GUY DEBORD, CONTRA O CINEMA ESPECTÁCULO

Guy Debord realiza entre 1952 e 1978 tres curtametraxes e tres longametraxes. Tódolos títulos son concebidos en 35 mm, branco e negro, sonoro. Na súa filmografía pódense distinguir catro fases: unha primeira de chegada ao cinema; a segunda, de autoreflexión cinematográfica e constitutiva da Internacional Situacionista; a terceira, marcada polo afán de filmar a teoría situacionista; e a última, que vén a ser un balance panexírico (Coppola, 2006:34-70). Estas catro fases correspóndense grosso modo cos primeiros tempos de colaboración con diferentes persoas ou grupos afíns: Isidore Isou e os letristas (1951), Asger Jörn e a Internacional Situacionista (1957), e o productor cinematográfico e fundador de edicións “Champ libre” Gérard Lebovici (1971). Para entendermos mellor, os filmes de Debord, é importante profundizar a vía da autodestrucción da arte, promulgada por algúns dadaístas e surrealistas e continuada por letristas e situacionistas. Convén, ademáis, familiarizarse coas fórmulas da tradición consellista e libertaria, amplamente difundidas a partir do maio do 68 grazas a enragées e situacionistas. Moi resumidamente pódese dicir que a clave está na superación da arte, a política, o cinema, e toda actividade separada, en favor da súa realización na vida cotiá.

O primeiro destes filmes é, en palabras do propio Debord, unha obra cinematográfica concibida sen vontade de desenvolvementos positivos, salvo algunhas alusións programáticas, que depende das complexas motivacións letristas e participa plenamente da fase de descomposición do cinema na súa forma máis extrema (Debord, 2006:349-350). As dúas curtametraxes seguintes pódense considerar esbozos dos primeiros experimentos teóricos e prácticos, orientados á construcción de cada intre de vida mediante o uso unitario dos métodos situacionistas. Estas dúas curtametraxes veñen a ser un equivalente cinematográfico do informe preparatorio para a célebre conferencia de unificación de 1957, que da lugar á Internacional Situacionista. Trala implicación directa nas revoltas de maio do 68, a agardada adaptación cinematográfica de La Société du spectacle enmárcase nun progresivo abandono da acción colectiva cos situacionistas, en beneficio de proxectos máis próximos ao persoal e ao cinematográfico. A terceira curtametraxe é unha tentativa de fundamentar unha base común para a crítica da cinematografía e sociedade burguesas, unha discusión pública das fórmulas cinematográficas e revolucionarias do filme anterior. A última longametraxe segue reivindicando unha líña de acción concreta, a coherencia dunha traxectoria cinematográfica e vital sempre consagrada á loita contra a orde social, cunha tendencia á xeneralización e radicalización, o que fai da crítica da arte e do cinema un elemento cada vez máis inherente á crítica das clases sociais, e viceversa.

A estes seis filmes débese engadir un traballo en vídeo titulado Guy Debord, son art, son temps (1994), realizado con Brigitte Cornad e producido por Canal +. En canto á “súa arte”, presenta un resumo da pantalla en negro con silencio do seu primeiro filme; en canto ao “seu tempo”, unha selección das imaxes máis funestas emitidas por televisión nos últimos anos (Jappe, 1998:120). Tamén hai que mencionar unha longa lista de achegas teórico-prácticas en disciplinas moi diversas, así como unha inxente producción bibliográfica, a cotío parcial ou totalmente vinculada ao cinema, vía numerosos artigos, editoriais, cartas, prefacios, comunicados, tratados, traducións, e un total de dezasete libros. Para non nos extender demasiado, propoñemos a continuación deixar de lado a biografía e bibliografía de Debord, en favor dunha análise fílmica en tres pasos: renuncia ao cinema espectáculo, transformación vía montaxe-détournament e integración en situacións cinematográficas. Vexamos, entón, cales son os materiais utilizados para facer o filme, a relación entre estes e o tipo de interlocución que persegue.

Poster do filme 'The Society of the Spectacle' (1973), baseado no ensaio homónimo publicado polo propio Debord en 1967

Nos filmes de Debord, a banda visual acostuma incorporar unha ampla amálgama de fotografías, cómics, anuncios, carteis, subtítulos, pantallas en branco ou en negro, metraxe de arquivo, ou directamente expropiada doutros filmes, e metraxe propia, normalmente composta de tomas urbanas (1). A banda sonora, salvo irrupcións puntuais de músicas e silencios, diálogos doutros filmes ou locucións de noticiarios, céntrase case sempre no comentario en off, en voz do propio Debord, igualado por todos lados en canto ao volume, homoxéneo entre as distintas frases e dentro de cada frase, sen efectos retóricos, cun discurso frío, monótono e un pouco lonxano, mais sen deixar de ser audíbel (2). Imaxes banais e maioritariamente plaxiadas, voces inexpresivas acompañadas de carteis e subtítulos, interrumpidas por pantallas en branco ou en negro, con músicas e periodos de silencio. Crítica precisa á cultura da imaxe, mirada sinistra ao curso da humanidade e do planeta. Abundancia de representacións da sociedade espectacular fronte á máxima austeridade da banda sonora. A única aventura é contestar a totalidade, o centro da cal é o modo de vida (Debord, 1961).

