cremalleira, onde o turnismo e o corporativismo priman sobre conceptos coma a xustiza ou a transparencia que tan só soan a cousa do pasado. Destacable é o rol que xogan os técnicos, enxeñeiros e maquinistas poñendo a parte máis técnica dos feitos. Persoas que, probablemente, estean xogando o seu futuro laboral en pos dunha verdade que non todos están interesados en dar a coñecer. As testemuñas van situando as bases dunha hipótese que se vai tornando en realidade maquillada a medida que diferentes gráficos e documentos relatan o acontecido. Así mesmo, tamén a desesperación e a frustración dos familiares atopan aquí un lugar onde expresarse. Lonxe dun achegamento morboso ou sensacionalista, Aitor Rei fílmaos coma filma a un técnico ou a un enxeñeiro. Nada prima sobre a verdade, todo está supeditado a un único fin: sacar á luz todos os feitos que outros tratan de agochar.

Pero, unha vez máis, onde están os políticos? Agochados nos seus búnkeres de mesas de caoba e cadeiras con rodas, tan só atopamos a representación do poder a través das diferentes declaracións vía hemeroteca. Escravos das súas palabras e dos seus silencios, os políticos non caben nun suceso no que non hai lugar para o perdón. Non existe perdón para feitos como o acontecido na Cidade da Cultura cando se lle impediu entrar ás vítimas á celebración das Medallas de Galicia; non existe perdón para as moitas carreiras políticas infladas a golpe de obras faraónicas sen sentido; non existe perdón para un poder, dunha ou doutra cor, que deu e dá as costas a un coletivo vítima das súas accións. Aquí acerta o documental en recordarnos o Yak-42, o accidente de Spanair ou o accidente do Metro de Valencia, todos sucesos onde o poder político xogou un pésimo papel. Mais, podemos culpar ao enxendro polos danos causados? Podemos culpar a un goberno que a cidadanía semella seguir apoiando nas urnas ou temos que reflexionar sobre a importancia do noso voto?

FRANKENSTEIN2

Frankenstein 04155 é un traballo de investigación extraordinario. É capaz de reunir e condensar en menos de hora e media o abano humano e técnico dunha catástrofe que marcou a Galicia. Mais é precisamente iso: un traballo de investigación. En ocasións a propia película tropeza consigo mesma en secuencias que semellan estrañas ao espectador, é o caso da montaxe do graffiti que parece sacada dun formato máis próximo ao televisivo que ao cine. Tropezos que ás veces despistan e desconcentran dun bombardeo incesante de información que, quizais polo escaso coñecemento técnico sobre o sistema ferroviario, dá a sensación de abrumar. Porén, grallas a un lado, Frankenstein 04155 responde a unha necesidade e non a criterios estéticos: aí reside a súa capital importancia. Responde a unha necesidade por coñecer a verdade e a ver que, trala cabeza de turco que o poder intenta vender (o maquinista), existe toda unha rede de erros e decisións incorrectas que salpican a todo o sistema. Verdade incómoda que fai que esta sexa unha película case de corte independiente, que ten que procurar a financiación a través de crowdfunding e ver como a súa vida comercial se limita a salas independientes e festivais de cinema. Algo similar ao que lle aconteceu a David Ilundaín con B (Bárcenas).

Quizais non sexa o momento para facer filmes deste corte se un quere labrarse un futuro nun mundo, o audiovisual, que ás veces vive a base de subvencións, que deciden os mesmos que activan ou desactivan os ERTMS atendendo a criterios propios. Mais tampouco é o momento de ficar calado e tragar coa versión “oficial” dos feitos, senón de erguerse e demostrar que quizais non todo é como nos queren facer ver.

Comments are closed.