“ICEBERG É FRÍA E CONTEMPLATIVA, NON QUERÍA QUE A XENTE SE APIADASE DOS NENOS”

Con xuño chega o verán, e con el a tempada de cinema comercial nas salas. Aínda que non en todas. A mediados de mes os españois terán a oportunidade de comprar a súa entrada para ver unha das películas máis interesantes do ano: Iceberg, do salmantino Gabriel Velázquez. Trátase dunha obra silenciosa que che berra ao oído sen apenas falar. Contemplativa ao máis puro estilo da vangarda sueca, a cinta entrelaza as vidas de catro adolescentes coa auga do río que baña as entrañas da provincia natal do director, Salamanca. Carente de adultos, a historia céntrase nas desventuras duns mozos que fan gala da reflexión roussoniana: “A adolescencia é como un segundo parto… No primeiro nace un neno e no segundo, un home ou unha muller. E sempre é doloroso”. No caso da película charra asistimos ao segundo alumeamento. E facémolo dun modo chocante, cheo de traumas e frustracións.

Tiven o pracer de coñecer a Gabriel e ao seu equipo na pasada edición do FICXixón, e logo, a principios deste curso, recibinos na miña nova casa, Róterdam. Foi antes de que a película fixese as Américas (Cartaxena de Indias, México D.F.), antes mesmo de que o cartaz lucise os loureiros do Premio a Mellor Película e Premio Xurado Mozo do Festival de Cinéma Espagnol de Nantes. Agora é un alivio saber que estes “artesáns do celuloide” van ver a súa obra anunciada nas marquesiñas españolas, pero naquel momento o único que se daba por feito era a premier no Matadero de Madrid. Con todo, Ga (para os amigos) xa estaba exultante coa andaina da película. Neste contexto, e coa confianza que dan un par de pintas de cervexa irlandesa, sentei a falar con el. Rescato a continuación o groso daquela conversa que tivo lugar en xaneiro.

En Xixón dixéchesme que estabas moi contento coa película, era o primeiro festival ao que a levabas. Agora en Róterdam, como estás?

Ultimamente estou excitado coa miña vida. Estou flipando. Dicir que estou na mesma sección que Kaurismäki (SPECTRUM) é unha honra. De feito, quizais é coincidencia, quizais destino, pero grazas ás boas críticas que escoitei da súa última peli (Le Havre) e das comparacións que algúns colegas fan coa miña primeira película en solitario, Amateurs, volvina revisar e debo dicir que Amateurs está de puta madre (risas). Todo isto estame dando unha enerxía enorme, suficiente para crer nun próximo proxecto e agora téñoo claro… Vou facer a próxima película. Influíume a estrea en Xixón, a mención especial que obtivemos do xurado. Vir a Róterdam é un soño feito festival. Grazas á presenza no IFFR, Iceberg gañou en popularidade e foi seleccionada en Cartaxena de Indias, DF e Nantes.

A primeira vez que lin unha crítica sobre Iceberg o que máis me chamou a atención foi un comentario: “Os Kids do Tormes… os Kids de Iceberg”. Foi unha nota previa á súa estrea no Festival Internacional de Cinema de Xixón, unha aventurada chiscadela realizada mesmo antes de ver a cinta. Supoño que a estas alturas, e aínda que as comparacións son odiosas, escoitarías todo tipo de valoracións.

A día de hoxe búscolle paralelismos con outras obras e non os atopo, pero si que me convenceron un pouco de que ten algo de El globo blanco de Jafar Panahi, Donde está la casa de mi amigo de Abbas Kiarostami, e xa máis occidental, trazos de Last Days e Elephant de Gus Van Sant. Acerca de Larry Clarke, nesta montaxe definitiva non atopo tanta relación, si que se notaban máis chiscadelas noutras versións nas que había diálogo por un tubo e ata pelexas con cutter.

A edición desta película dixeches que foi para ti un proceso doloroso. Por que?

Para min foi un proceso que reafirmou a confianza que tiña en min mesmo como cineasta e como persoa. Pódese dicir que ata antes de Iceberg estaba a buscarme a min mesmo, e a súa montaxe final é o que me terminou de definir. Algunhas cousiñas nas que estou a traballar, ademais da promoción da película, é a versión en DVD. A montaxe foi moi longa, moi dura e dolorosa, pero ese traballo non vai ir a parar ao lixo, a edición comercial incluirá como extras as outras dúas montaxes “definitivas” que resultaron de todo o proceso de minimización da película. Para min é un bo exercicio coller as tres versións e velas de seguido unha noite calquera, pásoo como un anano. Espero poder compartir esa sensación cos espectadores.