En segundo lugar está a transformación de elementos mediante a montaxe-détouranment. A montaxe discrepante, ou antisincronismo, como modo de articular imaxes recuperadas e deterioradas e mediante a cal a banda sonora e visual pasan a ser tratadas de forma autónoma, sen relación significante. O détournament como método para poñer en contacto elementos directamente extraídos da realidade, a priori distantes e insignificantes. Das colisións provocadas pola combinación destas dúas técnicas herdadas do cinema letrista, xorde un sinfín de novas relacións que resultan nunha transformación do orixinal. Dá igual se se parte de creacións propias ou plaxiadas, a finalidade é crear ambientes unitarios e dinámicos nos que o interlocutor poida desempeñar unha función determinante. Subversión do espectáculo como conxunto de relacións sociais mediado por imaxes, onde a visión ten unha función fundamental á hora de transmitir ordes e consignas. Subversión do cinema como substituto dunha comunicación e actividade ausentes, que reproduce estas xerarquías mediante a dramatización de aventuras vividas por outros ou a limitación arbitraria da cuestión tratada. Nada de renovar nin destruír o cinema, tampouco de facer anti-cinema, senón esencialmente loitar contra o espectáculo (Coppola, 2006:119-121 ).

En terceiro e último lugar remarcamos a integración dos dous aspectos anteriores no que denominamos situacións cinematográficas. As revoltas de maio do 68 inspíranse, en boa medida, en principios de democracia directa e autoxestión, ao tempo que rexeitan fórmulas tradicionais de organización “dirixista”, como o partido e o sindicato, e abordan novos ámbitos como poden ser a cultura ou o consumo (3). Nese contexto, a teoría situacionista propón a sedición en todas e cada unha das facetas da vida cotiá, único laboratorio no que a ciencia para crear situacións pode validar ou refutar as súas hipóteses. A revolución é aquí e agora, e iso evidentemente non exclúe o cinema. Hai que evitar toda disociación de teoría e práctica, toda separación entre métodos e fins, arte e vida, política e vida, cinema e vida. O rexeitamento total ao cinema espectáculo e a transformación de fragmentos insignificantes mediante unha montaxe-détournament, destinada a rebasar o berro, dan lugar aquí a unha nova forma de comunicarse, erixida sobre a máxima incomunicación e hermetismo. Optar por un modo de vida diferente, transformar colectivamente o medio, xestar un estilo cinematográfico propio e consecuente, fundamentado na unificación de experiencias cotiás e cinemáticas. Ante a transitoriedade da vida e a ausencia inducida do espectáculo, cada cal é responsable da creación das súas propias situacións cinematográficas. Cinematógrafo en estado puro?

Descarga e le neste link o artigo na súa versión orixinal en catalán

(1) As longas pantallas en branco ou negro e o uso de película deteriorada son, en certo modo, accidentes, tal e como suxire o “Premier scénario jamais tourné de Hurlements en faveur de Sade” publicado na revista Ion en 1952.

(2) Esta caracterización da locución en off corresponde a unha nota con “Instruccións para o enxeñeiro de son de In girum” datada de 1977.

(3) Para Philippe Sollers y Olivier Assayas os filmes de Debord foron os únicos que conseguiron capturar e presentar o verdadeiro espírito das revoltas (VVAA 1998, 2008:86,87,105).


BIBLIOGRAFIA

Coppola, Antoine (2006); Introduction au cinéma de Guy Debord et de l’Avant-Garde Situationiste. Sulliver.

Debord, Guy (1950-1994); Oeuvres. Gallimard, 2006.

Jappe, Anselm (1993); Guy Debord. Traducción de Luis Andrés Bredlow. Anagrama, Barcelona,

1998.

VVAA (2008); Questionnaire: 68, et moi, emois, et nous. En: cinéma 68. Cahiers du cinéma, Paris.

FILMOGRAFÍA

Debord, Guy (1952); Hurlements en faveur de Sade. Films Lettristes. 75 minutos. En línea en

ubu.com

Debord, Guy (1959); Sur le passage de quelques personnes à travers une assez courte unité de

temps. Dansk-Fransk Experimentalfilmskompagni. 20 minutos.

Debord, Guy (1961); Critique de la séparation. Dansk-Fransk Experimentalfilmskompagni. 20

minutos. En línea en ubu.com

Debord, Guy (1973); La Société du Spectacle. Simar Films. 80 minutos. En línea en ubu.com

Debord, Guy (1975); Réfutation de tous les jugements, tant élogieux qu’hostiles, qui ont été

jusqu’ici portés sur le film “La Société du Spectacle”. Simar Films. 25 minutos. En línea en ubu.com

Debord, Guy (1978); In girum imus nocte et consumimur igni. Simar Films. 100 minutos. En línea en ubu.com

Debord, Guy y Cornad, Brigitte (1994); Guy Debord, son art et son temps. Canal+. 60 minutos.

RECURSOS EN LÍNEA

Debord, Guy (1967); La société du spectacle.

En línea en http://infokiosques.net/spip.php?article374.

Debord, Guy (1998); La sociedad del espectáculo.

En línea en http://www.sindominio.net/ash/espect.htm.

Díez, Oriol (2011); Situaciones cinematográficas: Debord, Bresson, Cinéma 68.

En línea en http://situcine.blogspot.com/

Knabb, Ken (1998); Bureau Of Public Secrets.

En línea en http://www.bopsecrets.org.

UbuWeb (1996); Film & Video. En: UbuWeb. Inclúe case todos os filmes de Debord.

En línea en http://www.ubuweb.com.

Comments are closed.