IKARIE XB 1, de Jindrich Polák

ik-2

Nunha das escenas paradigmáticas de Ikarie XB 1 (Jindrich Polák, 1963) Michael, un dos protagonistas, percorre os corredores da súa nave espacial movido pola desesperación tras ser contaminado pola radiación dun corpo astral descoñecido. Polák, na que fora a súa primeira incursión no xénero, escolle rodar esta secuencia desde a distancia, compoñendo un todo xeométrico entre o corpo do cosmonauta e as parades circulares da nave.

Para todo espectador contemporáneo, incluso aquel posuidor dun ollo inocente, resulta imposible non ver similitudes entre esta escena, tanto na composición coma no coidado deseño de produción, e outras de filmes capitais posteriores coma Solaris (Andrei Tarkovsky, 1972), Alien (Ridley Scott, 1979) e, especialmente, 2001: A Space Odyssey (Stanley Kubrick, 1968). Por iso non estraña que tanto no Festival de Cannes, encargado de amosar a restauración da copia durante o último Cannes Classic, coma Capricci Cine, a súa distribuidora en España, aproveitasen estas filiacións coma gancho para promocionar o filme como precursor de obras como a de Kubrick, director que quedou impresionado despois de asistir a un pase da remontaxe americana de Ikarie XB 1.

Se coma espectador é imposible non apreciar estes nexos, afirmar a súa existencia implica a necesidade de reflexionar sobre o valor per se de Ikarie XB 1, obviando a existencia das obras que a seguirían no futuro. T.S. Eliot xa reflexionaba en “A tradición e o talento universal” sobre a forma na que as obras contemporáneas condicionaban a nosa visión e aprecio de obras procedentes do pasado cando dicía aquelo de “cando se crea unha nova obra de arte, lle sucede simultaneamente a todas as obras de arte que a precederon”. Asáltanos entón a pregunta: é Ikarie XB 1 unha película valorada en exceso polo que atopamos nela de obras mestras posteriores? Ou é sen dúbida unha obra fundamental para comprender a ciencia ficción das seguintes décadas, o particular monolito kubrickiano que levou o xénero a novas cotas como xa o fixera Fritz Lang co seu Metropolis (1927)?

En primeiro lugar, é importante falar do filme en relación co seu contexto e orixe literario: nese sentido, Ikarie XB 1 é unha obra de absoluta propaganda, conectada directamente co clima de xúbilo posterior á posta en órbita de Yuri Gagarin. O texto orixinal de Stanislaw lem é simplificado por Polák e o seu guionista Pavel Jurácek, especialmente no desenvolvemento psicolóxico das súas personaxes e na súa concepción argumental. Queda univamente a viaxe aos confíns do espazo en busca dun novo planeta que sirva de escapatoria dunha Terra demasiada contaminada para seguir sendo habitable. A obra de Lem vese relegada á metáfora da viaxe especial como tránsito dunha sociedade corrupta cara o estado socialista ideal. O argumento, pese á súa orixe literaria e a contar con apoio económico total do poder político (dobraba o presuposto habitual dun filme do seu contexto), nunca acada o voo suficiente como para poder achegarse á profundidade humana doutras grandes películas e ciencia ficción especulativa.

Ikarie low 8

O guión si destaca, pola súa orixinalidade, no seu tratamento á hora de construír o seu desenvolvemento argumental. Este avanza a base de fragmentos estancos que difiren tanto no seu fondo temático (altérnanse episodio máis habituais no xénero, como aqueles de exploración ou alarde tecnolóxico, con auténticos rara avis, coma o baile da tripulación ,de clase espírito prom, denominado como “twist do futuro” por un xove Umberto Eco) como no seu ton (que pasa indistintamente da comedia ao romance e ao drama). O conxunto deixa un sabor único e moi orixinal, independentemente da súa persistencia ao longo do tempo tanto na narración episódica televisiva, doado ver a súa relación con soap operas como Star Trek ou remake de Battlestar Galactica, como en filmes contemporáneos, como no caso de Bonh Joon-ho e a súa mestura de xéneros en Gwoemul (2006).

Onde Ikarie XB 1 si brilla indiscutiblemente é na súa elaborada concepción visual. Apoiado por unha nómina de colaboradores de talento (destacan Zdenek Seydl, ilustrador de futuro, e Josef Istler, que terá unha importante carreira no surrealismo checo) Polák constrúe a súa película baseándose nunha serie de acertos visuais que van desde o coidado deseño de produción, pasando por vestiario e a posta en escena; co seu estilizado uso do primeiro plano e do travelling de acompañamento. Con todo, existe un pero a todos os seus acertos do seu dispositivo visual: Ikarie XB 1 exaspera ao espectador polo seu repetitivo léxico: o que por separado son acertos claros rematan por agotar polo seu uso indiscriminado. A montaxe, anticlimática e acelerada no peor senso dos dous termos, acaba por afogar a atmósfera desasosegante lograda durante o comezo do filme.

En definintiva, Ikarie XB 1 resulta unha obra irregular, que pese a seu indudable atractivo e orixinalidade, non logra acadar en ningún momento o nivel das obras mestras que o continuaron. Estes títulos, sobre os que indudablemente influiu, rematan converténdose nunha pesada carga á hora de xulgala, canibalizando as súas vitorias e facendo máis evidentes todos os seus defectos. Debe ser valorada, isto é innegable, coma esa fonte de “aguas inesgotables,/ infinitamente cheas de vida”, que era para Rilke a cidade de Roma; un filme cheo de detalles e imaxes da que beberán moitos directores de talento. Pero a seguinte pregunta é innevitable: Serían tanto 2001 coma Solaris sendas obras mestas se eliminasemos todos os detalles nos que, sen dúbida, beben de Ikarie XB 1? Unha vez vista a película, a resposta semella evidente.

Non hai artigos relacionados.

Share SHARE

Comments

comments

Deixa o teu comentario