Glitch: A arte do accidente. Ontoloxía e evolución
VII Premios María Luz Morales da Academia Galega do Audiovisual
Premio ao Mellor ensaio escrito sobre audiovisual internacional: Glitch: A arte do accidente. Ontoloxía e evolución, de Manuel Iglesias Vila.
“A aparición do plano virtual no transcorrer das nosas vidas supuxo unha revolución en case todos os ámbitos da nosa vida. O glitch, dun xeito semellante ao proceso mutaxénico nos códigos biolóxicos, supón unha reflexión sobre os métodos de exploración aos que deixa acceso, aporta relevancia e tanxibiliza as limitacións do medio no que se desenvolve. A reflexión desta variante da arte dixital pretende unificar a idea puramente conceptual baixo a que se desenvolve o glitch coa praxe dos procesos que o delimitan, revisando a relación entre a técnica, o artista e as condicións materiais que subliña mediante a corrupción”.
O xurado entregou o premio a mellor ensaio escrito sobre audiovisual internacional a Glitch: a arte do accidente. Ontoloxía e evolución, pola súa necesaria contribución ao estudo dun concepto marcadamente contemporáneo e pouco tratado en Galicia, feita cunha documentación e un desenvolvemento rigorosos. O xurado destaca ademais a súa capacidade para adoptar diferentes ópticas (desde a definición teórica e a súa evolución ata os retos ligados aos condicionantes técnicos) e a reflexión do texto sobre a potencialidade creativa do “erro”.
*Estes premios contaron co apoio da Área de Cultura da Deputación da Coruña, a Área de Cultura, Patrimonio Histórico Artístico e Normalización Lingüística da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, a Deputación de Ourense e a Deputación de Pontevedra.
**María Luz Morales (A Coruña, 1889 — Barcelona, 1980) destacada escritora e xornalista, foi unha das primeiras mulleres en España en ser directora dun diario estatal (La Vanguardia). Activista feminista, republicana e galeguista, o seu pouso intelectual deixou unha fonda pegada na historia do século XX.