IDA, de Pawel Pawlikowski

24 Ida 1

A multipremiada longametraxe do director Pawel Pawlikowski foi, sen dúbida, un dos exercicios fílmicos máis interesantes do ano pasado. Con máis de medio centenar de galardóns ás súas costas sen que concluíse aínda a tempada de premios, Ida (2013) reflexiona desde o concreto sobre a historia recente de Polonia. A urxencia persoal do cineasta de explorar as súas orixes tomou forma no relato da noviza que dá nome ao filme, obrigada a saír ao mundo exterior para confrontar a súa realidade vital. Recluída no convento dende que era un bebé, Anna foi criada no catolicismo e agarda tomar os seus votos nun futuro próximo. Con todo, a nai superiora anúncialle que ten unha tía viva e convídaa a reunirse con ela antes de iniciar a súa vida monacal. É aí cando Anna descubrirá que ela en realidade é Ida, unha xudía cuxos pais foron asasinados, e embarcarase xunto á súa tía Wanda nunha viaxe para atopar os seus restos mortais.

A rapariga convértese nun paradoxo puro no hábil guión de Pawel Pawlikowski e Rebecca Lenkiewicz, unha contradición que é á súa vez reflexo da evolución histórica do país durante e despois da Segunda Guerra Mundial. O filme confronta deste xeito dous polos opostos: Anna, a moza que se aferra á súa fe en todo momento, e Wanda, a fiscal amargada e descreída que cometeu crimes contra a humanidade en nome dunha causa pola que renunciou á súa familia. Neste punto, a ficción mestúrase coa historia persoal do director, posto que o personaxe de Wanda está baseado nunha muller chamada Helena Brus-Wolinska que Pawlikowski coñeceu cando estudaba en Oxford: cando descubriu que a encantadora esposa do seu profesor de económicas propiciara a morte de inocentes sentiuse tan conmocionado que pensou en adicarlle unha historia, malia que finalmente refugou a idea para incorporala a Ida coma o contrapunto necesario para definir á súa protagonista. Este non é o único retrinco da vida do cineasta na metraxe, dado que a música, a ambientación e os espazos tamén remiten á súa propia infancia. Así, o filme responde ao desexo de volver ao pasado, a un ano, 1962, que en palabras do propio director é “un período non descritivo en Polonia”.

Estética silenciosa da culpa compartida

A fortaleza de Ida radica precisamente na recreación dese período. Do mesmo xeito que en Das weisse Band (Michael Haneke, 2009), dá a impresión de que Pawlikowski se viu impelido a filmar o seu proxecto en branco e negro, incapaz de retratar a crueldade do que mostra en cor. De feito, Ida é inconcibíbel sen a súa escala de grises, e non só porque esta decisión nos devolva a unha época pretérita, senón porque así o filme destila o halo propio da cinematografía dos anos sesenta. A composición dos planos é soberbia, así como o emprego do silencio, utilizado tanto dende un punto de vista formal a través da súa banda sonora como por medio da fotografía.

Desque Pawlikowski despuntara no cinema de ficción con My Summer of Love (2004), ficou en evidencia a súa predilección pola música diexética, que en Ida cristaliza coa inclusión de grandes éxitos do pop e o jazz daquel momento. O seu traballo de cámara, pola contra, seguiu unha evolución oposta: se My Summer of Love se caracterizaba polo emprego da cámara en man para subliñar as impresións do personaxe que ollaba, os encadres do cineasta foron facéndose cada vez máis estáticos até acadar o inmobilismo case absoluto en Ida. Esta evolución foi progresiva, dado que xa atopamos esta planificación na malograda A femme du Vème (2011), na que o director polaco depurara a estética da súa narrativa coa axuda do seu director de fotografía habitual, Ryszard Lenczewski. Porén, foi a colaboración entre eles con Lukasz Zal a que orixinou o prodixio estético que supón Ida. Cunha composición exquisita e estática, na que cada plano é un cadro en si mesmo, a imaxe convértese no auténtico vehículo de significado da obra.

24 Ida 2

Nunha longametraxe na que abundan os silencios, a opresión e a culpa calada dos seus personaxes, a imaxe afánase en subliñar esa melancolía, esa brutalidade, ese baleiro: os primeiro planos que vemos de Anna no convento están acentuados pola cantidade de aire superior dos encadres. Remítenos ao silencio da súa vida sinxela? Transmítenos o seu baleiro? A súa opresión? Ou se cadra todas estas ideas ao mesmo tempo? A estética de Ida é unha estética de suxestións, de verdades ditas a media voz e pecados sen confesar. A elección do formato de 4:3 reforza esa noción de tempo pasado: o cineasta menciona entre os seus referentes o cinema de Jean-Luc Godard, aínda que o seu filme semella remitir máis ben á obra de Carl Theodor Dreyer.

Poética e tráxica radiografía das feridas abertas na Polonia posterior á ocupación nazi e aos seus bárbaros crimes, Ida explora a culpa da súa cidadanía desde diferentes prismas: dende o punto de vista dos labregos convertidos en asasinos polo medo e a cobiza, dende o idealismo de esquerdas radicalizado e convertido en homicida, e desde a ollada da vítima inocente que debe asumir e afrontar o que pasou e, en consecuencia, decidir como vai afrontar o seu porvir. Pawlikowski non ofrece respostas e dá por concluída a súa historia cando, por primeira vez, a cámara se move para seguir os pasos de Anna/Ida de volta ao convento. Baixo a ollada do cineasta polaco, pouca marxe fica para a esperanza. 

Share SHARE

Comments

comments

Deixa o teu comentario