Precisamente chama a atención esa falta de música, a falta de diálogos, ese silencio que aparentemente non di nada, pero que ás veces o di todo.

É unha peli fría, contemplativa, non quería que a xente se apiadase dos nenos compartindo as súas emocións. Non busca a empatía do espectador. Pretendía que fose dura. É algo innato salmantino. A pouca música que hai na película é típica ancestral salmantina, compúxoa un amigo que vive en México ao que lle mandamos instrumentos orixinais fabricados por un artesán da rexión, embalámolos e cruzaron o charco. Na melodía soan tambores, frautas, gaitas, pandeiros cadrados e “o redondo”, un artefacto moi especial que serve para escorrentar lobos e que tamén é tradicional australiano.

A edición dicías antes que foi dura, pero tamén o foi o casting. Visitaches case todos os colexios da provincia de Salamanca nunha especie de maratón. Dedicácheslle moito tempo. Do mesmo xeito que en Sud Express e Amateurs, en Iceberg contas con actores non profesionais.

Para min o casting é unha procura de personaxes, non de actores. A verdade é que eu non sei atopar actores, pero dáseme ben dar co personaxe en carne e óso. Hai unha anécdota moi boa en Amateurs relacionada con Nieves (Paco Luque), un dos dous personaxes principais. Fixemos casting con actores profesionais, pero non nos terminaban de convencer. Así que dividimos ao equipo en grupos, collemos cada grupo unha cámara e botámonos á rúa en Madrid en busca do Nieves perfecto. Ao final atopeimo nun parque de Vallecas, xogando ás cartas. Fíxenlle unha proba in situ e despois convoqueino para ensaiar e finalmente protagonizar a película. A verdade é que é un personaxe de Dreyer que te cagas.

No caso de Iceberg percorremos todos os colexios da provincia. Houbo casting tamén en Madrid, a través de YouTube, MySpace e vía Tuenti (de feito tiven que cancelar a conta porque non daba abasto). Buscaba perfís moi concretos, rapaces de 11 anos de idade, e a verdade que estaba un pouco cagado porque non era tarefa fácil (de aí o das redes sociais). Ás veces ao percorrer as colas dábame de conta que a metade dos rapaces non deberían estar alí, que se cadra non deberían nin entrar facer a proba. Porén, polo carácter da película e a idade dos aspirantes, quixen que todos tivesen a experiencia, que puidesen gravarse e pasalo ben. Quería devolverlle algo á cidade que tanto me deu.

O último que che deu Salamanca foi unha estrea ao grande no Teatro Liceo. Xa dixeches que a película é “dura”, se cadra un tanto difícil para o espectador non habituado a ese manexo contemplativo da linguaxe cinematográfica. Con todo, crees que é unha peli para todos os públicos?

Aquí o meu compañeiro Manuel -montador do filmes, presente na entrevista- di que Iceberg lle gustou ata á súa nai (risas). O pase en Salamanca foi apoteósico, felicitáronme ata os políticos. Envolveron a estrea coa etiqueta do evento cultural do ano na cidade. O concelleiro de Cultura comentoume: “arriscaches e acertaches”, o que me quita un peso de encima porque o Concello da cidade puxera parte do diñeiro para producir o proxecto (tamén a Xunta de Castela e León e o Ministerio de Cultura). Debo dicir que os apoios chegaron xa coa produción en marcha, tireime á piscina sen ter moitos recursos e sen fallarse aínda as subvencións. Rodámola en tres semanas e xusto cando a acabamos de rodar chegou o diñeiro. Foi un salto de fe, por así dicilo, porque en realidade non sabía se ía poder terminala.

Pois termináchela e ademais viaxaches con ela, vala estrear e estás a pensar xa na próxima. Antes dicíasme que a vas a facer si ou si. Podes xa dar algúns detalles ou é top secret?

Sobre a próxima peli? Cóntoche que está inspirada en Jota e Simón, os dous ‘macarrillas’ que aparecen en Iceberg interpretados por Víctor García e Juanma Sevillano. Trátase de facer unha película de acción sen acción sobre o lado salvaxe da mocidade. De feito xa sei ata en cantos planos a vou rodar, pero non cho digo para non foder con cábalas e esas cousas (afirma entre risas).

__________

Con premier madrileña na Cineteca do Matadero de Madrid (31 maio), o 15 de xuño Iceberg estrearase en toda España co respaldo de Pirámide Films.

FOTO GABRIEL VELÁZQUEZ: Helena Exquis.

Comments are closed.