HITCHCOCK EN TRUFFAUT

Se, de súpeto, o cinema tivera que ser sen banda sonora e volver, de novo, a ser unha arte muda, entón, moitos directores veríanse destinados ao desemprego. Pero, entre todos os supervivintes estaría Alfred Hitchcock, e todo o mundo decataríase, ao fin, de que el é o mellor director de cine do mundo.

(François Truffaut)

A confesada admiración do director francés François Truffaut polo xenio británico Alfred Hitchcock deu como resultado un dos volumes imprescindibles en calquera biblioteca cinéfila. O cine según Hitchcock analiza, de forma detallada, toda a filmografía de Hitchcock en máis de 50 horas de entrevista. Hoxe, este libro converteuse no documental Hitchcock/Truffaut (2015, Kent Jones), unha carta de amor á sétima arte a través do diálogo entre os dous directores e tamén de pequenas entrevistas con outros persoeiros do cine que remarcan a importancia, non só do cine de Sir Alfred, senón tamén da labor de difusión e crítica de Truffaut.

E é que a sombra de Hitchcock é alongada e a súa man agóchase no cine de Truffaut tras secuencias e arcos dramáticos que responden a un único adxectivo: hitchcockianas. É certo que quizais algúns detalles poidan semellar collidos con pinzas, por exemplo o guante blanco de L’marieé était en noir e a conexión con Dial M for murder, pero nada semella trivial cando Truffaut aproveitaba calquera intre ou espazo para homenaxear a un dos que el consideraba, así como a plena de Cahiers do momento, un auteur.

Mirar sen ser visto, xogos de confusos, personaxes que non contan toda a verdade ou escenas nas que o espectador cre saber algo que pronto dará unha reviravolta son chiscadelas que Truffaut semella agochar dentro da súa obra e que apuntan a un referente universal de todos os cinéfilos. Este exercicio de semellanzas poderíase facer con calquera director, efectivamente, porque ‘o mestre do suspense’ é o Cine, con maiúscula, ese referente ao que acodemos, ás veces inconscientemente, unha e outra vez, para atopar inspiración (e fascinación). Por iso, alí onde ollemos atoparemos algo que nos remita ao director británico. Desde un guante branco ata unha pistola gardada nun bolso, todo remite ao cine daquel que revolucionou o cinema.

Sirva este vídeo para homenaxear a Hitchcock, mais tamén a Truffaut, director e crítico de cinema, labor que parece non ser capaz de abandonar nin ao filmar películas, xa que as súas verbas de admiración aparecen ocultaas tralas imaxes/chiscadelas. Como cénit desta admiración, Vivement Dimanche!, película que repite, un tras outro, a técnica e a trama de Hitchcock ata o punto de que poderiamos considerala un filme máis da obra do inglés.

 

Share SHARE

Comments

comments

Deixa o teu comentario